Outra sentenza contra os intereses da CRTVG. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anula a atribución unilateral que a Corporación fixo aos seus redactores do labor de edición básica de vídeo por ser “unha modificación substancial de carácter colectivo das súas condicións de traballo". O ditame aclara, ademais, que con esta medida a dirección dos medios públicos vulnerou o procedemento que establece o Estatuto dos Traballadores respecto destas modificacións, que obriga a abrir un período de consultas coa representación sindical antes de aplicar decisións deste tipo.
A sentenza, á que tivo acceso Praza.gal, atende así parte da demanda presentada polo sindicato CUT e á que se adheriu tamén UGT, pero non atende a que tiña que ver respecto tamén de novas atribucións de labores aos operadores-montadores de vídeo.
O TSXG entende que atribuírlle aos redactores o labor de edición de vídeo é “unha modificación substancial de carácter colectivo das súas condicións de traballo"
Segundo explican as centrais, a CRTVG teimou sempre en que “impoñerlle ao persoal de redacción as funcións de edición (historicamente desenvolvidas polos operadores e operadoras de video) non representaba unha modificación substancial das súas condicións laborais, facendo caso omiso das advertencias da CUT e UGT, que sempre expuxeron a inseguridade xurídica que representaba a medida unilateral disposta pola empresa”.
A sentenza do TSXG, contra a que cabe recurso no Supremo, asegura que o argumento da Corporación, que apelaba ao cambio tecnolóxico que supuxo a posta en marcha da nova plataforma dixital para impoñer esta medida non está xustificado e supón de facto unha “mobilidade” funcional “descendente”.
A sentenza aclara que a CRTVG debeu cumprir cos trámites previstos no Estatuto dos Traballadores ao ser unha medida "definitiva e con vocación de permanencia"
Segundo o tribunal, a comparativa entre as tarefas previstas e as encomendadas “difire notablemente” ao pasar o redactor de “propoñer” a “experimentar non un incremento das súas propias funcións, senón a realizar ex novo e directamente un labor material de execución que, cualitativamente estraña a súa configuración persoal regulamentaria e contractual, así como a súa adebedada prestación de servizos, altera e transforma aspectos fundamentais do contrato, ao tempo que, por encaixar no ámbito dos operadores-montadores de vídeo implica, dados os niveis dun e doutro colectivo, unha mobilidade descendente, co conseguinte prexuízo”.
Ademais, o ditame aclara que a medida “non é accidental nin provisional”, senón “definitiva e con vocación de permanencia”, polo que “a súa eventual eficacia esixe necesariamente (...) cumprir cos trámites previstos no artigo 41.4 do Estatuto dos Traballadores (ET), até o de agora obviados pola empresa”.
Xa que logo, o TSXG ditamina que a atribución pola CRTVG do labor de edición ´basica aos seus redactores “é unha modificación substancial das súas condicións de traballo de carácter colectivo”, polo que declara a “nulidade” da medida por non ter en conta o procedemento establecido no ET e condena a Corporación a “respectar” o ditaminado.
Ante o ditame, as sección sindicais da CUT e a UGT pídenlle á empresa “que acate de inmediato a sentenza e non dilate de xeito indefinido a súa aplicación, polo prexuízo que lle está a ocasionar ao persoal afectado, que leva meses asumindo funcións anuladas por este ditame”.
A sentenza súmase a varias que a Xustiza ditaminou contra a CRTVG, como a que declarou hai xa anos ilegal a vixilancia do correo persoal realizada pola dirección ou a que condenou a empresa por vulnerar o dereito á folga na mobilización feminista do 8M, ademais dos preitos perdidos en favor de varios traballadores que viron recoñecida a súa categoría profesional.
O 40º venres negro pide a marcha do director xeral
Este novo ditame xudicial contra a CRTVG chega no 40º venres negro co que boa parte do persoal da Corporación segue a mobilizarse “contra a manipulación” e polo cumprimento da Lei de Medios. Nesta ocasión, e aproveitando o 70º aniversario do director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, o colectivo Defende A Galega pide a súa marcha. “Vai sendo hora de ir para a casa”, reclama.
“O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, cumpre hoxe 70 anos. Un momento máis que acaído para ir pensando no retiro. Logo de 40 semanas de protestas vai sendo hora de que naza unha nova CRTVG. #PasaPaCasa e pasemos páxina”, di nas súas redes sociais.
As protestas chegaron tamén á propia emisión da Radio Galega o pasado xoves cando o grupo Los Vagos, que levou a cabo unha actuación en directo. “Quero dedicar este tema a todos os traballadores da Radio Galega e da TVG, que están pelexando contra a manipulación, e polos venres negros”, dixo un dos seus membros. “Aínda que non sae moito nos medios, como estamos en directo... Igual non os chaman para a seguinte, pero quero dedicarlles este tema a eles”, insistiu.