O presidente di descoñecer o contido da sentenza contra a corporación pero avala a súa actuación xeral ao tempo que asegura respectar as reivindicacións do persoal
“Respecto a política da compañía, que na miña opinión é axeitada”. Tres días despois de que se coñecese a condena da CRTVG por sancionar un traballador como represalia por mobilizarse nos venres negros, esa foi a valoración que fixo este xoves o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre as actuacións da compañía ante as protestas. Rueda dixo descoñecer o contido da sentenza e asegurou respectar a postura do persoal que se mobiliza.
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste xoves Rueda foi preguntado pola súa valoración a respecto da sentenza coñecida o luns, que ratifica a relación entre a sanción recibida por un traballador e a súa participación nos venres negros. Tamén foi cuestionado pola súa postura sobre as protestas dos venres negros en xeral.
“Non coñezo o contido concreto desa sentenza”, dixo Rueda sobre a primeira cuestión. “Respecto á miña posición sobre os venres negros, eu respecto a postura de calquera traballador, de calquera colectivo de traballadores que queiran facer calquera reivindicación polas canles adecuadas e desde logo respecto tamén a política da compañía que na miña opinión é axeitada, e non teño nada máis que dicir”, engadiu.
Rueda ten pendente a remuda do consello de administración da CRTVG tras a dimisión de dous membros en representación do PP
A resposta de Rueda avalando as actuacións da CRTVG chegan cando se cumpren catro anos do inicio das mobilizacións en defensa da independencia dos medios públicos galegos, e nun momento no que o PP volverá ser determinante na remuda do consello de administración da corporación pendente tras a dimisión de dous dos seus membros en representación dos populares. Persoal da CRTVG xa apelou ao propio Rueda para que permita a elección da dirección dos medios públicos conforma á lei.
O martes, tras coñecerse a sentenza, o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, cualificou de "cuestión laboral" a condena e asegurou que "non cuestiona o bo facer" dos medios públicos, en liña co agora declarado por Rueda.