En maio de 2018, un amplo grupo de traballadores e traballadoras da CRTVG decidiron que era hora de comezar a mobilizarse para reclamar uns medios públicos de comunicación audiovisual libres de inxerencias e manipulacións. Nacía así o colectivo #defendeagalega e seguindo o exemplo dos compañeiros e compañeiras de RTVE, que xa comezaran un ano antes, puxeron en marcha os venres negros.
Xa van alá catro anos e 180 venres negros. Catro anos e 180 venres!
Logo deste tempo xa estamos afeitos a que cada sexta feira boa parte dos e das traballadoras dos medios públicos galegos se sumen á mobilización e enchan as redes sociais dixitais de fotos con camisolas negras e lemas. De termos unha democracia de boa calidade e unha opinión pública maioritaria, honesta e cunha mínima visión de país a estas alturas sería xa un escándalo de boa proporción e obrigaría a este goberno, presidido polo amigo de Marcial, a tomar decisións e corrixir o rumbo. Mais xa sabemos como van as cousas neste periférico curruncho, segundo algúns, profundo. A opinión pública maioritaria anda a apañar subvencións, quer as coñecidas, destinadas á publicación de xornais en galego –que ironía–, quer as menos coñecidas, as que se dan en forma de encargos de producións audiovisuais para fornecer de produto de baixa calidade e consumo rápido a esta televisión financiada con cartos públicos –que non pública– que pagamos a escote.
Non protestan para que lles paguen máis, senón para que os medios públicos fagan o servizo que lles encomenda a lei coas debidas garantías
É certo que no ambiente máis novo e militante das redes sociais –se prefiren no máis urbano e cultureta– este é un conflito coñecido mais hai que preguntarse se o resto dos compatriotas, e mesmo esa masa –minguante– de usuarios e usuarias dos servizos públicos de comunicación audiovisual galegos, saben que quen prepara os informativos e os programas na súa tele e radio protestan cada semana dende hai catro anos para que lles deixen facer ben o seu traballo. E isto é moi importante. Non protestan para que lles paguen máis, senón para que os medios públicos fagan o servizo que lles encomenda a lei coas debidas garantías. Isto é, grosso modo: promocionar, divulgar e protexer a cultura e a lingua propia, impulsar a industria audiovisual do país e garantir unha información veraz, plural, honesta, que diferencie claramente opinión de información. É dicir protestan para defender un servizo público, un ente que é propiedade de todos e todas, non do goberno.
De certo que Defende a Galega é un movemento necesario e, sendo como son as cousas no sector, moi valente. Calquera dos que algunha vez fomos empregados do noso audiovisual sabemos como son as presións do sistema con quen reclama dereitos básicos por exemplo, cobrar as horas extras, as dietas, ter os días de descanso que marca a lei, etc., ou dereitos dos profesionais e os usuarios: a recibir informacións veraces e contrastadas, entretemento de calidade, promoción da cultura e a lingua propia, etc.
Pregúntome se a estas alturas do partido non haberá que repensar as estratexias e buscar alianzas para defendermos mellor e de xeito máis efectivo este ben común, para recuperar un servizo público antes de que entre en barrena –se non o fixo xa– e nos vendan o peche coma un necesario mal menor
Pregúntome se a estas alturas do partido, no ecuador da cuarta maioría absoluta– e absolutista– dos Populares, e cunha dirección da Corporación que ben podería protagonizar unha adaptación galaica da familia Soprano, non haberá que repensar as estratexias e buscar alianzas para defendermos mellor e de xeito máis efectivo este ben común, para recuperar un servizo público antes de que entre en barrena –se non o fixo xa– e nos vendan o peche coma un necesario mal menor. E non é alarmismo, é algo que xa pasou en Valencia e Murcia. Por iso penso que logo destes catro anos, habería que valorar e reflexionar sobre o acontecido até aquí.
A situación está, evidentemente, enquistada. Hai unha mobilización cada venres, un Director Xeral negando –en sede parlamentaria– que tal cousa suceda, a responsabilidade social corporativa exercendo o matonismo con colectivos e asociacións profesionais, cos e cas traballadores e con xornalistas. E no entanto, os nosos medios van coma polos sen cabeza a ritmo de pretendidas moderneces sen un plan serio a medio e longo prazo nun momento crucial, cunha operación de globalización no sector que ameaza con levar por diante o sistema como o coñecemos. E aquí o máis feble sempre é o elo do público.
