O persoal mobilizado da CRTVG cumpre 180 'venres negros' demandando o cumprimento da lei de medios e denunciando"manipulación"
180 venres negros. Case tres anos e medio levan boa parte dos profesionais dos medios públicos reivindicando o cumprimento da lei na Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG), a calidade e a pluralidade dos contidos e denunciando a "manipulación".
Neste venres, o persoal mobilizado dos medios públicos volveu denunciar a supresión dos informativos locais e lembrou que o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, defende que se potenciou a información de proximidade malia o que os profesionais consideran que o que houbo foi un "retroceso na cobertura das administracións municipais e provinciais" e pregúntanse se, en realidade, ese era o obxectivo da dirección dos medios públicos.
Defende A Galega denuncia a supresión dos informativos e desconexións locais; o PSdeG acusa a CRTVG da "progresiva deterioración da estrutura a pé de país"
Precisamente, na comisión parlamentaria de control da CRTVG do pasado xoves, o grupo do PSdeG instou a TVG a "rectificar para acertar" e demandou que recupere as desconexións locais. “Están a privar á cidadanía da posibilidade de recibir en galego a información da súa contorna máis inmediata”, dixo a deputada Noelia Otero, que reclamou a Sánchez Izquierdo que se deteña "a progresiva deterioración da estrutura da CRTVG a pé de país, cun baleirado continuo de persoal que non pretende máis que colocar os centros territoriais na insignificancia”.
A oposición, tal e como advirte tamén Defende A Galega, lembra que o proceso de desmantelamento da información local ou no exterior comezou co peche en 2010 dos centros de Pontevedra, Ferrol, Burela, Porto e Bruxelas, aos que se sumaron en 2018 a supresión das desconexións locais na Radio Galega, e xa en 2021 a desaparición das desconexións territoriais da CRTVG.
A recuperación destas desconexións é unha reivindicación máis dos traballadores e traballadoras duns medios públicos no foco, logo de que a Fiscalía considerase que a CRTVG sancionou un locutor en represalia, precisamente, por mobilizarse nos venres negros e logo de que o colectivo Defende A Galega denunciase xa casos semellantes con outros profesionais. Todo, negado sistematicamente polo director xeral, que mesmo os acusa de alegar persecución ideolóxica por "intereses persoais".
Unha folga de persoal interino o xoves 28 provocou que varios programas tivesen que ser interrompidos ou suspendidos
Antes, o pasado xoves, unha nova folga na CRTVG provocou que varias programas tivesen que ser suspendidos ou interrompidos, tanto na TVG como na Radio Galega. Foi polo paro convocado pola CUT -secundando a convocatoria unitaria de varios sindicatos en diferentes territorios do Estado- esixindo "a fin da temporalidade, a fraude e a precariedade nas administracións galegas".
Reclamaron a consolidación do emprego público nos profesionais temporais, demandando "a estabilidade do persoal en abuso de temporalidade, cunha lexislación que recolla a consolidación deste persoal, de acordo co establecido polo Tribunal de Xustiza da UE na sentenza de 19 de marzo de 2020".
A CUT denuncia unha "nova vulneración do dereito á folga na CRTVG"
Segunda a CUT e o resto de sindicatos convocantes no Estado, o proxecto de lei de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público -coñecido como Icetazo e a debate nos próximos días no Congreso tras o período de emendas-, "non soluciona o problema e aínda o agrava, sancionando ao persoal co despedimento forzoso e con indemnizacións que poderían levar á creba das arcas públicas e poñer en risco os servizos públicos".
Ademais, o sindicato denunciou unha "nova vulneración do dereito á folga na CRTVG", asegurando que, malia o "importante" seguimento do paro, a dirección decidiu emitir o programa Bos días "con pezas repetidas elaboradas por compañeiras que hoxe secundaron a folga.
A CRTVG xa fora condenada en varias ocasións por vulnerar o dereito á folga do seu persoal ou por establecer uns servizos mínimos sen xustificación abonda que foron finalmente anulados.