O 25 de maio do ano 2018 persoal da CRTVG levaba a cabo o seu primeiro venres negro. Fixérono en solidariedade coa mobilización que nese momento estaban a levar a cabo os e as traballadoras de RTVE e con motivacións semellantes: para reivindicar "uns medios públicos libres e independentes e "ao servizo da cidadanía". O persoal dos medios públicos galegos continou nas semanas seguintes coa súa mobilización, demandando a creación do Consello de Informativos e o cumprimento íntegro da lei da CRTVG, aprobada en 2011.
Nestes catro anos pasaron moitas cousas. Mobilizacións e folgas. Tamén presións, sancións e ameazas de sancións
E así, vestidos e vestidas de negro, foron pasando os venres, ata chegar ao número 209, a piques de celebrar o cuarto aniversario da mobilización e coas súas reivindicación nunca atendidas, nin no que atinxe á pluralidade informativa nin no referente ás condicións laborais do persoal.
Este 25 de maio fan catro anos do inicio das mobilizacións. 209 'venres negros' xa
Defende a Galega fai catro anos e segue a reclamar cambios no funcionamento da televisión e da radio pública galegas e a aplicación íntegra da lei, que acumula máis dunha década de incumprimentos nalgún dos seus aspectos esenciais, comezando pola elección da súa Dirección Xeral por unha maioría reforzada do Parlamento --dous terzos (50) ou tres quintos (45 dos escanos)-.
Nestes catro anos, como se pode ver na liña de tempo, pasaron moitas cousas. Moitas mobilizacións, concentracións, folgas xerais e parciais, manifestacións... Tamén presións, sancións e ameazas de sancións para varios dos traballadores e traballadoras que participaron nas protestas (Carlos Jiménez, Marga Pazos, Tati Moyano...). Nalgúns casos as medidas foron anuladas pola Xustiza, sentenzas que se uniron a outras que condenaron á CRTVG pola súa cobertura informativa, polos servizos mínimos impostos en folgas ou pola precariedade laboral na compañía.
Tamén houbo premios, coma o José Couso que no ano 2019 o colectivo recibiu en Ferrol
Tamén houbo premios, coma o José Couso que no ano 2019 o colectivo recibiu en Ferrol, recoñecendo o seu traballo a prol da liberdade de expresión e o dereito da cidadanía a estar informada polos seus medios de comunicación públicos. "O silenciamento do premio nos medios públicos é exemplo claro do que denunciamos, o mesmo que o de moitas informacións que non se corresponden coa visión da realidade que a dirección quere trasladar", sinalaron os representantes do colectivo nese momento.
Agora que temos novo presidente, para cando unha dirección xeral da CRTVG escollida por maioría cualificada do Parlamento?", preguntou hai uns días Defende a Galega
As mobilizacións van continuar de novo neste venres, no número 209. A pasada semana, coincidindo coa investidura e a toma de posesión de Alfonso Rueda como nove presidente da Xunta, persoal da CRTVG esixiulle de novo o cumprimento íntegro da lei de 2011. "E agora que temos novo presidente, para cando unha dirección xeral da CRTVG escollida por maioría cualificada do Parlamento?", preguntou hai uns días Defende a Galega.
"A lei está para cumprila", lembra o persoal mobilizado a Rueda en vésperas de que o Parlamento teña que votar tamén a substitución do representante do PP que dimitiu no Consello de Administración dos medios públicos. Este xoves o Consello da Xunta unha Oferta Pública de Emprego da CRTVG con 255 prazas de estabilización e 15 de concurso oposición.