Como xa fixera a finais de 2018, o persoal da CRTVG volve á folga. Daquela cun masivo seguimento que obrigou a mudar a programación habitual "contra o desamentalmento, a manipulación e a represión", nos inicios do endurecemento da conflitividade que levou a sumar máis de 200 venres negros de protesta ou a que a Corporación fose condenada por represalias. Agora será "contra a destrución" de postos de traballo e para "esixir a consolidación de todo o emprego temporal de longa duración".
Así o anunciou este mércores o comité intercentros da CRTVG -con todos os sindicatos de acordo- logo de que en asembleas o persoal do ente público referendase un calendario de mobilizacións que arrincará xa o vindeiro venres 8 de abril e que prevé acabar en varias xornadas de folga ata principios de maio.
O persoal mobilízase "contra a destrución" de postos de traballo e pola "consolidación de todo o emprego temporal de longa duración"
Os traballadores e traballadoras da TVG e da Radio Galega reclaman que a empresa "reabra" a negociación que din que pechou "sorpresiva e unilateralmente" sobre as prazas afectadas polo proceso de estabilización de emprego prevista na lei de interinos que entrou en vigor a finais do pasado ano e coa que se prevé reducir a temporalidade no emprego público.
O comité intercentros denuncia que a dirección de Recursos Humanos busca "ratear prazas ou postos ocupados durante anos e anos por persoal temporal que poderían estabilizarse e consolidarse nos procesos extraordinarios que se deben desenvolver ao abeiro desta lei", que ten por obxectivo rebaixar a contratación temporal do 8%.
O comité denuncia que 40 persoas perderán o emprego de confirmarse os plans de estabilización de emprego e piden que afecte a todo o persoal "temporal en fraude"
Os sindicatos advirten que son unhas 40 persoas as que perderán directamente o emprego de non incrementarse o número de prazas que prevé convocar a CRTVG que, segundo fontes do comité, prevé facer agromar 134 contratos indefinidos por sentenza xudicial que afectan, sobre todo, a redactores ou reporteiros gráficos. Do resto, din, a empresa non se fai cargo, nalgún dos casos sendo persoal que só está pendente da ratificación xudicial en última instancia da súa situación de fraude contractual.
Os representantes sindicais advirten de que hai perto de 300 persoas entre a TVG e a Radio Galega que son ou foron, en realidade, "persoal temporal en fraude", unha situación que en moitos dos casos xa foi recoñecida xudicialmente. Traballadores que acumulan "oito, dez, doce, quince e ata vinte anos encadeando contratos de maneira fraudulenta".
"Prazas estruturais que están fóra do cadro de persoal, traballadores e traballadoras que levan anos sacando as castañas do lume á CRTVG, cubrindo baixas, postos e movéndose a diferentes lugares, con diferentes horarios e con dificultades para conciliar", advirte Raquel Lema, membro do comité intercentros, que lembra que a lei de interinos, "malia non ser perfecta, permite estabilizar o persoal e facer agromar todo o persoal que está contratado en fraude".
Segundo os cálculos sindicatos, arredor do 40% do persoal da CRTVG traballa con contratos temporais, unha taxa que, lembran, cómpre reducir ou eliminar para asentar mellor a función de servizo público da corporación. Tamén, tal e como o obxectivo da lei, para cumprir cos mandatos da UE.
Os sindicatos calculan que o 40% do pesoal da CRTVG traballa con contratos temporais
O comité denuncia, ademais, que o cómputo de prazas elaborado "unilateralmente" pola empresa "racha de pleno o compromiso transmitido á representación legal dos traballadores" polo director de Recursos Humanos, Víctor Tubío, que afirmara que ninguén ía quedar atrás". "Non deixa outra saída ás traballadoras que esixir vía mobilización o que a lei permite", di.
"Na CRTVG estamos afeitos a esta temporalidade, a casos de mesmo 20 ou 30 anos de persoal que encadea contratos, de moitos casos de traballadores aos que a Xustiza os recoñece como indefinidos logo de anos de temporais... A lei é unha oportunidade que a Corporación non quere aproveitar", insiste Lema que advirte, ademais, que logo de "tempo de purga", que os medios públicos "queden con 40 persoas menos poraos nunha situación moi delicada".
O persoal prevé mobilizacións os días 8 e 12 de abril, folgas de media xornada o 20 e 27 e folgas de 24 horas o 1 e 2 de maio
Ante isto, o comité convoca mobilizacións "de carácter gradual" que comezarán o venres 8 e o martes 12 de abril con concentracións nos centros de traballo, para dar paso, xa nos mércores 20 e 27 de abril, a folgas parciais de media xornada que afectarán a todas as quendas horarias. "De non producirse avances na negociación", advirte, está previsto celebrar folgas de 24 horas o domingo 1 de maio e o luns 2. Todo baixo o lema Pola consolidación de todo o emprego temporal e en contra dos despedimentos na CRTVG.
Ademais, o comité intercentros solicitou xa xuntanzas urxentes tanto coa dirección de Recursos Humanos como co Consello de Administración da CRTVG para "abordar
este conflito e procurarlle solucións".
Esta mobilización chega logo de que outros paros, daquela convocados pola CUT o pasado ano, provocasen que varios programas tivesen que ser suspendidos ou interrompidos, tanto na TVG como na Radio Galega. Daquela persoal secundara a convocatoria unitaria de varios sindicatos en diferentes territorios do Estado esixindo "a fin da temporalidade, a fraude e a precariedade nas administracións galegas".