Como na anterior precampaña electoral, cando viaxou á sede da empresa en París co coronavirus xa activo en Galicia, o presidente visita a fábrica viguesa
Como durante a anterior precampaña electoral, na que se chegou a desprazar á sede central da empresa en París, o presidente da Xunta visitou este mércores a fábrica viguesa do grupo PSA Peugeot-Citroën. Alí salientou o traballo do Goberno galego para facer da planta viguesa a máis competitiva do grupo, unha mensaxe que lanza mentres está aberta unha investigación da UE sobre axudas públicas de 20,7 millóns de euros outorgadas á compañía en 2017 polo Estado a través da Xunta -non cobradas polo momento-, e só un día despois de que o presidente de Francia, Emmanuel Macron, veña de salientar o compromiso da súa industria de “relocalizar a produción de valor engadido” no seu territorio.
As fotografías deste mércores da visita de Feijóo á fábrica viguesa de PSA presentan varias diferenzas e similitudes coas da viaxe a París do 6 de marzo, a menos dun mes das despois frustradas eleccións do 5 de abril. Daquela, unha semana antes de que decretase a emerxencia sanitaria en Galicia polo coronavirus un día antes que o estado de alarma estatal, as imaxes amosaban a Feijóo e o presidente da compañía, Carlos Tavares, separados, sen darse a man como nas fotos que adoitaba distribuír a Xunta antes da pandemia. O encontro producíase dous días despois de confirmarse en Galicia o primeiro caso de coronavirus, tamén estendido por Francia.
Desta volta as imaxes da visita de Feijóo á fábrica viguesa amosan o primeiro minuto de silencio polas vítimas do coronavirus gardado polo presidente galego tras a entrada en vigor este mércores do loito oficial a nivel estatal, que durará unha semana fronte ao mes establecido pola Xunta durante todo maio.
Feijóo salientou os "procesos innovadores" de PSA, que recibiron axudas agora baixo a lupa de Bruxelas, e a posición de Galicia como "referente mundial no coche eléctrico", que Macron quere potenciar en Francia relocalizando alí "a produción de valor engadido"
Segunda a Xunta, na visita deste mércores, xusto despois do anuncio de Macron de que Francia aposta polo vehículo eléctrico e de baixas emisións para salvar a súa industria do automóbil, expresando o compromiso das empresas do sector de “relocalizar a produción de valor engadido en Francia” e de “consolidar e manter a totalidade da produción industrial” nas plantas francesas, o presidente galego salientou que Galicia está posicionada como “un referente mundial no coche eléctrico e no vehículo autónomo”.
O Goberno galego tamén salienta os “procesos innovadores” implantados por PSA na súa produción. Para innovacións neses procesos de produción o Goberno central presidido por Mariano Rajoy, a través dunha petición da Xunta, outorgou en 2017 axudas por preto de 20,7 millóns de euros que están a ser investigadas pola UE. A Comisión Europea ten “dúbidas canto á contribución dos proxectos de investimento ao desenvolvemento da rexión en cuestión”, en referencia a Galicia, e deixou constancia de que as axudas outorgadas, pero aínda non desfrutadas por PSA á espera do que se resolva, ofrecéronse sen “ningunha obriga de novos postos de traballo”.