Na Arcadia feliz que o PP nos quere facer ver que vivimos, as reivindicacións sociais seguen agromando coma o magma. No eido audiovisual agora mesmo hai colectivos traballando a prol da defensa do idioma, da programación infantil en galego, da produción de ficción e, comeza a escoitarse timidamente, ás produtoras queixarse do opaco sistema de cotas co que se reparte a torta audiovisual neste país –non porque non estean dacordo con el, senón porque xa non hai cartos para todas– e iso vai facer caer algunha máis das que xa caeron. Todo isto aderezado cunha evidente baixada na calidade, na pluralidade e na audiencia da programación, afondando no humor vulgar e na repetición até o paroxismo. E vai a peor porque xa están probando a introducir produtos máis baratos que non producen nin deixan riqueza no país coma as series turcas ou as produtoras madrileñas. Porque o noso audiovisual replicou o sistema de crecemento da industrialización china mais sempre hai quen o faga máis barato. O futuro é incerto nun sector que vai ter que cambiar moito se quere sobrevivir a esta televisión.
Na miña opinión ás mobilizacións dos Venres Negros fáltalle acadar unha base social ampla fóra do sector audiovisual que apoie e impulse o colectivo das e dos traballadores da pública, de facer deste problema o que é, un asunto de país. A CRTVG é –e debe ser– un medio público para todos e todas, non o altofalante gobernamental desa Galiza elitista que mira por riba do ombreiro á outra parte e que pensa que o rural é un anaco do país a derrubar que non merece gozar das infraestruturas modernas e das oportunidades que gozamos no eixo apenovista, que é só unha canteira de votos paleta, xa domesticada e perdida para a modernidade, da que facer burla e desprezo, á que esnaquizar co lume do autoodio. Tampouco debe ser a Corporación o brazo económico que financia a castración e doma política da opinión pública galega. E nada hai que dicir, que non se dixera xa, do que están facendo co noso idioma que dista moito do que mandan os seus principios reitores.
Penso que vai sendo hora de avanzar nas medidas para acadar esa base social, para sermos quen de que esta mobilización chegue definitivamente á sociedade e soborde os ríxidos marcos do «cordón sanitario» que as políticas de medios do goberno galego impoñen a calquera disidencia. E si, penso nunha folga.
E non debemos esquecer que trinta e seis anos de goberno do PP foron abondo para externalizar todo canto foi posíbel e que, por tanto, hai unha gran parte do sector fóra da CRTVG pero traballando en exclusiva para ela. Con reivindicacións que hai que incluír nestes movementos, por exemplo, a equiparación das condicións laborais co convenio colectivo da Corporación. Hai que deter a precarización que impulsa a externalización sen máis criterio que a oferta máis baixa. Como xa imaxinarán se as cousas son duras dentro da Corporación nin lles conto como pode ser traballar fóra, para as produtoras que fornecen a maioría da programación. Xa de partida os salarios son entre un trinta e un corenta por cento máis baixos e as xornadas entre un trinta e un corenta por cento máis longas. Así se constrúe o noso audiovisual e se sostén unha Corporación co orzamento á baixa dende hai unha década, sobre a precarización do sector. Aquí compre salientar o intrigante silencio da Academia Galega do Audiovisual, do Cluster e doutras asociacións profesionais. Vese que están a outras cousas máis importantes.
Concluíndo, temos un problema.
Colectivizar e difundir estas reivindicacións é importante. Non só entre o público senón tamén estendelo a todo o sector, asociacións, produtoras, guionistas, interpretes, etc. Por desgraza o férreo control dos medios de comunicación maioritarios –tamén dos privados– por parte do Partido Popular impide que existan voces discordantes no espazo propio da comunicación e o xornalismo. Hai excepcións, claro, mais somos poucos os imprudentes, sexamos persoas ou medios, que asumimos ser vetados de por vida.
