0 Gardados para despois

Martínez cumpre á segunda e permite que PSdeG e BNG recuperen a Deputación de Lugo

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Á segunda e no medio do suspense e a tensión. Os 11 votos do PSdeG e os 2 do BNG uníronse este xoves en Lugo para apoiar a moción de censura presentada a finais de setembro e recuperar o goberno que perderan o pasado xuño, cando o alcalde socialista de Becerreá, Manuel Martínez, decidiu desmarcarse do seu partido e propiciar o retorno do PP ao poder para protestar polo pacto que o deixaba fóra da presidencia, á que aspiraba dende 2007.

Desta volta Martínez cumpriu co acordado entre o seu partido e o Bloque e tamén entre el mesmo e os seus compañeiros, como xa avanzara nos últimos días. O pacto co resto do Grupo Socialista figura por escrito, segundo as fontes consultadas, e  Martínez asegura que revelará o seu contido tras a organización definitiva do novo equipo de goberno, no que se prevé que estea presente e xestionando áreas semellantes ás que xa ocupaba no anterior mandato, cando era o deputado encargado de vías e obras e mais do parque móbil.

Sexa como for, a aprobación da moción de censura desbanca da presidencia a popular Elena Candia, alcaldesa de Mondoñedo, e sitúa nela o socialista Darío Campos, rexedor da Pontenova, quen garante o retorno "da normalidade democrática" á institución. Previsiblemente, o goberno terá unha única Vicepresidencia que exercerá o BNG, ao xeito das deputacións da Coruña e Pontevedra.

Catro meses 'en guerra'

O cambio na cor do goberno da institución lucense chega tras catro tensos meses nos que non houbo lugar para os cen días de cortesía entre goberno e oposición. Tras recoller por sorpresa o bastón de mando Candia arrodeouse de parte das persoas que formaran o núcleo duro da Deputación en tempos de Cacharro Pardo, cunha forte influencia no goberno de dirixentes do PP provincial como o tamén vicepresidente do Parlamento, José Manuel Balseiro. O novo equipo, din fontes consultadas por este diario, manifestou especial interese en "erguer alfombras", reclamando listaxes de contratistas, cambiando o lugar de traballo de parte do persoal ou mesmo mudando pechaduras de dependencias do Pazo de San Marcos.

Os populares manifestaron especial interese por "erguer alfombras"

Durante a súa breve presidencia Candia botou man de golpes de efecto como a venda do vehículo oficial que empregou durante o seu mandato o expresidente e líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, ou o cambio das cores corporativas da institución na web provincial, na que os tons vermellos -que figuran na bandeira instaurada en tempos de Cacharro- foron substituídos polo azul. Mentres, o Grupo Socialista formulou diversas denuncias a respecto da composición do goberno, da non publicación en tempo e forma das declaracións de bens da corporación ou da compatibilidade do traballo de Candia como axente de seguros, o que os levou a cualificala de "presidenta comisionista".

A dous días da censura Candia repartiu axudas de urxencia entre concellos do PP

Esta tensión alargouse tras a sinatura da moción de censura. Así, nos últimos días os populares elevaron á oficina antifraude da UE un plan de axudas europeas xestionadas polo anterior goberno e enviaron á Fiscalía as obras da sede lucense da UNED, tamén impulsadas polo goberno de coalición. Ademais, apenas dous días antes da votación da censura Candia repartiu case 3 millóns en axudas entre concellos do PP, aprobadas nunha Xunta de Goberno extraordinaria. Fíxoo, afirmou, para compensar o "castigo do PSOE" aos municipios con alcaldes conservadores.

Pleno da Deputación de Lugo

CC BY-SA Fundación TIC

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O PP aférrase ao mito da lista máis votada e Campos dá por restaurada a "normalidade"

Nunca ningún cidadán depositou unha papeleta nunha urna o día das eleccións para expresar que persoas ou partidos políticos deben compoñer a Deputación provincial. Ningún fóra de Euskadi ou dos territorios insulares. No entanto, as apelacións a unha suposta candidatura máis votada foron continuas no debate da moción de censura, tras cuxa aprobación o novo presidente, Darío Campos, deu por restaurada a "normalidade democrática".

O alcalde da Pontenova acudiu ao pleno no que sería investido con xesto serio e un aquel de desacougo malia ao compromiso de Manuel Martínez de non repetir polo San Froilán o que fixo no San Xoán. O vivido naquel esperpéntico pleno non foi obviado por Campos, que antes da votación pediu novamente "desculpas, no meu nome e no dos deputados", polo que "nunca debeu suceder".

O PP teima en erixirse como "a forza máis votada" malia non existir eleccións á Deputación

"Queremos recuperar a normalidade democrática e reconciliarnos cos intereses dos cidadáns", dixo entre apupos dos simpatizantes alleos e aplausos dos propios. Aplausos e apupos mudaron de banda na quenda da presidenta saínte, Elena Candia, que reivindicou a lexitimidade do seu breve goberno por ser "a forza máis votada, a forza gañadora", malia non ser a provincial unha institución de elección directa.

Entre citas de Cánovas e mesmo de Castelao, cuxo Sempre en Galiza empregou para cualificar de "incapaces" a socialistas e nacionalistas, Candia reprochou os "acordos de despacho, restaurantes e cafetarías" que, asegura, se "impuxeron á política" en Lugo. Malia pasar á oposición, afirma, o PP seguirá velando "polos nosos alcaldes e polos nosos veciños".

Ataque a Martínez e acusacións de "comisionista"

O PSdeG despide a Candia como "presidenta comisionista e caciquil"

Foi na quenda dos voceiros cando o debate subiu de ton. O representante socialista, Álvaro Santos, xustificou a moción na necesidade de repoñer o goberno de esquerda, pero tamén coa aposta por afastar do poder unha "presidenta tan comisionista e caciquil" que, censura, seguiu "intervindo ata agosto" na contratación de pólizas da súa correduría de seguros, contradicindo, segundo o PSOE, a lexislación en materia de incompatibilidades.

Pola banda popular Juan Carlos Armesto, quen dixo falar no nome "da maior parte dos funcionarios" da Deputación, dirixiuse ao outro gran protagonista do pleno, Manuel Martínez. O alcalde de Becerreá, di, non será "presidente nin vicepresidente". "E delegado de obras, xa veremos", augura. "Cumpriron? Pagaron?", preguntou entre apupos.