0 Gardados para despois

PSdeG e BNG presentan a moción de censura para recuperar a Deputación de Lugo

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Esperemos que poidamos dar unha boa nova dentro de moi pouco". Quen así falaba a primeiras horas deste venres é unha das persoas que, nos últimos meses, tivo implicación directa dende a banda socialista nas negociacións entre PSdeG e BNG para tentar recompoñer a desfeita que para ambas formacións supuxo a perda do goberno da Deputación de Lugo o pasado xuño, cando o alcalde de Becerreá, Manuel Martínez decidiu rachar co seu partido e entregarlle a presidencia ao PP. A situación, constataban dende ambas formacións, está a piques de mudar e así foi anunciado este mediodía ante o Pazo de San Marcos, onde a moción de censura xa está rexistrada.

As fontes consultadas por Praza Pública confirman que nos últimos días se multiplicaron os contactos, tanto en Lugo como entre as direccións nacionais de PSdeG e Bloque, á procura dun acordo. O principal atranco, a teimosía de Martínez en ser presidente como condición para apoiar unha moción de censura contra a popular Elena Candia, foise despexnado, indican, e isto levou a que na noite deste xoves o pacto estivese "moi preto, practicamente pechado". Ese peche chegou na mañá do venres, cunha xuntanza en Rábade.

No entanto, o vivido o pasado xuño e a vaga expansiva do acontecido fai que nas dúas organizacións, pero moi especialmente nas filas socialistas, a apelación máis repetida sexaé a da prudencia. "A cousa non estará pechada ata que se presente" a moción e mesmo "ata que se vote" no pleno da institución provincial, indica un membro do grupo provincial do PSdeG para ilustrar o temor que, aínda que nun grao moito menor ao de hai unhas semanas, aínda persiste a un posible desmarque de Martínez quen, non obstante, xa asinou a censura.

As negociacións con Martínez pecháronse este venres en Rábade

Neste contexto, as fontes consultadas indican que co acordo acadado se reeditaría unha coalición que nesta ocasión estaría encabezada polo socialista Darío Campos, alcalde da Pontenova e actual voceiro do PSdeG na institución, e vicepresidido polo BNG. Manuel Martínez seguiría na corporación provincial e como deputado do goberno, previsiblemente en responsabilidades semellantes ás que veu ostentando en materia de vías e obras.

A moción votarase o vindeiro día 8

"As negociacións nunca chegaron a romper de todo" e o que se procurou nos últimos días foi "avanzar" cara a un acordo especialmente desexado nos gobernos locais encabezados por socialistas e nacionalistas na provincia de Lugo. Así as cousas, o mandato da popular Elena Candia remataría apenas cinco meses despois de iniciarse e vaino facer, previsiblemente, o vindeiro 8 de outubro, data fixada para a votación.

"Devolvemos aos lucenses o goberno progresista e nacionalista que elixiron"

Confirmada e rexistrada a moción, o voceiro provincial do PSdeG, Darío Campos Conde, e o voceiro provincial do BNG, Antonio Veiga Outeiro, adiantaron anunciaron o inicio do procedemento "para devolver aos lucenses o goberno progresista e nacionalista que elixiron o 24M para a Deputación de Lugo" e confirmaron que a institución provincial será presidida polo propio Darío Campos. 

Campos Conde remarcou que o 8 de outubro "plasmarase no organismo provincial a decisión da maioría dos lucenses nas pasadas eleccións municipais: un goberno progresista e nacionalista para a Deputación de Lugo". "A partir dese mesmo día, retornaremos á provincia as políticas de progreso e poremos fin ás políticas destructivas e caciquís do PP", dixo o voceiro socialista, que asegurou que durante os últimos meses "o PP só se dedicou a facer da institución unha Delegación máis da Xunta de Galicia, a pagar con cartos dos lucenses as débedas de Feijóo coa nosa provincia e a destruir, paralizar e bloquear proxectos de futuro do anterior Executivo". Así, citou como exemplos a apertura dos primeiros centros para maiores da rede pública de residencias e centros de día da Deputación; a posta en marcha do primeiro centro de recría de gando vacún público en España na granxa Gayoso Castro ou a creación de 300 novos postos de traballo na provincia a través do Ben Empregado II. 

"Damos o primeiro paso para devolver aos lucenses un goberno que nunca debeu estar en mans do PP", di Veiga (BNG)

Veiga Outeiro, pola súa banda, asegurou que as dúas formacións van "abrir de novo as portas da Deputación” e subliñou que veñen de "dar o primeiro paso para devolver aos lucenses un goberno que nunca debeu estar en mans do PP". "Levaremos adiante un programa que xa está en marcha nas Deputación da Coruña e Pontevedra co PSOE e BNG, e atenderemos as verdadeiras preocupacións dos lucenses e a todos os concellos da provincia, independentemente da súa cor política”, rematou. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Rey Varela cre que é "a moción da vergoña"

“É a moción da vergoña”. Así cualificou o director de campaña electoral para as eleccións xerais do PPdeG, José Manuel Rey, a moción de censura pactada entre PSdeG e BNG na Deputación de Lugo. “É unha vergoña que dous partidos políticos, despois de todo o que se dixeron entre eles, sexan capaces de acadar en despachos unha moción de censura cando nin sequera teñen transcorridos 100 días dun goberno provincial”, admitiu nunha declaración que contrasta coa normalidade coa que o PP intentou xustificar a moción que desaloxou a Xosé Luís Rivas, Mini, da alcaldía de Boimorto, grazas ao voto dun tránsfuga do PSOE

“É unha vergoña que dous partidos políticos, despois de todo o que se dixeron entre eles, sexan capaces de acadar en despachos unha moción", di o PPdeG

Rey afirmou que "nunca os motivos escuros, as adaptacións aos cargos ou aos intereses poden estar por riba do que opinan os cidadáns". “A transparencia debe estar por riba destes acordos que non responden á normalidade democrática porque non permitir a un goberno gobernar durante cen días non ten precedentes dende un punto de vista democrático”, sinalou.

Elena Candia cualifica a moción de "instrumento" para "arranxar os problemas internos" de Bloque e PSdeG

Por outra banda, a aínda presidenta da Deputación, Elena Candia, cre que a moción "non é máis que un instrumento" de PSOE e BNG para "arranxar os problemas internos dos seus partidos". A tamén alcaldesa de Mondoñedo amosouse "satisfeita co traballo feito" na institución provincial e cre "ter cumprido cos compromisos dentro das limitacións termporais".