A Xunta recoñece que a CRTVG perdeu practicamente a metade dos litixios que afrontou por asuntos laborais nos últimos catro anos e medio. Segundo indica o Goberno galego, os xulgados do social ditaron desde 2018 e ata xuño deste ano un total de 176 sentenzas resultado dun conflito laboral entre persoal e a Corporación Radio e Televisión de Galicia. De todas elas, 87 -o 49%- resultaron favorables aos traballadores, mentres que 89 caeron do lado da empresa.
Así o recoñece o Executivo galego nunha resposta parlamentaria escrita ás preguntas da oposición sobre os "procesos xudiciais e sentenzas condenatorias" pola xestión do persoal da CRTVG e sobre as "responsabilidades a asumir" por parte da dirección. BNG e PSdeG fan referencia, sobre todo, á sentenza do xulgado do Social número 1 de Santiago -despois ratificada polo TSXG- que condenou a Corporación por sancionar un traballador en represalia por mobilizarse nos venres negros.
Aquela primeira sentenza contra a corporación dos medios públicos galegos por represalias a persoal crítico aclarou tamén que se conculcaran dereitos fundamentais do traballador, o locutor e xornalista Carlos Jiménez: o de liberdade de expresión e o de tutela xudicial. "O único caso aberto que afecta a dereitos fundamentais e supón o 0,35% da litixiosidade de toda a Corporación", presume a Xunta na resposta parlamentaria.
O Goberno galego admite 176 sentenzas nos últimos catro anos e medio por un conflito laboral entre persoal e a CRTVG, 87 a favor dos traballadores
Houbo outros que xa se pecharon, como o que condenou a CRTVG por impedir conciliar a unha traballadora e vulnerar os seus dereitos fundamentais ao ser discriminada por razón de sexo.
É unha das moitas sentenzas ditadas en contra da CRTVG por cuestións laborais nos últimos anos. A Xunta recoñece 87 nos últimos catro anos e medio. Fontes do comité de empresa elevan a máis de 200 as demandas gañadas por traballadores e traballadores dos medios públicos se ampliamos o abano a máis anos atrás, na maioría de casos recoñecéndoselles por vía xudicial a fraude na súa contratación temporal ou a cesión ilegal e a indefinidade do seu vínculo coa empresa.
Ante esta resposta, as mesmas fontes advirten de que as cifras que achega a Xunta "son difíciles de crer" e que "ben seguro son moitos máis os conflitos laborais nos que a Xustiza dá a razón ao persoal fronte á empresa, sobre todo ultimamente".
A Xunta reduce a condena á CRTVG por represaliar un traballador crítico a "un tema estritamente laboral"
No caso particular da condena por represalias a Carlos Jiménez, a Xunta tirou do argumentario que xa empregara o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, no Parlamento. Tamén o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apoiara a actuación da Corporación.
Agora, o Goberno galego advirte que "a base da actuación do departamento de Recursos Humanos da CRTVG foi un tema estritamente laboral arredor dunha incompatibilidade" e nega que a actuación, como di a sentenza, estivese relacionada coa participación activa do traballador nos venres negros contra a manipulación informativa e polo cumprimento da lei de Medios.
"Deducir que a partir da participación sindical dun traballador, máis ou menos intensa ou máis ou menos significativa, derive nunha conduta como a explicitada na sentenza desviando o obxecto do procedemento disciplinario, pode condicionar ou cominar a que na eventual apertura de expedientes disciplinarios se distinga entre traballadores con actividade sindical e aqueles que non a efectúan, ou en obrigar a xustificar aprioristicamente que a apertura do expediente non ten nada que ver con calquera outra circunstancia derivada de actividades sindicais", di a Xunta seguindo a tese marcada pola CRTVG e que foi desmentida polo implicado. "Comecei como delegado sindical un ano despois de que todo isto comezase", lembraba Jiménez en Praza.gal.
Ademais, e respecto ás críticas sobre a actuación da CRTVG cos traballadores críticos, a Xunta cre que "identificar unha situación empresarial a partir dunha sentenza individualizada non amosa a realidade do contexto laboral". "É evidente que se debe rexeitar absolutamente a acusación relativa ao exercicio dunha presunta política de represalias; unha postura insostible á vista dos datos obxectivos", di o Goberno galego.
A sentenza do xulgado do social, pola contra, advertía da "relación causal e tamén temporal" da sanción que lle fora imposta a Jiménez cos procesos xudiciais que o traballador gañou á CRTVG e "coa manifestación da súa discrepancia xornalística a respecto da política informativa da corporación". E lembraba que a "inmediatez temporal existente entre a mobilización dos venres negros, iniciada a finais de maio de 2018 con activa participación do traballador", permitía concluír que a sanción fora "unha resposta da entidade demandada á actuación legal e xornalística do demandante nunha relación causa-efecto".
Malia a sentenza, a Xunta nega unha "política de represalias": "É insostible á vista dos datos obxectivos"
Despois, o TSXG coincidía co ditame do xulgado en que o traballador vira vulnerado o seu dereito á liberdade de expresión e información. Ademais, reiteraba a "inmediatez temporal entre a apertura do expediente disciplinario" e a "participación activa do demandante nos venres negros", moi activo "nas redes sociais", e que "tiña por obxecto a denuncia por parte de diversos traballadores do que consideraban por parte da dirección de políticas de manipulación informativa".
"A CRTVG non probou que a sanción tivese obedecido a un propósito alleo ás represalias polas accións exercitadas", dicían no ditame as tres maxistradas do TSXG.