Condena do alto tribunal galego contra os medios públicos por vulnerar a liberdade de expresión do seu persoal ao sancionar un traballador en represalia por se mobilizar contra a manipulación informativa. Esta nova sentenza xudicial, neste caso do TSXG, volve axitar a CRTVG logo de máis de catro anos de protesta ininterrompida. Pola súa contundencia, porque rexeita o recurso presentado pola Corporación e porque coincide co xa expresado por un xulgado compostelán e pola Fiscalía.
Con todo, desde a Corporación insisten en limitar esta emenda que o Tribunal Superior fai do respecto aos dereitos fundamentais a unha "cuestión puramente laboral". Uns dos tantos litixios que mantén un ente público nos tribunais, segundo explicou este martes Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, na comisión parlamentaria de control do ente público.
O director xeral considera a condena a CRTVG por represalias a un traballador unha sentenza máis que "non cuestiona o bo facer" dos medios públicos
Así, acusou a deputada socialista Noelia Otero de querer facer ver o ditame do TSXG "como un baldón para a xestión da CRTVG" logo de que ela cualificase de "suma gravidade" o feito de que o alto tribunal culpase os medios públicos de exercer represalias por mobilizarse nos venres negros.
"É exactamente o contrario", dixo o director xeral, quitando ferro a unha sentenza que asegura que o expediente sancionador aberto a Carlos Jiménez en novembro de 2018 debeuse á súa "participación activa nos venres negros" e que lembra que a Corporación "non probou que a sanción tivese obedecido a un propósito alleo ás represalias polas accións exercitadas" no marco da mobilización que boa parte do persoal leva a cabo polo cumprimento da lei de medios e contra a manipulación informativa.
"Normalmente, as sentenzas son moi favorables e pode haber sentenzas individualizadas que van contra a CRTVG, como ocorre na maioría das administracións públicas", engadiu Sánchez Izquierdo, que pediu a Otero que "non procure trasladar de xeitos individualizados consecuencias xerais". "Hai un enorme catálogo de sentenzas que poden ir en contra dunha administración pública a nivel local, autonómico ou estatal e non por iso se vai cuestionar o bo facer", insistiu.
BNG e PSdeG advirten da "gravidade" de que o TSXG ratifique que a CRTVG sanciona persoal por se mobilizar e lembran que "non é un caso illado"
Só no caso de Carlos Jiménez, son xa 17 as demandas xudiciais que gañou á CRTVG, ben polo recoñecemento da súa relación laboral indefinida ou agora por terlle vulnerado dereitos fundamentais. En total, son máis de 200 as denuncias nas que os tribunais deron a razón a traballadores dos medios publicos que reclamaban a súa indefinidade nun conflito que fixo agromar o abuso da temporalidade e a fraude contractual de moito do persoal.
Ademais, a deputada do BNG Olalla Rodil, aludiu tamén á sentenza favorable a Carlos Jiménez advertindo da gravidade dun ditame que "fala de represalias nos medios públicos e de atentado contra dereitos fundamentais". "Non é un caso illado", engadiu, nunha interpelación que volveu ter a mesma resposta evasiva e de restar importancia. "Agardo que teña a mesma contundencia coas sentenzas cando se refiran a institucións nas que vostedes gobernan", retrucou.
Sánchez Izquierdo mantivo así o discurso que xa manifestara hai meses, cando despois da primeira sentenza do xulgado compostelán asegurara que era un tema "estritamente laboral" e que as represalias das que se acusaba á CRTVG estaban baseadas "en indicios". Agora, coa ratificación do TSXG, insiste en circunscribir o caso a un litixio laboral e en obviar as graves acusacións de represalias e de atentar contra a liberdade de expresión.
Alén disto, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia celebrou o feito de que "a xustiza ampare a liberdade de expresión dos xornalistas, un dereito imprescindíbel para que os profesionais sexamos garantes do dereito á información da cidadanía".
"Resulta máis relevante e necesario, se cabe, ao se tratar dos medios públicos e dunha represalia contra unha manifestación en defensa da súa independencia e mantemento", di o Colexio, que destaca que é a primeira vez que o TSXG "considera como comprometido o dereito fundamental do traballador proclamado no artigo 20 da Constitución Española". Ademais, insta a CRTVG a "desistir de impor recurso de casación contra a resolución xudicial e garantir no sucesivo o exercicio seguro da liberdade de expresión dos xornalistas, tanto neste caso como no resto de traballadores dos medios públicos".
Lei de medios "obsoleta e superada"
Por outra banda, Sánchez Izquierdo asegurou que a lei de medios públicos de comunicación audiovisual, aprobada no ano 2011 e incumprida en aspectos clave, é unha norma "moi cumprida" pero tamén "obsoleta e superada" e avoga pola súa actualización ante a aprobación da Lei estatal que regulará o audiovisual.
Así se pronunciou en resposta a unha pregunta formulada na comisión por Noelia Otero, quen criticou que máis dunha década despois da aprobación desta lei siga sen pórse en marcha tanto o estatuto profesional como a creación do consello de informativos.
Sánchez Izquierdo considera que lei de medios, por cuxo cumprimento pelexa parte do persoal e a oposición, está "obsoleta e superada"
"Emprázoa a que aplique as súas capacidades para actualizar esta lei, que o necesita de forma imperiosa e máis se se publica, como parece que si, a Lei do Audiovisual", díxolle a Otero, logo de asegurar que tanto a posta en marcha do consello de informativos como do estatuto do profesional é "responsabilidade" do Consello de Administración da CRTVG, un órgano "con representación de todas as forzas".
Por último, Alfonso Sánchez Izquierdo, desmarcou tamén o ente público das expresións dun avogado que defendeu no programa de radio 'Zona Mixta' o xogador de fútbol Santi Mina, condenado por un delito de abuso sexual, e asegurou que tivera unha "mala noite". "Foi a expresión dun entrevistado, en ningún caso da corporación", asegurou Sánchez Izquierdo, que incidiu en que o entrevistado se expresou con "opinións sobre as que a CRTVG non ten ningunha responsabilidade" e coas que o entrevistador "non ten porque estar de acordo".