Hai algo menos dun ano, o Parlamento votou o nomeamento do consello de administración da Corporación Radio Televisión de Galicia, o segundo ao abeiro da lei de medios de comunicación do ano 2011. Trátase do órgano reitor da televisión e radio públicas de Galicia e está composto polos seis membros votados daquela e mais polo director xeral, que permanece no posto por tempo indefinido grazas a unha reforma aprobada polo PP en solitario en 2015.
A propia lei establece que este consello é nomeado por maioría cualificada do Parlamento. Isto é, non abonda a maioría absoluta do PP: cómpren dous terzos (50 escanos) ou tres quintos (45 escanos) da Cámara, o cal obriga a que as designacións teñan o apoio de, cando menos, un dos grupos da oposición. A norma tamén marca que as persoas elixidas teñan "acreditada experiencia profesional e recoñecido prestixio" e que no proceso se "teña en conta a pluralidade cultural, ideolóxica e política", cuestión que na práctica se traduce nunha correlación de forzas similar á do Parlamento: actualmente, 4 membros propostos polo PP, 1 polo BNG e 1 polo PSdeG. A eles engádese o director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, que ocupa o cargo por designación directa da Xunta de Alberto Núñez Feijóo dende 2009, aínda coa vella lei de creación da CRTVG en vigor.
Nos últimos meses o PP decidiu substituír dous dos seus representantes. O pasado abril dimitiu do posto Luis de la Matta para incorporarse ao gabinete de Feijóo como líder estatal dos populares. Ata daquela, De la Matta xa era un dos asesores máis próximos ao ex-presidente no eido da comunicación e relacións cos medios, aínda que formalmente o seu único posto era o de membro do Consello da CRTVG. Nas últimas semanas, o PP confirmou que quere substituír tamén outro dos seus representantes, Higinio Meijide, avogado e asesor xurídico do partido dos populares dende o fraguismo.
Ambos aspirantes teñen actualmente postos na Consellería de Medio Ambiente. Antes traballaran en medios e ostentaran xefaturas de comunicación e gabinete co PP na Deputación de Lugo e na presidencia da Xunta con Feijóo, respectivamente
Este mércores, a formación conservadora confirmou os nomes que propón para remudar a De la Matta e Meijide e ratificou que volve optar por senllos perfís de partido. Para un dos postos postula a Margarita López Blanco, avogada e funcionaria de carreira que traballou durante un trienio a finais dos 90 na desaparecida televisión local do grupo El Progreso para despois ser a xefa de prensa de Francisco Cacharro Pardo (PP) como presidente da Deputación de Lugo dende a metade do seu penúltimo mandato. Exerceu tamén como xefa de gabinete na breve presidencia da popular Elena Candia na institución provincial -de xuño a outubro de 2015- e actualmente exerce como xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente en Lugo.
Do departamento que dirixe Ángeles Vázquez procede tamén o segundo elixido, Álvaro Alonso Filgueira. Xornalista de formación, Alonso Filgueira traballou en varios medios antes de incorporarse ao gabinete de comunicación da Presidencia Xunta. Actualmente exerce como xefe de prensa da mesma Consellería de Medio Ambiente mentres, segundo algunhas fontes, acada forte proxección interna no seo do PP.
As votacións para remudar a De la Matta e Meijide polos devanditos candidatos chegan ao Parlamento mentres a oposición, os sindicatos e a plataforma Defende a Galega seguen reclamando que remate o mandato indefinido de Sánchez Izquierdo e a dirección xeral da CRTVG sexa elixida por maioría reforzada do Parlamento, como marca a lei. Tamén despois de que adquirise firmeza a a primeira sentenza xudicial que dá por acreditado que a CRTVG sancionou un traballador como represalia por mobilizarse, precisamente, coa plataforma Defende a Galega.
A elección require, segundo a lei e coa actual composición do Parlamento, o voto favorable de cando menos un dos grupos da oposición
Atendendo outra volta ao texto da lei, o procedemento de substitución de membros do consello de administración da CRTVG segue as mesmas normas que a elección ordinaria, isto é, debe recibir luz verde por maioría reforzada (co apoio, como mínimo, dun dos grupos da oposición). A única diferenza a respecto do procedemento no inicio de mandato é que ten que respectar a "pluralidade de orixe", isto é, neste caso dous representantes do PP substitúen outros dous do PP.
A norma fixa tamén que, durante o proceso de avaliación previa á elección, os grupos parlamentarios deben considerar, entre outros aspectos, se os aspirantes cumprirán os requisitos de "actuar con plena independencia e neutralidade". Asemade, sen que "poidan recibir instrucións, directrices ou calquera outra clase de indicación do Goberno, da Administración, dos partidos políticos ou doutras institucións ou entidades".