No outono de 2018, a Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) arquivou o expediente que abrira á xornalista Tati Moyano, presentadora do Telexornal Serán que dimitira dese labor xunto a Alfonso Hermida para denunciar control informativo na canle pública e que reivindicara ante o presidente da Xunta as protestas dos venres negros a prol do cumprimento íntegro da lei de medios. A CRTVG expedientáraa por utilizar o servizo de maquillaxe da canle para presentar unha gala benéfica contra o cancro.
Escasos días despois, a CRTVG expedientou outro traballador significativamente activo nas protestas, Carlos Jiménez, un dos rostros e voces máis coñecidos dos medios públicos que, ademais, gañara á corporación nos tribunais ata 11 litixios nos que lograra que quedase acreditada a súa relación laboral indefinida. Acusábano de incorrer nunha incompatibilidade por locutar un programa realizado por unha produtora externa para a propia TVG, labor que realizara dende había décadas con diversas empresas e para a que obtivera a compatibilidade explícita en 2008, antes do seu recoñecemento xudicial como indefinido.
No seu caso, o expediente si chegou a termo e traduciuse nunha sanción: suspensión de emprego e soldo de nove días. Jiménez recorreu á Xustiza e o xulgado do Social número un de Santiago vén de darlle a razón por partida dupla. Anula a sanción e ademais, conclúe que "existen indicios acreditados de modo obxectivo polo traballador" dos que cabe concluír unha "relación causal e tamén temporal" da sanción cos procesos xudiciais que o traballador gañou á CRTVG e "a manifestación da súa discrepancia xornalística a respecto da política informativa da corporación". O traballador viu vulnerado o seu dereito á tutela xudicial efectiva "na súa vertente de garantía de indemnidade" e mais á liberdade de expresión.
O xulgado anula a sanción a Carlos Jiménez, ao que a CRTVG acusaba de incorrer nunha incompatibilidade, e conclúe que a impuxo como "resposta" aos xuízos que lle gañou e á participación nos Venres Negros
A empresa pública, subliña a sentenza, non "desvirtuou" os indicios de que sancionase a Jiménez como "represalia" pola súa "intensísima actividade xudicial" e a súa participación nas mobilizacións. A Corporación Radio Televisión de Galicia, acrecenta a xuíza, impuxo unha sanción sen causas "acreditadas" nin "xustificadas" e na que mesmo aprecia defectos na súa tramitación interna. A xuíza, como fixera a Fiscalía, tampouco dá validez aos argumentos de fondo esgrimidos pola CRTVG: "por máis que o actual responsable da área de contidos accedese ao posto" en 2017, "non resulta razoable considerar que a CRTVG non tivese coñecemento do intensísimo labor" de Jiménez "como locutor en produtoras privadas con carácter previo a 2018", ano do expediente e tamén ano no que comezaron as protestas dos venres negros.
Neste contexto, o xulgado conclúe que a compatibilidade outorgada pola CRTVG a Carlos Jiménez no ano 2008 seguía sendo válida en 2018 -a corporación argumentaba que debía volvela solicitar como traballador indefinido-, anula a sanción e sentencia que "a febleza das probas" achegadas pola corporación, "unida á inmediatez temporal existente entre a mobilización Venres Negros iniciada a finais de maio de 2018 con activa participación do traballador, permite concluír que a sanción é unha resposta da entidade demandada á actuación legal e xornalística do demandante nunha relación causa-efecto".
"É a primeira vez que a xustiza acredita algo que o persoal levamos anos sufrindo e denunciando, que non existe liberdade de expresión e que existen represalias por esixir imparcialidade informativa e pluralidade", resalta o sindicato CUT, satisfeito cun ditame xudicial que tamén aplaude a plataforma 'Defende a Galega'
Unha vez coñecida a sentenza -susceptible de recurso ante o TSXG-, a voceira da Central Unitaria de Traballadores (CUT) na CRTVG, Raquel Lema, considera "absolutamente reparador" un pronunciamento xudicial que supón ademais que, "por vez primeira", a xustiza acredite "algo que o persoal" da canle pública "levamos anos entendendo, sufrindo e denunciando", que "non existe liberdade de expresión e que existen represalias por esixir imparcialidade informativa e pluralidade". "Se un xulgado vén de condenar á CRTVG por un feito tan grave no ámbito xornalístico, onde a liberdade de expresión é unha ferramenta de traballo esencial, o natural é que nos próximos días se produzan cese e se depuren responsabilidades".
Tamén a plataforma de persoal Defende a Galega, impulsora dos Venres Negros, aplaude o ditame xudicial. "Que o expediente a Carlos Jiménez era unha represalia dixémolo dende o primeiro día" e "tres anos despois, dío tamén a xustiza". "Un medio de comunicación público no que se vulnera a liberdade de expresión. No que todo vale para intentar parar as denuncias de manipulación informativa. No que se pretende sancionar a quen defende o dereito á información da cidadanía", conclúen. No momento dos feitos o director da Área de Contidos da CRTVG era Fernando Rodríguez Ojea e o director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, que exerce o posto dende 2009 grazas a unha reforma legal promovida polo PP que lle permite continuar nel por tempo indefinido. Ambos seguen actualmente nos mesmos cargos.