Á segunda e no medio do suspense e a tensión. Os 11 votos do PSdeG e os 2 do BNG uníronse este xoves en Lugo para apoiar a moción de censura presentada a finais de setembro e recuperar o goberno que perderan o pasado xuño, cando o alcalde socialista de Becerreá, Manuel Martínez, decidiu desmarcarse do seu partido e propiciar o retorno do PP ao poder para protestar polo pacto que o deixaba fóra da presidencia, á que aspiraba dende 2007.
Desta volta Martínez cumpriu co acordado entre o seu partido e o Bloque e tamén entre el mesmo e os seus compañeiros, como xa avanzara nos últimos días. O pacto co resto do Grupo Socialista figura por escrito, segundo as fontes consultadas, e Martínez asegura que revelará o seu contido tras a organización definitiva do novo equipo de goberno, no que se prevé que estea presente e xestionando áreas semellantes ás que xa ocupaba no anterior mandato, cando era o deputado encargado de vías e obras e mais do parque móbil.
Sexa como for, a aprobación da moción de censura desbanca da presidencia a popular Elena Candia, alcaldesa de Mondoñedo, e sitúa nela o socialista Darío Campos, rexedor da Pontenova, quen garante o retorno "da normalidade democrática" á institución. Previsiblemente, o goberno terá unha única Vicepresidencia que exercerá o BNG, ao xeito das deputacións da Coruña e Pontevedra.
Catro meses 'en guerra'
O cambio na cor do goberno da institución lucense chega tras catro tensos meses nos que non houbo lugar para os cen días de cortesía entre goberno e oposición. Tras recoller por sorpresa o bastón de mando Candia arrodeouse de parte das persoas que formaran o núcleo duro da Deputación en tempos de Cacharro Pardo, cunha forte influencia no goberno de dirixentes do PP provincial como o tamén vicepresidente do Parlamento, José Manuel Balseiro. O novo equipo, din fontes consultadas por este diario, manifestou especial interese en "erguer alfombras", reclamando listaxes de contratistas, cambiando o lugar de traballo de parte do persoal ou mesmo mudando pechaduras de dependencias do Pazo de San Marcos.
Os populares manifestaron especial interese por "erguer alfombras"
Durante a súa breve presidencia Candia botou man de golpes de efecto como a venda do vehículo oficial que empregou durante o seu mandato o expresidente e líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, ou o cambio das cores corporativas da institución na web provincial, na que os tons vermellos -que figuran na bandeira instaurada en tempos de Cacharro- foron substituídos polo azul. Mentres, o Grupo Socialista formulou diversas denuncias a respecto da composición do goberno, da non publicación en tempo e forma das declaracións de bens da corporación ou da compatibilidade do traballo de Candia como axente de seguros, o que os levou a cualificala de "presidenta comisionista".
A dous días da censura Candia repartiu axudas de urxencia entre concellos do PP
Esta tensión alargouse tras a sinatura da moción de censura. Así, nos últimos días os populares elevaron á oficina antifraude da UE un plan de axudas europeas xestionadas polo anterior goberno e enviaron á Fiscalía as obras da sede lucense da UNED, tamén impulsadas polo goberno de coalición. Ademais, apenas dous días antes da votación da censura Candia repartiu case 3 millóns en axudas entre concellos do PP, aprobadas nunha Xunta de Goberno extraordinaria. Fíxoo, afirmou, para compensar o "castigo do PSOE" aos municipios con alcaldes conservadores.