A marcha de Feijóo propicia que o Parlamento vote outra remuda na CRTVG mentres o director xeral segue por tempo indefinido

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, con Alfonso Rueda en 2014 tras asinar un convenio entre a Corporación e a Xunta en materia de igualdade de xénero CC-BY-SA Conchi Paz / Xunta

O pasado venres, a axencia Europa Press avanzou a dimisión dun dos membros do Consello de Administración da Corporación Radio Televisión de Galicia escollidos a proposta do PP. Trátase de Luis de la Matta, que fora reelixido o pasado verán para o seu segundo e último mandato nun posto ao que accedeu por primeira vez en 2015 ao abeiro da vixente lei de medios, que non permite recuncar máis dunha vez. Antes, xa estivera no consello de administración da extinguida Compañía de Radio e Televisión de Galicia -a regulada pola lei de 1984- dende novembro de 2011.

De la Matta dimite para ser director de comunicación da dirección estatal do PP que agora encabeza o aínda presidente da Xunta. É membro do núcleo de maior confianza de Alberto Núñez Feijóo dende hai case dúas décadas e en 2007 asumiu a xefatura de prensa do PPdeG, rol que non exerceu formalmente dende que se incorporou ao organismo reitor dos medios públicos. Seguiu, non obstante, vinculado ás accións da comunicación do partido.

A vixente lei dos medios públicos de Galicia establece que ser membro do consello da CRTVG é incompatible "co exercicio de calquera cargo de elección ou designación política e coa pertenza a organismos de dirección en partidos políticos, organizacións sindicais ou empresariais". Tamén que non poden "recibir instrucións, directrices ou calquera outra clase de indicación do Goberno, da Administración, dos partidos políticos ou doutras institucións ou entidades".

A dimisión dun dos representantes do PP no Consello da CRTVG para dirixir a comunicación da dirección estatal do partido activa o mecanismo da súa substitución, para a que son imprescindibles un mínimo de 3 votos da oposición no Parlamento

Este criterio será un dos que, a priori, teñan que ter en conta os conservadores para elixir o nome de quen substitúa a De la Matta ata 2026, cando tocaría volver remudar os seis membros do consello de administración da corporación pública que o Parlamento votou en 2021: catro a proposta do PP, unha do BNG e outra, do PSdeG. Foi o segundo consello elixido ao abeiro da lei dos públicos de 2011. Como o primeiro (votado en 2015), convive con Alfonso Sánchez Izquierdo como director xeral da corporación aínda que este non fose elixido nunca conforme ás normas desta lei. 

Sánchez Izquierdo está no posto dende 2009, cando foi designado directamente por Feijóo para dirixir a CRTVG, na liña do permitido pola lei de 1984. A lei de 2011 estipula que o director xeral, coma os membros do consello de administración, debe ser elixido por maioría reforzada do Parlamento é dicir, dous terzos (50 escanos) ou, se non fosen acadados, tres quintos (45) dos deputados e deputadas, o que obriga necesariamente a que o PP (actualmente, 42 escanos) pacte o nome con, cando menos, un dos grupos da oposición. 

Sánchez Izquierdo intervén ante Feijóo durante un acto da Feira do Viño de Monterrei en 2014 © Xunta

A mesma lei fixaba tamén que, nun máximo de seis meses dende a súa entrada en vigor -é dicir, a máis tardar en xuño de 2012-, a CRTVG debería ter unha dirección xeral escollida por esta vía. Pero isto non sucedeu e, en 2015, a Xunta e o PP aproveitaron a tramitación dos Orzamentos de 2016 para introducir unha emenda que permitiu manter a Sánchez Izquierdo indefinidamente no posto: seguiría exercendo ata que a Compañía de Radio Televisión de Galicia fose formalmente extinguida e nacese oficialmente a nova corporación (o cal sucedeu o 1 de xaneiro de 2016), pero tamén podería continuar "transitoriamente" se nese momento o Parlamento non elixira outra persoa para substituílo.

A lei dos medios públicos sinala que a dirección xeral tamén debe ser elixida por maioría reforzada, pero o actual titular do posto exérceo dende 2009 e unha emenda inserida polo PP en 2015 permítelle continuar nel por tempo indefinido

Este é o pano de fondo co que o PP se dispón a propoñer a persoa que substitúa a De la Matta (a lei marca que as substitucións deben manter a "pluralidade de orixe"). Para a elección é imprescindible o voto favorable de, como mínimo, 3 deputados da oposición

Tanto BNG como PSdeG reiteraron nos últimos anos a necesidade de que a dirección xeral da CRTVG sexa renovada conforme á lei, se ben o Goberno galego respondeu con desinterese a esas peticións. Así, por exemplo, a Secretaría Xeral de Medios limitouse a responder en 2020 que a remuda chegará cando haxa "diálogo" ao respecto. A remuda de Sánchez Izquierdo é tamén unha constante nas reclamacións do colectivo Defende a Galega, que se mobiliza dende 2018 para reclamar o cumprimento íntegro da lei de medios e rexeitar a inxerencia gobernamental na Televisión de Galicia e na Radio Galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.