O actual director xeral da Corporación Radio Televisión de Galicia, Alfonso Sánchez Izquierdo, xa sobreviviu politicamente a quen o designou directamente no ano 2009, o daquela novo presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo. Naquela altura aínda estaba vixente a lei de creación da agora extinta Compañía Radio Televisión de Galicia, que databa de 1984 e establecía que a dirección xeral dos medios públicos era elixida directamente polo Goberno, sen ningún outro trámite nin participación.
O director da CRTVG xa sobreviviu politicamente a quen o designou hai 13 anos, Feijóo, cando aínda rexía a lei de 1984 que permitía que a Xunta o elixise directamente
Dende o ano 2011 está vixente unha nova lei dos medios públicos, a norma que transformou a forma xurídica da CRTVG nunha única corporación. Entre as mudanzas máis relevantes da norma figuraba a elección da dirección xeral por maioría reforzada do Parlamento -dous terzos (50) ou tres quintos (45 dos escanos)-, o que tanto daquela como agora obriga a que o nomeamento sexa pactado polo PP e, como mínimo, un dos grupos da oposición.
A norma comezou a incumprirse apenas seis meses despois da súa entrada en vigor, prazo fixado no propio texto para a remuda na dirección xeral polo novo procedemento. Tres anos despois, en 2015, a Xunta e o PP aproveitaron a tramitación dos Orzamentos Xerais do ano seguinte para prolongar indefinidamente o mandato de Sánchez Izquierdo: podería seguir exercendo ata que a nova corporación nacese oficialmente (o 1 de xaneiro de 2016), pero se para daquela non estivese votada a nova dirección xeral, podería continuar "transitoriamente".
"A lei está para cumprila", lembra o persoal mobilizado a Rueda en vésperas de que o Parlamento teña que votar tamén a substitución do representante do PP que dimitiu no Consello de Administración dos medios públicos
Esa transitoriedade dura xa seis anos e Sánchez Izquierdo acumula algo máis de 13 no posto. Neste contexto, o colectivo Defende a Galega, que se mobiliza dende hai case catro anos polo cumprimento íntegro da lei de medios -este 13 de maio chegan ao venres negro número 208-, reclama aproveitar a conxuntura da mudanza na presidencia da Xunta para propiciar tamén a remuda na dirección xeral da CRTVG conforme á lei.
"E agora que temos novo presidente, para cando unha dirección xeral da CRTVG escollida por maioría cualificada do Parlamento". É a pregunta que o colectivo lanza dirixíndose ao novo titular da Xunta, que este sábado asume o cargo coa xura ou promesa da presidencia. A última resposta do Goberno galego sobre esta cuestión data de 2020, cando se limitou a responder no Parlamento que a remuda chegaría cando haxa "diálogo" ao respecto
"A lei está para cumprila", acrecentan nun contexto no que en breve o Parlamento terá que votar, ademais, a substitución doutro membro do Consello de Administración dos medios públicos, xa que un dos propostos polo PP, Luis de la Matta, dimitiu para marchar con Feijóo á dirección estatal do PP. Estes postos tamén son votados por maioría reforzada, polo que a nova designación está tamén nas mans de, cando menos, un dos grupos da oposición.