As dimisións da directora da Área de Información, Concepción Pombo Romero; do subdirector Alejandro López Carballeira; dos dous redactores xefes e do responsable do Telexornal Mediodía, ademais da do director da Área de Contidos, Fernando Rodríguez Ojea, e das directivas Rosa Sierra e Vanessa Grela. É o que esixe o comité intercentros da CRTVG ante a "deriva ideolóxica á que os máximos responsables da Corporación están levando aos servizos informativos".
A representación legal do persoal dos medios públicos galegos amosou o seu "fastío" ante a "gravidade dos novos episodios de manipulación informativa" desta semana na TVG, protagonista por, entre outras cousas, limitar unha información sobre a exhumación de fosas da guerra civil a dar voz a unha canle de ultradereita que inquiriu a ministra Ione Belarra sobre Paracuellos. Unha peza que causou a denuncia e a protesta de Defende A Galega, así como da oposición parlamentaria e de varios profesionais do xornalismo.
O comité intercentros denuncia a "deriva ideolóxica" e a "gravidade da manipulación informativa": "Un ataque sen precedentes ao servizo público"
Este e outros episodios supoñen para o comité un "ataque sen precedentes ao servizo público" que os "obriga", din, a denunciar unha "situación interna insostible". De feito, a representación do persoal anuncia que prepara unha "resposta contundente" a unha deriva ideolóxica para lograr "erradicar a manipulación informativa e o sexismo na CRTVG".
Así, o comité dá conta da última das polémicas e lembra a información "sen poñer en contexto" sobre a visita da ministra de Dereitos Sociais e do ministro da Presidencia aos traballos de exhumación nunha foxa común de vítimas do franquismo nunha localidade madrileña. "O único corte escollido pola dirección da TVG para ilustrar a noticia non se refería en absoluto a ela, senón que recolleu a pregunta dun blogue de internet da extrema dereita que inquiría a ministra Belarra sobre os mortos de Paracuellos, un episodio que a ultradereita utiliza decote nos seus discursos", din nun comunicado.
O comité recorda que nese mesmo informativo do pasado xoves emitíronse unhas declaracións da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, avaliando positivamente os cen días de Alfonso Rueda á fronte da Xunta. "A peza elaborouse a partir dun vídeo remitido polo propio partido, con micrófono do PP, sen intervención de ningún xornalista da TVG e sen declaracións doutras formacións políticas con representación, incumprindo o principio legal de reflectir o pluralismo ideolóxico do país e manter a neutralidade informativa", aclaran.
Ademais, destacan que "a gravidade da situación na CRTVG non afecta só aos informativos, senón tamén á Área de Contidos" e denuncian "un novo episodio de ausencia de perspectiva de xénero e incumprimento do deber de fomento de accións positivas en materia de igualdade e erradicación do sexismo e do machismo". Así, sinalan que a TVG comezou a promocionar a serie Saudade de ti con mensaxes como “O amor de verdade fai sufrir” ou “O amor de verdade é pura loucura”.
Respecto a isto, Xornalistas Galegas tamén denunciou o acontecido. "Os chistes deberían ter graza. Avivar todos os mitos do amor romántico que contribúen a apuntalar o machismo e a violencia contra as mulleres non ten ningunha", advertiu o colectivo de periodistas feministas á Televisión de Galicia.
Por todo isto, e ante "estas novas manifestacións de uso partidista e irresponsable da CRTVG", o comité intercentros, di recoller o "fastío" do persoal para esixir a dimisión deses oito responsables da área de informativos, contidos ou do Telexornal.
Precisamente, Defende A Galega, colectivo de persoal mobilizado da CRTVG, cumpre este venres 224 semanas denunciando "o incumprimento da Lei de Medios, a manipulación e o desmantelamento" nos medios públicos. "Polo visto esta semana, é máis necesario que nunca seguilo facendo. Porque somos Servizo Público", din. "Non coas nosas mans", reivindican estes traballadores.