O pasado decembro, o Xulgado do Social número 1 de Santiago anulou a sanción que, coa forma de suspensión de emprego e soldo por nove días, a Corporación Radio Televisión de Galicia impuxera en 2019 ao locutor Carlos Jiménez ao abeiro dun expediente aberto en 2018. A corporación pública acusaba a Jiménez de incorrer nunha incompatibilidade laboral que o xulgado non apreciou. Así o plasmou nunha sentenza que, ademais, concluía que a sanción fora unha "resposta" á participación do traballador nas mobilizacións dos venres negros da plataforma Defende a Galega e mais aos diversos xuízos que gañara á CRTVG no eido laboral.
O xulgado anulou a sanción contra Carlos Jiménez, a quen a CRTVG acusaba de incorrer nunha incompatibilidade, e sinalou que fora unha "resposta" aos xuízos que gañara á empresa e á súa participación nos Venres Negros
Aquela sentenza xerou todo un aluvión de críticas tanto entre o persoal mobilizado dende hai case catro anos -este 28 de xaneiro as protestas chegan á súa edición número 193- como na oposición política galega, que este venres pediron contas ao respecto ao director xeral da CRTVG na comisión do Parlamento que controla os medios públicos. Nas súas respostas a BNG e PSdeG, Alfonso Sánchez Izquierdo defendeu a sanción imposta, que enmarcou nun tema "estritamente laboral" e negou a represión contra Carlos Jiménez apreciada nunha sentenza que, confirma, a empresa pública xa recorreu.
"Isto non é un tema exclusivamente laboral, cando na sentenza se fala de que hai represalias contra un traballado por manifestarse nos venres negros, é un problema político", advertiu dende o BNG a deputada Alexandra Fernández. A sanción a Jiménez anulada polo xulgado pretendeu ser un "elemento disuasorio para futuras protestas", afirmou Noa Díaz (PSdeG). Ambas voceiras da oposición reclamaron a Sánchez Izquierdo non só explicacións ao respecto, senón que o instaron a desculparse co traballador afectado e o cuestionaron sobre se o ditame xudicial implicará asunción de "responsabilidades" na CRTVG: "Vai dimitir para que a reputación da corporación se salvagarde ante unha sentenza durísima?", cuestionou Fernández.
O director xeral mantén que a sanción contra Jiménez foi correctamente formulada dende unha óptica "estritamente laboral" e resta valor a que a sentenza sinale que o traballador sufriu represalias porque "se concluíu en base a indicios"
Pero, a xuízo de quen é máximo responsable dos medios públicos de comunicación dende 2009, o acontecido non só unha cuestión "estritamente laboral", senón que mantén que o expediente contra Jiménez estivo ben formulado porque "a autorización inicial" da súa compatibilidade laboral -para traballar contratado na CRTVG e tamén en produtoras privadas que elaboran produtos para a Televisión de Galicia- "non amparaba a nova realidade", cando o traballador pasou a ter unha relación laboral indefinida coa corporación tras gañarlle un proceso xudicial ao respecto. O xulgado, pola contra, sentenciou que a compatibilidade seguía vixente.
Non aprecia Sánchez Izquierdo "conduta neglixente ou imprudente que obrigue a cuestionar" as persoas que xestionaron o expediente a Jiménez e tamén resta importancia ás conclusións da sentenza segundo as cales a sanción foi unha "resposta" á participación do traballador nas protestas. "Concluíuse en base a indicios", resolveu o director xeral, que reprocha a BNG e PSdeG que "pretendan facer transvase de responsabilidades" dunha esfera "laboral" a outra "política" e desbota tamén a posibilidade de dimitir sinalada por ambos grupos da oposición parlamentaria.
Ligado con isto, o director xeral mantén tamén que non ten "a máis mínima incomodidade con ningún movemento reivindicativo" nin "problema" ningún coa existencia de Defende a Galega, plataforma á que xusto a continuación atribuíu "manifestacións moi concretas en contra do sector audiovisual de Galicia" e que "cuestionan a honra e boa praxe de empresas produtoras que son provedoras" da CRTVG e "deterioran a súa capacidade negociadora". Hai dúas semanas, as reivindicacións dos venres negros centráronse en afirmar que "os medios e produtoras afeitos á calor da subvención chuchan dela e venden o creto polo prato. Como os pementos de Padrón: segundo a quen conveña, a información dáse ou non", sinalou o colectivo de persoal.