A CRTVG sancionou a Carlos Jiménez, que recorreu e demandou a Corporación por presuntas "represalias" tras mobilizarse nos 'venres negros'
Hai agora case dous anos, a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) arquivou o expediente que abrira á xornalista Tati Moyano, presentadora do Telexornal Serán que dimitiu dese labor xunto a Alfonso Hermida para denunciar control informativo e que reivindicara ante o presidente da Xunta as protestas dos venres negros polo cumprimento da lei de medios. A xornalista fora expedientada por utilizar o servizo de maquillaxe da canle para presentar unha gala benéfica contra o cancro, un proceso que suscitara unha vaga de solidariedade. Só uns días despois, a CRTVG abriu outro expediente, desta vez contra o locutor Carlos Jiménez, unha das voces máis recoñecibles da TVG e da Radio Galega e activo igualmente nas mobilizacións. Atribuíuselle tamén unha presunta incompatibilidade tras locutar nun programa elaborado por unha produtora e emitido pola propia TVG, un labor que tiña feito xa en moitas outras ocasións. Logo de meses de múltiples mostras de apoio e protestas contra a “represalia” pola súa significación a prol dos medios públicos, foi sancionado coa suspensión de emprego e soldo de nove días por unha falta grave.
Pero Carlos Jiménez decidiu acudir aos tribunais, ante os que recorreu aquela sanción imposta en 2019 pola CRTVG. O pasado luns, compareceu no Xulgado do Social número 1 de Santiago nun xuízo que quedou visto xa para sentenza. E nel, a Fiscalía pediu que se estimase a demanda interposta polo locutor e, xa que logo, a revogación da sanción por non ter sido realizada en forma e a condena á Corporación por vulneración de dereitos fundamentais, ao considerar o expediente unha represalia contra o traballador pola súa mobilización nos venres negros e polos varios procedementos xudiciais que gañou á CRTVG nos últimos anos en materia laboral que implicaron mudanzas nas súas condicións contractuais.
No xuízo, visto xa para sentenza, a Fiscalía pediu que se estime a demanda do traballador e que se condene a CRTVG por vulnerar os seus dereitos fundamentais
Á Fiscalía, segundo relata o avogado do locutor, Brais González, pareceulle "insostible" que a testemuña achegada pola empresa no proceso, o director da Área de Contidos, Fernando Rodríguez Ojea, recoñecese que a única persoa da que se interesara polo réxime de incompatibilidades fose Carlos Jiménez. Esta foi, entre outras moitas, a resposta clave que semella que fixo entender ao Ministerio Fiscal que o proceso aberto non fora unha cuestión rutineira nin moito menos casual, como si defende a CRTVG.
Porque Rodríguez Ojea, sempre segundo o avogado de Jiménez e outras fontes coñecedoras do proceso, limitouse a trasladar á xuíza que malia ser responsable de contidos desde 2017 foi vendo a estrea dun dos programas nos que intervén o afectado cando se decatou de que era quen o locutaba. "Malia que eran emisións que tiñan unha continuidade de dez anos e que o traballo de Carlos era absolutamente coñecido para todos", explica o letrado. "Creou un momento ficticio de toma de coñecemento que foi incapaz de soster porque é insostible", reitera quen lembra que o directivo da CRTVG "veu dicir que non exercía responsabilidade ningunha, nin coñecía o programa, nin quen locutaba ou que renovaba os contratos a cegas".
Para o letrado da CUT, o "transcendente" da declaración foi que o responsable da Área de Contidos acaba por "presentar a súa irresponsabilidade e incompetencia como coartada para atacar un traballador". "Como non fai o seu traballo e non se entera do que ocorre, decátase casualmente dunha circunstancia xa sabida... É insostible", insiste.
"A CRTVG utiliza presuntos incumprimentos do réxime de incompatibilidades para ir contra as persoas significadas nos 'venres negros", creo o avogado do locutor
Esta circunstancia uniuse logo a que a testemuña achegada pola CRTVG recoñecese que a única persoa da que investigou o seu réxime de incompatibilidades foi Carlos Jiménez, o que revela, para a Fiscalía segundo as mesmas fontes, que había un indiciario calro de vulneración de dereitos fundamentais.
No fondo, segundo o letrado do locutor, as cada vez máis asentadas sospeitas de que a CRTVG utilizou o réxime de incompatibilidades e os seus posibles incumprimentos para "ir contra as persoas que se significaban nos venres negros", a prol do cumprimento da lei de medios e contra a manipulación. Ocorreu, di, no caso de Tati Moyano, nun proceso que quedou finalmente arquivado, e agora neste, no que a xuíza terá a última palabra pero na que a posición da Fiscalía quedou moi clara.
O proceso aberto a Jiménez refírese, en concreto, á súa locución no programa Polo Rego, emitido pola propia TVG, o que suporía unha presunta incompatibilidade. Foi o director da Área de Contidos quen advertiu de que escoitara a voz de Jiménez na emisión, en outubro de 2018, dese espazo, segundo consta no expediente ao que tivo acceso Praza.gal. Así foi como se lle abriu o proceso disciplinario ao afectado por un labor idéntico ao que o locutor realizou durante anos e polo que foi mesmo felicitado por directivos e cargos de responsabilidade que nunca lle puxeron pega ningunha.
Jiménez advertiu que presentara máis de dez anos antes a petición de compatibilidade e que lle fora concedida, tal e como consta no expediente. A CRTVG argumenta que aquela compatibilidade non o ampara ao modificar as súas condicións contractuais. Cando se lle concedeu era traballador temporal e na actualidade é indefinido, tras vencer varias batallas xudiciais contra a Corporación.
Jiménez, pola súa banda, alegou a irrelevancia da relación laboral que tiña cando se lle concedeu a compatibilidade, a falta de tipificación dos feitos atribuídos, a ausencia de seguridade xurídica, o intento por parte da CRTVG de revogar a súa autorización a través do procedemento sancionador ou a vulneración de dereitos fundamentais. Todos os casos foron rexeitados, tamén aquel no que o avogado do locutor advertía de que o expediente “non é senón unha represalia pola súa reiterada acción xudicial e pola súa mobilización nos venres negros”.
175 'venres negros' na CRTVG
Tras outra batalla máis, desta vez no xulgado, o caso queda visto para sentenza a expensas da decisión da xuíza. Todo na mesma semana na que se cumpren tres anos e catro meses de defensa da radio e a televisión pública de Galicia desde dentro e cun chamado a toda a cidadanía. Impulsado polo colectivo Defende A Galega, son xa 40 os meses os que persoal da TVG e da Radio Galega levan reclamando o cumprimento da lei na CRTVG. Co #VenresNegro175CRTVG o movemento pon o foco desta vez na necesidade da "información de proximidade".
Así, en referencia á cobertura da erupción do volcán na illa de La Palma, explican que "cos grandes sucesos vese o importante que é ter xornalistas apegados ao terreo: coñecer a fondo a realidade, saber contala, fuxir do sensacionalismo". "Xornalistas que son sempre imprescindibles", di Defende A Galega nun novo chamamento a prol "do público".