En 2019, a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) arquivou o expediente que abrira á xornalista Tati Moyano, presentadora do Telexornal Serán que dimitiu dese labor xunto a Alfonso Hermida para denunciar control informativo e que reivindicara ante o presidente da Xunta as protestas dos venres negros polo cumprimento da lei de medios. A xornalista fora expedientada por utilizar o servizo de maquillaxe da canle para presentar unha gala benéfica contra o cancro, un proceso que suscitara unha vaga de solidariedade. Só uns días despois, a CRTVG abriu outro expediente contra o locutor Carlos Jiménez, activo igualmente nas mobilizacións, por unha presunta incompatibilidade tras locutar nun programa elaborado por unha produtora e emitido pola propia TVG, un labor que tiña feito xa en moitas outras ocasións. Logo de meses de múltiples mostras de apoio e protestas contra a “represalia” pola súa significación a prol dos medios públicos, foi sancionado coa suspensión de emprego e soldo de nove días por unha falta grave.
A Fiscalía cre que a CRTVG sancionou o locutor Carlos Jiménez en represalia por mobilizarse nos 'venres negros'
Jiménez decidiu acudir aos tribunais e recorrer aquela sanción imposta pola CRTVG. A pasada semana compareceu no Xulgado do Social número 1 de Santiago nun xuízo que quedou visto xa para sentenza. E nel, a Fiscalía pediu que se estimase a demanda interposta polo locutor e, xa que logo, a revogación da sanción por non ter sido realizada en forma e a condena á Corporación por vulneración de dereitos fundamentais, ao considerar o expediente unha represalia contra o traballador pola súa mobilización nos venres negros e polos varios procedementos xudiciais que gañou á CRTVG nos últimos anos en materia laboral.
Sánchez Izquierdo nega a "persecución política ou ideolóxica" que denuncia a oposición
A eses dous expedientes aludiu este xoves, na comisión parlamentaria de control da CRTVG, a oposición para acusar a Corporación de levar a cabo "persecución ideolóxica ou política" polos seus "posicionamentos" ou "reivinicacións", tal e como denunciaran xa máis de 550 profesionais dos medios públicos. A deputada socialista Noa Díaz citou expresamente a Tati Moyano e Carlos Jiménez e de casos que "chegaron ou están na xustiza" que, alertou, "parece que lles poden dar a razón", en referencia ao xuízo polo recurso do locutor.
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, respondeu considerando "inaceptable que se fale de persecución a traballadores da CRTVG". "Por favor, non utilice o argumento de persecución político-ideolóxica poruqe non a hai", dixo quen si recoñeceu "debates laborais, persoais ou individuais".
"Nalgúns casos pode haber utilización política ou ideolóxica como argumento cara a determinados intereses persoais", engadiu, tras advertir da súa intención de "non falar" de circunstancias privadas de traballadores.
"Nalgúns casos pode haber utilización política ou ideolóxica como argumento cara a determinados intereses persoais", di o director xeral da CRTVG
O debate tivo lugar nunha comisión na que BNG e PSdeG volveron criticar a "deriva ideolóxica" e a "falta de pluralidade" nos medios públicos que negou en todo momento Sánchez Izquierdo.
O director xeral, ademais, e ante as críticas pola supresión das desconexións locais na TVG, vinculou esta decisión á competitividade. Así, argumentou que "os contidos hoxe en día son transversais en canto ao consumo" e que a información de proximidade colle xa na programación que se ofrece. "Apostouse por crear bloques informativos centrados en contidos de proximidade; é uha aposta máis para ser máis competitivos, non hai que ter medo á transformación", engadiu.
O BNG, no entanto, cualificou a fin das desconexións locais como un "recorte de servizo público sen precedentes".
Sánchez Izquierdo, ademais, presentou tamén ante o Parlamento a memoria da CRTVG correspondente ao exercicio de 2020 e reivindicou o superávito obtido, que situou nos 1,8 millóns, así como o incremento das audiencias, especialmente do consumo de contidos dixitais, dun 2%.
Mentres, os venres negros impulsados polo colectivo Defende A Galega entre persoal dos medios públicos cumpren xa 176 edicións, desta vez en defensa do servizo público. "Non podemos pemritir que se desmantele o público, que é de todas", reivindican.