Logo de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificase que a CRTVG sancionou un traballador por terse mobilizado contra a manipulación nos medios públicos e despois de que o ditame confirmase a postura da Fiscalía e dun xulgado compostelán e advertise de que se vulnerou a liberdade de expresión do seu persoal, o presidente da Xunta cualificou de "axeitada" a "política" da Corporación.
Alfonso Rueda, malia as constantes denuncias de colectivos como Defende A Galega e do Colexio Profesional de Xornalistas ou as críticas da oposición, recoñeceu que nin tan sequera coñece "o contido concreto" dunha sentenza na que por primeira vez o alto tribunal galego sinala a CRTVG por represaliar un traballador por mobilizarse, neste caso nos venres negros. O xefe do Executivo galego, ademais, di avalar a "política" dos medios públicos, onde persoal advirte do incumprimento desde hai máis dunha década da lei de medios ou onde se acumulan as sentenzas -ata 200- en contra por abuso de temporalidade e contratos en fraude.
"Chegamos a unha situación na que semella que nada é escandaloso porque todo é unha sucesión de escándalos", di Olalla Rodil (BNG)
"Chegamos a unha situación na que semella que nada é escandaloso porque todo é unha sucesión de escándalos", di Olalla Rodil, xornalista, deputada do BNG e representante nacionalista desde hai tempo na comisión parlamentaria de control da CRTVG. Alí, o director xeral da Corporación insiste en desdeñar calquera crítica, minimizar as denuncias ou mesmo ignoralas. Na última sesión, o pasado martes, Alfonso Sánchez Izquierdo reduciu a unha "cuestión laboral" a condena por represalias e instou a oposición a mudar a lei de medios que, dixo, está "obsoleta" malia que mantén aspectos claves sen cumprir.
"Segue sendo director xeral en contra da lei e non se desenvolveu nin o estatuto profesional nin o consello de informativos, que neste caso serían claves para cumprir co seu papel de defense a amparo de Carlos Jiménez", en referencia ao xornalista que, segundo o TSXG, foi represaliado por se mobilizar contra a política da Corporación. "É gravísimo que o alto tribunal confirme que nos medios públicos se viola o dereito á liberdade de expresión dun profesional", engade Rodil, que volve lamentar que feitos "tan graves" non teñan a repercusión nin o reproche político ou social que "si merecerían, por parte de moitos, se fosen en TVE ou na TV3".
"A manipulación e a falta de pluralidade na CRTVG é algo silenciado; o clima é de escurantismo absoluto e impunidade total", di Noelia Otero (PSdeG)
"A manipulación e a falta de pluralidade na CRTVG é algo absolutamente silenciado e iso é o que lle dá ao director xeral esa impunidade", comparte Noelia Otero, xornalista como Rodil, deputada e representante do PSdeG na mesma comisión parlamentaria. "Hai moi pouco reflexo mediático e social do que acontece nos medios públicos, que é moi grave... O clima é de escurantismo absoluto e de impunidade total", insiste.
A maioría absoluta do PP ou o escaso impacto mediático dos numerosos conflitos na CRTVG fan que "a marxe de manobra sexa limitada", como di Rodil, que cre que "de non haber unha presión máis alá do Parlamento, unha traslación social", a situación non mudará axiña. "A propia sociedade galega debe defender os seus medios públicos, esixir que cumpran coa súa misión de servizo público, que representen o pluralismo e que garantan os dereitos fundamentais", asegura quen lembra que "hai trece anos" que se veñen denunciando as mesmas cousas, e cada vez máis graves, nos medios públicos galegos.
"É desesperanzador e frustrante", insiste Noelia Otero, que lembra, ademais, que a CRTVG "está a gastar cartos públicos en recorrer sentenzas" que a condenan por vulneracións de dereitos fundamentais ou por razón de sexo. "Son situacións moi graves, escándalos que ás veces parecese que nin ocorren", lamenta, tras denunciar que Sánchez Izquierdo acode á comisión de control "para facer política partidaria, criticar o Goberno central e a oposición e non responder ao que se lle pregunta".
Rodil e Otero cren necesario "dar máis peso a un "asunto tan serio" e conseguir "trasladar á sociedade" a gravidade da "manipulación perversa na CRTVG"
Otero, ademais, fai "autocrítica". "É certo que nos partidos da esquerda estamos atentos ao que acontece na CRTVG, pero o Goberno galego e o presidente Rueda deberían ser interpelados máis sobre unha situación que inclúe precariedade, centos de condenas por cuestións laborais, manipulación, sancións en represalia por mobilizarse... É un asunto serio dabondo como para darlle máis peso, máis aló da sesión de control, e para levalo á axenda política acotío", explica.
Rodil, pola súa banda, tamén fai autocrítica malia que é sabedora de que na dirección da CRTVG "xogan ao desgaste, a cansar e esgotar aqueles que denuncian". "Quizais non somos quen de trasladar á sociedade a importancia do que estamos sinalando, desa manipulación perversa que hai nos medios públicos de Galicia", insiste a deputada do BNG que, aínda así, recoñece a dificultade de situar na axenda un conflito que é "silenciado".
211 'venres negros' de denuncia
Neste venres, Defende A Galega celebra o seu 211º venres negro "denunciando o incumprimento da lei de medios, a manipulación e o desmantelamento da radio e da televisión públicas". A resposta da dirección, como sinala tamén a oposición, é sempre a mesma: desleixo, desprezo ou ignorar as reivindicacións.
Tamén Feijóo, que vén de abandonar a Xunta logo de trece anos no goberno sen atender ningunha das demandas nin tan sequera considerar que existen. Cando a mobilización se achegaba ás cen semanas, o presidente asegurara que non sabía se seguía en pé. Ao iniciarse, dixera que a manipulación acabara coa súa chegada ao poder. Agora, o seu sucesor, Alfonso Rueda, di "respectar" as mobilizacións pero avala a política da CRTVG e recoñece que nin coñece o contido da sentenza que condena os medios públicos por represaliar un dos seus traballadores.
Desde a dirección mesmo se evita aludir ao nome do colectivo Defende A Galega: "Esa plataforma que vostedes citaron", "certos grupos minoritarios", "un grupo de persoas" ou "movemento reivindicativo" son algúns dos eufemismos empregados por Alfonso Sánchez Izquierdo nas súas comparecencias na comisión de control parlamentaria da CRTVG, onde chegou a acusar a traballadores de alegar persecución ideolóxica por "intereses persoais". O pasado martes tampouco o citou, reduciu a sentenza a prol de Carlos Jiménez a unha "cuestión puramente laboral" e advertiu de que o ditame en contra "non cuestiona o bo facer" da Corporación. Unha vez máis, coma se nada tivese pasado.