O TSXG ratificara a condena á CRTVG por sancionar a Carlos Jiménez por mobilizarse contra a manipulación nun ditame agora firme tras non ser recorrido
A primeira sentenza contra a CRTVG por represaliar un traballador crítico xa é firme. A corporación decidiu non recorrer o ditame do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que o pasado maio condenara a compañía dos medios públicos por sancionar un xornalista e locutor en represalia por mobilizarse nos venres negros, protesta iniciada hai catro anos por persoal en contra da manipulación na TVG e na Radio Galega.
O TSXG "declara firme a sentenza" do pasado mes logo de que transcorrese o prazo acordado sen que a CRTVG impuxese recurso ningún de casación ante o Supremo. Polo tanto, o Tribunal Superior volve ratificar a condena contra a CRTVG por represalias a Carlos Jiménez que xa lle impuxera o Xulgado Social Número 1 de Santiago.
Ante aquel primeiro ditame, que anulara a sanción que a CRTVG impuxera ao xornalista e locutor -un dos rostros máis visibles e implicados na protesta contra a manipulación nos medios públicos impulsada por Defende A Galega-, a corporación si decidira interpoñer un recurso de súplica que fora rexeitado polo TSXG.
A sentenza do TSXG confirma que o traballador viu vulnerado o seu dereito á liberdade de expresión e que foi sancionado por mobilizarse nos 'venres negros'
Na argumentación deste rexeitamento, tres maxistradas do TSXG coincidiron co ditame do xulgado en que o traballador viu vulnerado o seu dereito á liberdade de expresión e información, ademais de conculcado o de ter unha tutela xudicial efectiva. Ademais, reiteraran a "inmediación temporal entre a apertura do expediente disciplinario" e a "participación activa do demandante nos venres negros", moi activo "nas redes sociais", e que "tiña por obxecto a denuncia por parte de diversos traballadores do que consideraban por parte da dirección de políticas de manipulación informativa".
Xa na sentenza do xulgado santiagués advertírase da "relación causal e tamén temporal" da sanción que lle fora imposta a Jiménez cos procesos xudiciais que o traballador gañou á CRTVG e "coa manifestación da súa discrepancia xornalística a respecto da política informativa da corporación". E advertira de que a "inmediatez temporal existente entre a mobilización Venres Negros iniciada a finais de maio de 2018 con activa participación do traballador", permitía concluír que a sanción fora "unha resposta da entidade demandada á actuación legal e xornalística do demandante nunha relación causa-efecto".
Logo, o TSXG destacou tamén que a corporación, fronte á coincidencia case temporal entre a apertura da expediente e o inicio dos venres negros, "non probou que a sanción tivese obedecido a un propósito alleo ás represalias polas accións exercitadas" no marco da mobilización. Ademais, impón á CRTVG unha indemnización de 6.251euros por danos e prexuízos por vulneración de dereitos fundamentais.
O caso data xa do outono de 2018, cando a CRTVG arquivou o expediente que abrira á xornalista Tati Moyano, presentadora do Telexornal Serán que dimitira dese labor xunto a Alfonso Hermida para denunciar control informativo na canle pública e que reivindicara ante o presidente da Xunta as protestas dos venres negros a prol do cumprimento íntegro da lei de medios. A corporación expedientáraa por utilizar o servizo de maquillaxe da canle para presentar unha gala benéfica contra o cancro.
Escasos días despois, a CRTVG expedientou a Carlos Jiménez, un dos rostros e voces máis coñecidos dos medios públicos que, ademais, gañara ao ente nos tribunais máis de quince litixios nos que lograra que quedase acreditada a súa relación laboral indefinida. Acusábano de incorrer nunha incompatibilidade por locutar un programa realizado por unha produtora externa para a propia TVG, labor que realizara dende había décadas con diversas empresas e para a que obtivera a compatibilidade explícita en 2008, antes do seu recoñecemento xudicial como indefinido.
Un xulgado santiagués, a Fiscalía e o TSXG coincidiron en advertir que Jiménez foi sancionado pola súa participación activa nos 'venres negros'
No seu caso, o expediente si chegou a termo e traduciuse nunha sanción: suspensión de emprego e soldo de nove días. Jiménez recorreu á Xustiza e o xulgado do Social número un de Santiago deulle a razón por partida dupla o pasado mes de sanción. Anulou a sanción e ademais, concluíu que "existen indicios acreditados de modo obxectivo polo traballador" dos que cabe concluír unha "relación causal e tamén temporal" da sanción cos procesos xudiciais que o traballador gañou á CRTVG e "a manifestación da súa discrepancia xornalística a respecto da política informativa da corporación". O traballador viu vulnerado o seu dereito á tutela xudicial efectiva "na súa vertente de garantía de indemnidade" e mais á liberdade de expresión.
Daquela, a xuíza, como fixera a Fiscalía, non dera validez aos argumentos de fondo esgrimidos pola CRTVG: "Por máis que o actual responsable da área de contidos accedese ao posto" en 2017, "non resulta razoable considerar que a CRTVG non tivese coñecemento do intensísimo labor" de Jiménez "como locutor en produtoras privadas con carácter previo a 2018", ano do expediente e tamén ano no que comezaron as protestas dos venres negros.
"Cuestión estritamente laboral"
Hai só unhas semanas, e ao pouco de coñecerse a sentenza contra a CRTVG, o seu director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, cualificaba de "cuestión laboral" a condena por represalias a Jiménez e advertía que o ditame "non cuestiona o bo facer" dos medios públicos. A semana pasada, insistía ante as preguntas da oposición na comisión de control parlamentaria en que a cuestión era "estritamente laboral" e que en caso ningún se podía deducir unha "política represiva" na corporación. "O departamento de Recursos Humanos detectou unha eiva e actuou en consecuencia", dixo. "Mesturan un discurso político cunha actuación profesional e empresarial", espetou ás deputadas de BNG e PSdeG.
Tamén pouco despois de coñecerse a sentenza do TSXG, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avalaba a "política" da CRTVG sobre os venres negros, que consideraba "axeitada". Mentres, desde a oposición, BNG e PSdeG volvían sinalar a "manipulación perversa" na televisión e radio públicas e alertaban da "impunidade total" ante a gravidade de ditames xudiciais como o que condena a Corporación por represaliar un traballador que é crítico.
Por outra banda, nesta semana activouse o procedemento para cubrir dúas baixas de senllos representantes do PP no Consello de Administración da CRTVG. Son as vacantes deixadas por Luis de la Matta -asesor de Feijóo no PP en materia de comunicación dende 2007- e Higinio Meijide Gómez, xefe de gabinete no Goberno de Fraga e asesor xurídico do PP na etapa de Feijóo na oposición. O prazo para a presentación de candidaturas para os dous procedementos rematará o vindeiro mércores, 29 de xuño.
O Consello de Administración está dirixido desde 2011 pola mesma persoa, Alfonso Sánchez Izquierdo, que non foi elixido pola maioría reforzada do Parlamento que marca propia lei. O actual director xeral foi designado directamente pola Xunta poucas semanas despois de chegar Alberto Núñez Feijóo á presidencia da Xunta, aínda coa lei de 1984. E foi o propio Goberno galego do PP o que, tras a elección -con atraso- do primeiro Consello coas normas da lei de 2011, modificou o texto legal para permitir que continuase indefinidamente no cargo. Non hai data para a súa substitución conforme ás normas fixadas hai unha década, tal e como vén reclamando intensamente persoal da propia corporación.