O 29 de maio de 2009, Alfonso Sánchez Izquierdo tomaba posesión como director da daquela denominada Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG). Fora designado directamente pola Xunta, en aplicación da lei coa que se crearan os medios públicos de comunicación galegos en 1984. Ao anunciar o seu nome, Alberto Núñez Feijóo -que levaba apenas un mes como presidente da Xunta-, asegurou que o pactara co daquela secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, que o negou. Doce anos despois, Sánchez Izquierdo continúa no cargo por tempo indefinido e está a piques de estrear o seu terceiro consello de administración.
Sánchez Izquierdo foi nomeado por Feijóo ao abeiro da lei da CRTVG de 1984. En 2015, o PP aprobou en solitario unha reforma da nova lei de medios que lle permite continuar no posto por tempo indefinido
Aquela lei dos anos 80 fixaba que o mandato da dirección xeral da CRTVG tiña que cadrar "coa lexislatura do Parlamento de Galicia na que foi nomeado". Non obstante, antes do remate daquel período lexislativo, en 2011, a Cámara aprobou a nova lei dos medios públicos de comunicación. Entre outros aspectos, a norma establecía que a dirección xeral da nova Corporación Radio Televisión de Galicia debería ser elixida por maioría reforzada do Parlamento: dous terzos (50 escanos) ou, se non fosen acadados, tres quintos (45), o que coa correlación de forzas daqueles anos -e tamén coa actual- obrigaba a que o PP pactase o nome con, cando menos, outro grupo político.
A lei fixaba tamén un prazo de seis meses (a mediados de xuño de 2012) para elixir os novos órganos directivos e, seis meses despois, a lei xa se incumpría. Entre outros aspectos, porque aínda non culminara a transformación do ente nunha única corporación, o cal non sucedeu ata o 1 de xaneiro de 2016. Meses antes, tras un pacto entre PP e PSdeG do que se desmarcara o resto da oposición, o Parlamento deu elixido coa maioría reforzada que marca a lei os membros do novo Consello de Administración da CRTVG -catro a proposta dos populares e dous, dos socialistas-.
Aqueles nomeamentos activaban o mecanismo legal para, case catro anos despois do prazo legal, remudar a Sánchez Izquierdo. Pero, inmediatamente despois, a Xunta mudou as regras do xogo. Aproveitando a tramitación da lei de acompañamento dos orzamentos de 2016, a Xunta introduciu unha modificación puntual nunha das disposicións transitorias da lei dos medios públicos. Como informou Praza.gal, aquela reforma aprobada en solitario polo PP permitiu, na práctica, que Sánchez Izquierdo continuase indefinidamente no posto que aínda segue exercendo. Preguntada ao respecto pola oposición a finais de 2020, a Secretaría Xeral de Medios limitouse a responder que a remuda chegará cando haxa "diálogo" ao respecto.
Este é o pano de fondo co que, esta mesma semana, o Parlamento escolleu os membros do Consello de Administración da CRTVG por segunda vez ao abeiro da lei de 2011. Foron elixidas seis persoas (o sétimo é o director xeral): catro propostas polo PP, unha polo BNG e outra, polo PSdeG. Tres dos catro representantes do PP xa viñan exercendo estes postos dende 2015 e o agora incorporado é Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios da Xunta con Manuel Fraga (2003-2005) e tamén na primeira lexislatura con Feijóo na Presidencia (2009-2012). Foi Cabaleiro quen, en representación do daquela novo Goberno do PP, presidiu a toma de posesión de Sánchez Izquierdo como director xeral da CRTVG.
Tras a ratificación dos novos membros do Consello, o colectivo 'Defende a Galega' volveu urxir o cumprimento íntegro da lei de medios, incluíndo o nomeamento da dirección xeral por maioría reforzada do Parlamento
Tras a ratificación dos nomeamentos, o colectivo Defende a Galega, conformado por persoal dos medios públicos que dende hai máis de tres anos defende o cumprimento íntegro da lei de 2011 para, esgrime, poñer fin ao control da Televisión de Galicia e da Radio Galega por parte da Xunta, volveuse preguntar "para cando a remuda do director xeral". Esta vén sendo, precisamente, unha das súas reivindicacións máis recorrentes.
A lei de medios, lembra a plataforma, "non se cumpre" neste aspecto nin tampouco na aprobación do Estatuto Profesional nin do Consello de Informativos. O novo consello ten "traballo abondo" e "o caso é que agora si se decidan a facelo", resolve. Este venres, 16 de xullo de 2021, Defende a Galega chega ao seu venres negro número 165 para reclamar, precisamente, o cumprimento íntegro da lei nos medios públicos de comunicación.