O comité acusa a CRTVG de "rebentar" o acordo para estabilizar emprego ao esixirlle asinar louvanzas á empresa

Mobilización de persoal da CRTVG en Lugo, o 8 de abril de 2022 CC-BY-SA Comité Intercentros CRTVG

O acordo entre comité e CRTVG, apoiado por todos os sindicatos e polo persoal en asembleas, quedou finalmente sen asinar este venres

O acordo para a estabilización do emprego entre a CRTVG e o comité intercentros, apoiado por todos os sindicatos e referendado en asembleas polo persoal este pasado xoves, rebentou este venres tras un desacordo de última hora entre a dirección e a representación dos traballadores dos medios públicos. 

Logo dunha dura negociación para intentar facer emerxer o maior número de prazas posibles e estabilizar a morea de contratos temporais e irregulares ao abeiro da lei para reducir a temporalidade no emprego público, comité e empresa acadaron un acordo para a estabilización de 270 prazas, 255 por concurso de méritos e 15 por concurso oposición. Un pacto co que quedarían desconvocadas as xornadas de paro parcial e folga previstas para os vindeiros días. 

Mobilizacións de persoal da CRTVG, este 12 de abril en San Marcos (Santiago), Ourense e A Coruña

O pacto -que evitaba os 40 despedimentos previstos pero mantiña doce deles e non facía emerxer toda a temporalidade non recoñecida no persoal- foi finalmente aprobado polo comité co apoio de todos os sindicatos, ao interpretalo como "un primeiro e importante chanzo na estabilización de boa parte do persoal" que permitiría "continuar o camiño en futuros procesos selectivos a convocar". Tamén por poder dar solución ao grave problema de temporalidade na CRTVG, cun 40% do persoal sen contrato fixo, contratacións en fraude, cesións ilegais e máis de 200 sentenzas en contra da corporación pública

O texto, que supuña a estabilización de 270 prazas, incluúe un preámbulo que "louva as magnificencias da xestión e dá por solucionado o problema"

O acordo pactado, segundo explican fontes sindicais e do comité a Praza.gal, contiña tres puntos que incluían medidas de "redución inmediata da temporalidade estrutural" para que a ocupación de prazas do persoal fixo fose total, actuacións para "manter a redución da temporalidade estrutural" e outras para previr o abuso desta devandita temporalidade no futuro. 

Logo de que o martes todos os sindicatos amosasen o seu apoio ao acordo e logo de que o persoal ratificase en asemblea o seu visto e prace, todos os representantes do comité e de todas as centrais rexeitaron asinar o documento este venres. Fixérono, segundo explican, logo de que a dirección de Recursos Humanos da CRTVG incluíse un preámbulo "que louva as magnificencias da xestión e dá por solucionado o problema". 

A CRTVG acusou o comité, na canle interna do persoal, de "impediir" consolidación do 100% do cadro de persoal

Fontes sindicais aclaran que, se ben a empresa tiña incluído o polémico parágrafo no texto que enviaba como acordo definitivo, "en ningún momento foi tratado nin negociado, nin obviamente recolle o sentir da representación sindical nin das traballadoras".

Segundo representantes do persoal, o comité pediu á dirección que "se retirase ese preámbulo innecesario nun acordo no que só se falou de número de prazas e categorías". Como alternativa, espuxo tamén a posibilidade de eliminar as consideracións valorativas de parte ou mesmo "que se encabezase como manifestación de parte e despois se marcase o que era estrictamente o acordo para asinar". "A empresa respondeu que non ía modificar nin unha coma", explican as mesmas fontes.

Mobilización de persoal da CRTVG en San Marcos CC-BY-SA Comité Intercentros CRTVG

A resposta da dirección de Recursos Humanos foi publicar unha nota na intranet -canle interna do persoal- na que acusa os representantes dos traballadores de "rexeitar asinar a súa propia oferta para a estabilización do 100% do cadro de persoal, 270 traballadores". Na comunicación, á que tivo acceso Praza.gal, a empresa acusa a representación do persoal de "impedir" a consolidación do 100% dos traballadores. 

A CRTVG esixiu asinar un texto que define a súa xestión como "profesional con sentido empresarial que contribúe á sustentabilidade e á mellora patrimonial"

Nese polémico parágrafo que rexeitaba o comité, a CRTVG apunta que o acordo "pon de manifesto que a Corporación está a desenvolver unha xestión profesional con sentido empresarial que contribúe á sustentabilidade e á mellora patrimonial, económica e financeira, de cara a manter a coherencia dos custos de explotación". "Este esquema de xestión comprometida co seu persoal e cun emprego de calidade e axeitadamente retribuído pretende agora conseguir que a totalidade das prazas do cadro da CRTVG estean cubertas con persoal fixo e con tal finalidade as partes acordan adoptar as medidas", di o texto que foi rexeitado por todos os sindicatos (CUT, USO, CIG, CCOO e UGT). 

Agora, fontes sindicais e do comité acusan a dirección da CRTVG de "chantaxe" para "incluír louvanzas á empresa no acordo" e de "amosar unha vez máis a súa nula boa fe negociadora, rebentando a proposta". Ademais, advirten de que "non é a primeira vez que a Corporación distorsiona a realidade na intranet, nin a primeira que pon a pistola na cabeza mentres negocia, instalados na práctica da manipulación de todo aquel que se deixe". A representación do persoal decidirá nas vindeiras horas que novas accións levar a cabo.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.