Penso que vai sendo hora de avanzar nas medidas para acadar esa base social, para sermos quen de que esta mobilización chegue definitivamente á sociedade e soborde os ríxidos marcos do «cordón sanitario» que as políticas de medios do goberno galego impoñen a calquera disidencia. E si, penso nunha folga. Apagar os nosos medios para avanzar, para que este ataque os servizos públicos chegue a toda a sociedade.
Tamén penso que hai que ensanchar as lindes das reivindicacións. Os nosos medios son algo máis que os seus informativos. Certo é que non podemos permitir a actual militancia na posverdade, no sectarismo, na moralidade máis rancio-católica dos informativos nin a manipulación permanente e descarada. Mais tamén que a máis efectiva e igual de infame e inmoral, está no resto da programación. Si, máis efectiva porque é de menor intensidade e máis prolongada, máis disimulada, máis –involuntariamente– aceptada e moito máis difícil de contrastar. Porque aínda que semella que só se actúa con espurios intereses nos informativos, a verdadeira manipulación, a que constrúe un relato distorsionado do que somos, despolitiza e adormece á sociedade, a que dá votos –por que non dicilo– desinformados, é a outra: a da ficción e o entretemento. A sobredimensionada e retorcida, afastada do país real, a que romantiza un tipo de rural sainetesco, a que busca a risa petarda e cosmopaleta a base de intentar ridiculizar ás nosas maiores e os nosos costumes. E, por riba de todo, a que é abafante por estreita na mirada, de copla e mantilla, de sainete e taberna. A que precariza un sector enteiro, a que ten paralizados por medo a técnicos, produtores, actores e actrices e demais e permite axeonllar a todos os xornais do país, mercados apenas coas trece miserentas moedas coas que se mercan dende hai séculos as vontades febles e interesadas.
Tamén é necesario mudar esta radiotelevisión e facer os marcos da reivindicación máis ambiciosos, refundar os medios públicos e dotalos de independencia, cunha idea global e ampla do asunto. Elaborar un plan de futuro que vaia máis alá do tan amado Tik Tok e de vender como novidades unha web de noticias, a emisión en alta definición ou poñer unha cámara fixa nun estudio de radio
É preciso que os informativos sexan plurais e de calidade, honestos –a imparcialidade non existe no xornalismo, desengánense– e veraces, con información de calidade e centrados no noso país e que se poña en funcionamento un consello de informativos e unha entidade de autoregulamento, como ordena a Lei 9/2011. Que o sector privado arredor da pública compita e deixe de ser campo de manobras orquestrais na escuridade, de subvencións encubertas e mercadiño de traballadores e traballadoras precarios e precarizados, explotados e, as máis das veces, menosprezados. Tamén é necesario mudar esta radiotelevisión e facer os marcos da reivindicación máis ambiciosos, refundar os medios públicos e dotalos de independencia, cunha idea global e ampla do asunto. Elaborar un plan de futuro que vaia máis alá do tan amado Tik Tok e de vender como novidades unha web de noticias, a emisión en alta definición ou poñer unha cámara fixa nun estudio de radio. Niso tamén, xa van moitos anos tarde.
Dotar á Corporación dun plan que contemple os novos escenarios da comunicación, novas canles, novas alianzas con cadeas próximas culturalmente, como a RTP e o resto da lusofonía.
Por certo, onde quedou aquilo de poder ver as emisións das canles portuguesas aprobado polo Parlamente de Galiza? Non vai ser, porque hai medo a que CRTVG poda perder aínda máis público.
Queda traballo abondo e sospeito que se algún día cambia o goberno deste país o problema xa non teña solución ou esta teña que ser demasiado agresiva. E iso é un problema real do que a oposición a Feijóo debería ir concienciándose.
Remato xa cun verso das Ataque Escampe, porque eles pensaron que era bo censuralos e eu, que é bo reivindicalos. Seica a frase non gustou á ninguén nas cinco familias da Corporación, aínda que eu imaxino que o día que o cesen no cargo, algún directivo irá co maletín na man andando amodo polos amplos corredores de saída de San Marcos cantando entre dentes: «Adeus, cabronazos, voume a un paraíso fiscal, como fan os do PP».