A finais do pasado xuño adquiriu firmeza a primeira sentenza que dá por acreditado que a Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG) sancionou un traballador como represalia pola súa participación nas mobilizacións coas que a plataforma Defende a Galega reclama o cumprimento íntegro da lei dos medios de comunicación, así como polas súas demandas contra a canle mediante activa implicación sindical. O ditame foi acollido como "histórico" por parte do persoal mobilizado e na oposición parlamentaria, mentres a dirección da CRTVG mantivo que se trataba dunha cuestión estritamente laboral.
O BNG pide contas ao Goberno galego por un ditame xudicial "histórico" que, defende, vai alén do laboral e ten "dimensión colectiva" e "política". O vicepresidente Calvo responde que "critica por criticar" e acusa a Pedro Sánchez de facer "purgas" en RTVE
A condena e as súas repercusións estiveron moi presentes no pleno do Parlamento desta semana, o que pechou o período de sesións. Primeiro, pola cobertura de dous postos en representación do PP no consello de administración da propia CRTVG, que finalmente saíron adiante cos votos a prol dos populares e do PSdeG -son nomeamentos que precisan de maioría reforzada e que foron ligados a un acordo para cubrir vacantes no Consello de Contas-. Despois, durante o debate de varias iniciativas. A última, unha pregunta ao Goberno por parte da deputada do Bloque Alexandra Fernández, respondida polo vicepresidente segundo, Diego Calvo, que retrucou centrándose en cargar contra o Goberno galego de PSdeG e BNG (2005-2009), mais tamén contra EH-Bildu.
Fernández ve "demoledora" unha sentenza na que, apunta, quedaron acreditadas as "represalias" que a CRTVG tomou, "vulnerando os dereitos fundamentais" do traballador, polo que non é posible "homologar" o caso a "outras sentenzas de conflitividade laboral habitual". "O PP manipula a CRTVG ao seu servizo", o persoal "maniféstase", a dirección toma represalias "e a Xustiza condena por esas prácticas mafiosas", veu sintetizar a parlamentaria. Por iso o pronunciamento adquire "dimensión colectiva" e "política" e por iso, agregou, o Goberno galego debe dar explicacións ao respecto.
Para o novo vicepresidente segundo, esa petición de explicacións non vai alén de "criticar por criticar" mentres o BNG demostra o que considera un "dobre raseiro, do BNG e da esquerda en xeral". Tras aludir a sentenzas en concellos como Ponteareas ou Vigo que, di, deixaron eses gobernos locais como "represores da liberdade de expresión dos sindicatos", Calvo censura que as formacións da esquerda, dixo, poidan "sacar a foto con quen lles dea a gana" ou "aprobar a lei Bildu, ir na candidatura con Bildu" mentres "o PP ten que pedir permiso para todo e pedir perdón por todo; xa está ben", clamou.
Censura tamén o número tres do Goberno galego o que considera "pomposidade" na intervención da deputada do BNG xa que, di, lle "dá a risa" que a formación nacionalista aluda a manipulacións na Televisión de Galicia. Fernández, agrega, "non estaba no bipartito" cando daquela, acusa, o director xeral mesmo remitira "unha carta a Anxo Quintana para denunciar presións". Ademais, engade, se algunha circunstancia é "histórica" non é a condena á CRTVG, senón a "purga que fixo Pedro Sánchez en RTVE".
Calvo alude á súa etapa como deputado da oposición na comisión da CRTVG. Daquela esixira unha relación completa de participantes nun programa de debate político e a Xunta entregáralla
A deputada do Bloque declarouse "abochornada" coa resposta de Calvo, máis aínda tras once anos "sen desenvolver a lei de medios", que "blindaría a pluralidade" na TVG e na Radio Galega. O conselleiro, que tamén alude a que na CRTVG "seguimos sendo líderes" de audiencia, apoiou tamén a súa resposta no feito en que entre 2005 e 2009 representou o PP na comisión parlamentaria de control da CRTVG.
Daquela, Calvo chegara a reclamar unha relación completa de persoas participantes e cadanseus tempos de intervención no desaparecido faladoiro Hai Debate!, un coloquio en horario de máxima audiencia sobre temas de actualidade ao que acudían xornalistas, membros do Goberno e de todos os grupos parlamentarios. A Xunta facilitáralle os datos no documento que acompaña estas liñas.