A pasada semana irromperon na axenda política galega dous feitos relacionados coa Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG). Por unha banda, adquiriu firmeza a primeira sentenza xudicial contra a CRTVG que dá por probado que a entidade pública sancionou un traballador como represalia por mobilizarse coa plataforma Defende a Galega. Por outra, o PP iniciou os trámites para cubrir as baixas de dous dous seus catro representantes no Consello de Administración da propia CRTVG, ambas causa de senllas renuncias. Unha delas, dun dos asesores clave de Alberto Núñez Feijóo en materia de comunicación.
Os perfís elixidos polos populares volveron ser de partido. Trátase de dúas persoas con traballos pasados nos medios de comunicación e que actualmente desenvolvían labores na Consellería de Medio Ambiente, nun caso como xefe de prensa (Álvaro Alonso) e no outro, como xefa territorial na provincia de Lugo (Margarita López, tamén responsable de prensa na Deputación de Lugo nos tempos de Francisco Cacharro Pardo).
Ambos completaron a pasada semana o trámite de comparecer ante a Comisión de Control da CRTVG no Parlamento como paso previo á inclusión no vindeiro pleno da correspondente votación. Como marca a lei, para saír adiante é preciso que ambos candidatos reciban o apoio dunha maioría reforzada de dous terzos (50 escanos) ou tres quintos (45 escanos). Isto é, ao PP sonlle imprescindibles cando menos 3 votos da oposición.
O Bloque defende que o detonante para supeditar a remuda no Consello da CRTVG ao cumprimento íntegro da lei, incluíndo a substitución do director xeral, é a condena agora firme á Corporación pública por represalias a un traballador
A orde do día dese pleno, o último do período de sesións antes do parón estival, foi configurada este martes, nas habituais reunións da Mesa e da Xunta de Portavoces. O luns, antes desas xuntanzas, a Executiva Nacional do BNG decidiu non facilitar a elección se o PP non accede a cumprir integramente a lei dos medios públicos do ano 2011. Darán o "si" se os populares propician a aprobación do Estatuto Profesional para o persoal da Televisión de Galicia e da Radio Galega, á creación do Consello de Informativos e, sobre todo, á elección dunha nova dirección xeral por maioría reforzada -como marca a norma- para substituír a Alfonso Sánchez Izquierdo, nomeado directamente por Feijóo en 2009 (ao abeiro da lei de 1984) e cuxo mandato é por tempo indefinido grazas a unha reforma aprobada polo PP en solitario en 2015.
O vicevoceiro segundo do Bloque no Parlamento, Manuel Lourenzo, confirmou este martes en rolda de prensa a mudanza de postura. O detonante, asegura, foi a "condena histórica do Tribunal Superior de Xustiza á CRTVG", que "non fai senón evidenciar unha dinámica de represalias e manipulación informativa que non son tolerábeis nunha democracia". Mentres isto non suceda, defenden, os medios públicos seguirán "ao servizo do PP".
O PSdeG confirma que manterá o sentido previsto do seu voto tanto na votación para a CRTVG como para o Consello de Contas, polo que os nomeamentos propostos polo PP sairán igualmente adiante
O "non" do BNG foi duramente criticado polo vicevoceiro do PP, Alberto Pazos, quen esgrime que o Bloque si participaron na renovación do Consello da CRTVG o pasado ano, cando tocou renovalo integramente por fin de mandato e cando á formación soberanista lle correspondeu nomear un dos postos. A situación da CRTVG "é exactamente a mesma que existía hai un ano", esgrime Pazos, a cuxo xuízo a viraxe amosa que o BNG é "incompatible coa verdade", a "moderación" ou a "lealdade institucional" e a súa negativa, unha "tomadura de pelo" da que "toman nota".
Os nomeamentos dos dous novos membros do Consello da CRTVG, así e todo, sairán adiante. A activación da remuda veu parella ao acordo para renovar postos pendentes no Consello de Contas, como sucedera en 2015. Un é para Constantino Carreiras, a proposta do PP, e outro para Simón Rego, proposto polo PSdeG. Fontes parlamentarias consultadas por Praza.gal confirman que o Grupo Socialista manterá o sentido do voto que tiña previsto e "facilitará" os nomeamentos na CRTVG e mais a cobertura de postos no Consello de Contas.