A muller xustificou as necesidades familiares adecuadamente pero o ente público non negociou con ela, como obriga a lei, polo que vulnerou "o principio de igualdade" e "o dereito a non ser discriminada por razón de sexo"
O Tribunal Supremo vén de declarar firme, con data do 16 de maio, unha condena á CRTVG por vulnerar a igualdade e discriminar por sexo unha traballadora á que rexeitou unha petición correctamente xustificada para adaptar a súa xornada laboral por conciliación coa súa vida familiar. O ente público non negociou con ela, como obriga a lei, polo que é condenado a indemnizala con 6.200 euros.
A sentenza do Supremo, un máis dos múltiples pronunciamentos xudiciais contra a CRTVG, tamén evidencia que o ente público eixou pasar o tempo cando ese tribunal lle pediu que concretase aspectos do seu recurso, cuestión que finalmente non fixo, o que a levou a perdelo dous anos despois dos feitos que deron orixe ao preito.
Os feitos agora pechados pola xustiza coa ratificación da condena por parte do Supremo remóntanse a marzo de 2021, cando a traballadora, redactora e empregada do ente público desde 2000, pediu a adaptación da súa xornada laboral por conciliación porque tiña dúas fillas, unha delas lactante. A CRTVG rexeitou a petición de horario concreto que fixo sinalándolle que “trataría de facilitar unha adaptación horaria pero dentro dos horarios existentes no departamento” no que traballaba a redactora.
Os feitos ocorreron en 2021, cando un xulgado deu a razón á traballadora, pero a CRTVG recorreu e o TSXG aumentou a condena tamén cunha indemnización, e tras un novo recurso agora o Supremo ratifica a sentenza previa
A muller recorreu á xustiza e en xullo de 2021 un xulgado do Social de Santiago deulle a razón e estableceu que tiña dereito a fixar o seu horario para garantir a conciliación. A CRTVG recorreu esa sentenza e en marzo de 2022 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) non só ratificou que a muller tiña dereito a adaptar o seu horario senón que ampliou a condena e considerou que o ente público vulnerara a igualdade e “o dereito a non ser discriminada por razón de sexo”, polo que lle impuxo unha indemnización de 6.200 euros.
Nesa sentenza o TSXG constatou que a traballadora xustificara adecuadamente as súas necesidades horarias e que “non houbo unha negociación entendida como tal entre a empresa e a traballadora”, negociación obrigada por lei. O tribunal tamén constatou que a empresa non acreditara ningún prexuízo nin alteración organizativa por aceptar os horarios de entrada e saída que pedía a traballadora.
Pero a CRTVG volveu recorrer á última instancia, o Tribunal Supremo. Fíxoo esgrimindo unha suposta discrepancia entre o xeito en que o TSXG se pronunciara sobre este caso e como o fixera noutros. O Supremo non o viu así e pediulle que concretase en que medida os pronunciamentos xudiciais previos eran contraditorios, pero a CRTVG xa non contestou ao alto tribunal. “A parte recorrente deixou transcorrer o prazo concedido, sen que consten nas actuacións escrito algún”, constata o Supremo. Un proceso que levou a que a condena agora firme da CRTVG por uns feitos de 2021 chegue máis de dous anos despois, desta volta cunha nova condena engadida a pagar tamén as costas xudiciais por 300 euros.
A CRTVG vén recibindo sucesivas sentenzas en contra nos últimos anos por diferentes conflitos co seu persoal
A CRTVG vén recibindo sucesivas sentenzas en contra nos últimos anos por diferentes conflitos co seu persoal. De feito, a propia Xunta admitiu que a Corporación perdeu a metade dos litixios laborais que mantivo cos seus profesionais desde 2018 e ata xuño de 2022: 176 sentenzas, das que 87 foron favorables para os e as traballadoras. Algunhas implicaron mesmo a anulación de ordes da empresa que modificaban as condicións de traballo de varias persoas ou, moito antes, a confirmación da ilegalidade que supoñía a vixilancia do correo persoal dos traballadores levada a cabo pola dirección da CRTVG.
Pero hai moitas máis: son centos (máis de 200), por exemplo, as demandas gañadas por persoal da CRTVG ao que os tribunais recoñeceu a súa condición de indefinido nos últimos anos e logo de que se denunciase o "uso abusivo e fraudulento da relación laboral ou cesión ilegal de traballadores". Confirmábase así nos xulgados o abuso da temporalidade que os profesionais levaban tempo denunciando e que o propio Supremo evidenciara noutra sentenza na que obrigaba a TVG a indemnizar ou readmitir unha traballadora que asinara 152 contratos nunha década.
O mesmo alto tribunal confirmou tamén hai algo máis de tres anos a condena que se ditara contra a CRTVG por vulnerar o dereito á folga feminista do 8M. Daquela, o Supremo acusara a Corporación de substituír unha presentadora que secundara o paro para “limitar o dereito de folga” e “neutralizar o efecto propio e esencial do exercicio dese dereito”. Unha situación semellante á que lle valera outra condena por vulnerar o dereito ao paro en 2019.
Con todo, dos últimos golpes xudiciais ao ente dos medios públicos destaca, sobre todo, a primeira sentenza contra a CRTVG por represalias a un traballador crítico. Hai menos dun ano, o TSXG confirmou a condena á Corporación, ratificando o ditame do Xulgado do Social Número 1 de Santiago que acusaba a empresa de sancionar o xornalista Carlos Jiménez por mobilizarse contra a manipulación nos venres negros.