As intermitencias de Stellantis: 60 quendas ao limbo no que vai de ano

Stellantis xa anunciou a cuarta quenda para incrementar a produción de furgonetas. © Carlos Rodríguez

Resulta complicado de entender por que nunha situación de máxima produción, coa anunciada recuperación da quenda da fin de semana para facer máis furgonetas e a alteración das vacacións da metade do cadro de persoal por necesidades produtivas, a fábrica de Balaídos tivo que parar por falta de compoñentes nada máis retomar a actividade

Cada día entran nas instalacións da antiga Citroën de Vigo 800 camións con pezas para facer posible a montaxe de 2.300 vehículos que xa están previamente encargados. Cada coche necesita arredor de 5.000 pezas, que proceden de 125 provedores situados en Galicia e no estranxeiro. Toda esta engrenaxe ten que estar moi ben engraxada e no momento en que algún provedor falla, para a máquina. Aínda que menos que o ano pasado, a máquina segue a parar de cando en vez. 

No que vai de ano en Stellantis Vigo houbo un total de 61 quendas eliminadas sen máis explicación que a falta de aprovisionamentos. Xa non estamos a falar de semicondutores nin microchips, son outras pezas de tipo mecánico indispensables para poñer en marcha os vehículos. “É difícil de explicar por que dun día para outro hai que parar. Cando xa parecía superado todo o tema das paradas, á volta das vacacións de novo estamos así”, indica Aser Sanz Fernández, secretario xeral da UXT en Stellantis. 

Stellantis conta con preto de 6.000 persoas traballadoras no seu cadro de persoal. © Stellantis Vigo

Este ano moitas das persoas traballadoras do Sistema 2 da fábrica de Stellantis en Vigo –responsables da montaxe das furgonetas- tiveron que reducir o período de vacacións en agosto a dúas semanas debido a gran demanda de modelos como a Citroën Berlingo, a Peugeot Partner, a Fiat Dobló, Opel Combo e Toyota Proace. Porén, volveron o luns 21 ao traballo e o martes xa houbo que parar pola tarde, pola noite e o mércores tamén

Fontes da empresa explican que foi un “problema loxístico, non relacionado cos semicondutores” pero aseguran que non poden dar máis detalles. “Non podemos poñer en evidencia un provedor”, afirman desde a antiga PSA

Fontes da empresa explican que foi un “problema loxístico, non relacionado cos semicondutores” pero aseguran que non poden dar máis detalles. “Non podemos poñer en evidencia un provedor”, afirman desde a antiga PSA.

Segundo os datos da propia empresa, Stellantis Vigo conta con 125 provedores de compoñentes, que abastecen a factoría co sistema just in time, que supón a práctica inexistencia de stocks e unha dependencia absoluta da excelencia loxística. “É chocante pero hai tempo que se traballa así. Os coches que se fabrican están pedidos”, destaca o representante da UXT.

“Para nós a realidade obedece á deslocalización de provedores que provoca a falta de cadencia. Temos falta de compoñentes e falta de calidade nas subministracións”, indica Vítor Mariño, secretario xeral da sección sindical da CUT en Stellantis. 

A compañía sitúa en 5,8 millóns as pezas que se moven ao día, das que o 93% viaxan en camións e o 7% en barcos ata a ría de Vigo. O 42% das pezas proceden de empresas situadas en Galicia, o 15% de España, o 19% de Portugal, o 14% de Francia, Marruecos xa acada o 5% e o outro 5% restante procede doutros países.

“Non chegan as pezas desde o Grupo porque hai distintos problemas con provedores e a día de hoxe non nos garanten as subministracións. O fluxo está tenso”, advirte desde CC OO Santiago García Cameselle. “Non é correcto nin ten sentido que queiran recuperar a fin de semana pero non sexan capaces de manter a actividade diaria. Nós solicitamos que o Grupo garanta o subministro”, asegura o secretario xeral da sección sindical de CC.OO. en Stellantis Vigo. 

Cada día entran nas instalacións de PSA Vigo 816 camións cargados con pezas para a montaxe de coches. © Stellantis Vigo

Das 61 quendas anuladas no que vai de ano 46 corresponden ao sistema 1 (que fabrica o Peougeot 301, Citroën C-Elysée e Peugeot 2008) e as 15 restantes ao sistema 2, o das furgonetas.

“Para nós a realidade obedece á deslocalización de provedores que provoca a falta de cadencia. Temos falta de compoñentes e falta de calidade nas subministracións”, indica Vítor Mariño, secretario xeral da sección sindical da CUT en Stellantis.

Adecuación e flexibilidade

Mariño lamenta a dinámica xa establecida da fábrica de confirmar semana tras semana a produción. “Agora faltan pezas de mecanizado, pero é o mesmo, ao non existir penalizacións eles non teñen problema. Ao final quen pagamos somos os traballadores”, asegura Mariño. “Cada xornada que non traballas é un día que lle debes á empresa, que se desconta da bolsa de horas e cando xa consomes iso pois restas do teu desemprego”, detalla. 

“Por que paramos? Realmente é unha pregunta que nos levamos facendo hai tempo. Non é xusto nin merecido. Actualmente está todo sincronizado pero quen paga son os traballadores da planta e do resto da comarca. Citroën pode facer o queira e nós temos que resistir para agardar un gran cambio”, indica desde a CIG Manuel Domínguez.

E neste contexto a empresa xa ten anunciada a recuperación da cuarta quenda, a da fin de semana, para montar máis furgonetas porque a demanda así o require. A posta en marcha desta quenda supón a contratación de 700 persoas máis, o que elevará o cadro de persoal a unhas 6.700 traballadoras e traballadores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.