O TSXG ratifica a condena dun xulgado á CRTVG por sancionar a Carlos Jiménez en represalia pola súa mobilización contra a manipulación nos medios públicos
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ratificar a condena contra a CRTVG por sancionar un traballador como represalia por mobilizarse nos venres negros. Desestimou así o recurso de suplicación presentado pola Corporación contra a sentenza do Xulgado Social Número 1 de Santiago, que anulara a sanción que se lle impuxera o xornalista e locutor Carlos Jiménez, un dos rostros máis visibles e implicados na protesta contra a manipulación nos medios públicos impulsada polo colectivo Defende A Galega.
Aquela sentenza advertira da "relación causal e tamén temporal" da sanción que lle fora imposta a Jiménez cos procesos xudiciais que o traballador gañou á CRTVG e "coa manifestación da súa discrepancia xornalística a respecto da política informativa da corporación". E advertira de que a "inmediatez temporal existente entre a mobilización Venres Negros iniciada a finais de maio de 2018 con activa participación do traballador", permitía concluír que a sanción fora "unha resposta da entidade demandada á actuación legal e xornalística do demandante nunha relación causa-efecto".
Agora, as tres maxistradas do Tribunal Superior que asinan esta nova sentenza, á que tivo acceso Praza.gal, coinciden co ditame do xulgado en que o traballador viu vulnerado o seu dereito á liberdade de expresión e información. Ademais, reiteran en destacar a "inmediación temporal entre a apertura do expediente disciplinario" e a "participación activa do demandante nos venres negros", moi activo "nas redes sociais", e que "tiña por obxecto a denuncia por parte de diversos traballadores do que consideraban por parte da dirección de políticas de manipulación informativa".
O Superior destaca que a CRTVG "non probou" que a sanción a Carlos Jiménez non obedecese ás represalias pola súa participación activa nos 'venres negros'
No ditame, o TSXG destaca que a Corporación, fronte á coincidencia case temporal entre a apertura da expediente e o inicio dos venres negros, "non probou que a sanción tivese obedecido a un propósito alleo ás represalias polas accións exercitadas" no marco da mobilización. Ademais, impón á CRTVG unha indemnización de 6.251euros por danos e prexuízos por vulneración de dereitos fundamentais.
O caso data xa do outono de 2018, cando a CRTVG arquivou o expediente que abrira á xornalista Tati Moyano, presentadora do Telexornal Serán que dimitira dese labor xunto a Alfonso Hermida para denunciar control informativo na canle pública e que reivindicara ante o presidente da Xunta as protestas dos venres negros a prol do cumprimento íntegro da lei de medios. A Corporación expedientáraa por utilizar o servizo de maquillaxe da canle para presentar unha gala benéfica contra o cancro.
Escasos días despois, a CRTVG expedientou a Carlos Jiménez, un dos rostros e voces máis coñecidos dos medios públicos que, ademais, gañara ao ente nos tribunais máis de quince litixios nos que lograra que quedase acreditada a súa relación laboral indefinida. Acusábano de incorrer nunha incompatibilidade por locutar un programa realizado por unha produtora externa para a propia TVG, labor que realizara dende había décadas con diversas empresas e para a que obtivera a compatibilidade explícita en 2008, antes do seu recoñecemento xudicial como indefinido.
No seu caso, o expediente si chegou a termo e traduciuse nunha sanción: suspensión de emprego e soldo de nove días. Jiménez recorreu á Xustiza e o xulgado do Social número un de Santiago deulle a razón por partida dupla o pasado mes de sanción. Anulou a sanción e ademais, concluíu que "existen indicios acreditados de modo obxectivo polo traballador" dos que cabe concluír unha "relación causal e tamén temporal" da sanción cos procesos xudiciais que o traballador gañou á CRTVG e "a manifestación da súa discrepancia xornalística a respecto da política informativa da corporación". O traballador viu vulnerado o seu dereito á tutela xudicial efectiva "na súa vertente de garantía de indemnidade" e mais á liberdade de expresión.
Daquela, a xuíza, como fixera a Fiscalía, non dera validez aos argumentos de fondo esgrimidos pola CRTVG: "Por máis que o actual responsable da área de contidos accedese ao posto" en 2017, "non resulta razoable considerar que a CRTVG non tivese coñecemento do intensísimo labor" de Jiménez "como locutor en produtoras privadas con carácter previo a 2018", ano do expediente e tamén ano no que comezaron as protestas dos venres negros.
O pasado mes de xaneiro, o director xeral dos medios públicos, Alfonso Sánchez Izquierdo, mantivera que a sanción contra Jiménez fora correctamente formulada dende unha óptica "estritamente laboral" e restaba valor a que a sentenza sinale que o traballador sufriu represalias porque "se concluíu en base a indicios"
Agora, o TSXG desestima o recurso da CRTVG e confirma "integramente" a sentenza do xulgado santiagués. A Corporación terá a posibilidade de interpoñer un recurso de casación para unificación de doutrina.
Coñecido o ditame do Tribunal Superior, Defende A Galega agradeceu o "compromiso" de Jiménez e advertiu de que a sentenza "confirma" o que o colectivo dixera "hai xa máis de tres anos: que a sanción era unha represalia polo apoio aos venres negros".
Ademais, desde a CUT, sindicato cuxo avogado levou o proceso do traballador, indícase que a sentenza "pecha de maneira significativa unha batalla estéril da CRTVG para o encubrimento dos seus propios actos, co mo a persecución cara traballadores e traballadoras do medio que se comprometeran na denuncia da manipulación informativa".
A voceira da Sección Sindical, Raquel Lema, esixe "un proceso inmediato de depuración de responsabilidades, posto que a dirección dun medio público condenado polo máis alto tribunal galego por atacar o núcleo dos dereitos dos seus traballadores, especialmente o seu dereito a informar e a expresarse libremente, non é unha dirección nin útil, nin democrática, nin respetábel”.
"Os responsábeis desta decisión deben responder ante os usuarios e usuarias da CRTVG pola súa xestión partidista, caciquil e escurantista domedio", di a CUT, que agarda "cesamentos para evitar que estes feitos se sigan a repetir".
Así, esta resolución xudicial únese aos fitos dun movemento interno nos medios públicos de Galicia que data do 25 de maio de 2018, hai xa máis de catro anos, cando persoal da CRTVG impulsou o primeiro venres negro. Dende entón houbo unha mobilización continuada, folgas, manifestacións, tamén sancións e ameazas de sanción, outras sentenzas xudiciais e mesmo premios coma o José Couso.