Outra nova polémica que arrodea a CRTVG. Desta volta logo do tratamento que no telexornal do mediodía do pasado mércores se fixo dunha información sobre os traballos de exhumación que se levan a cabo nunha fosa común en Colmenar Viejo (Madrid).
Defende a Galega acusa a TVG de "facer seguidismo da ultradereita": "Isto non é xornalismo"
A ministra de Dereitos Sociais, Ione Belarra, e o ministro de Presidencia e Memoria Democrática, Félixo Bolaños, visitaron un lugar onde se calcula que foron enterradas máis dun cento de persoas asasinadas polo bando fascistas na guerra civil. A peza emitida pola TVG limítase a informar da visita para, a continuación, incluír unicamente a intervención dun membro dun canal de YouTube de ultradereita (Estado de Alarma TV), dirixido por Javier Negre.
A peza sobre a exhumación limitouse a incluír unha pregunta dunha canle de YouTube de ultradereita que cuestionou que a ministra non fose a Paracuellos
"Xa que están visitando as vítimas da guerra, teñen pensado ir ver os españois que morreron en Paracuellos ou Cabra a mans dos comunistas?", pregunta esta persoa á ministra. "Non é o día nin o lugar para isto", intervén unha responsable de prensa, antes de que Ione Belarra se limite a dicir que responderá "aos medios de comunicación".
Son as únicas declaracións que se inclúen na peza que, teoricamente, informa sobre os traballos de exhumación nun lugar onde Félix Bolaños anunciou que o Executivo financiará a segunda fase dos labores e logo de que se localizasen xa once cadáveres.
"Unha canle dixital pregunta, a TVG fai a peza. E a noticia, onde quedou? Isto non é xornalismo, é facer seguidismo da ultradereita!", denunciou Defende A Galega, colectivo de persoal da CRTVG que se mobiliza desde hai anos nos venres negros, contra a manipulación e polo cumprimento da lei de medios.
A deputada Noa Díaz (PSdeG) cre que a TVG "superou todos os límites dando voz á extrema dereita" e anuncia que pedirá explicacións no Parlamento
Desde a oposición, Noa Díaz, deputada socialista e integrante da comisión de control da CRTVG, foi contundente: "Hai límites e hoxe superáronse todos dando voz á extrema dereita nunha peza informativa sobre a exhumación de fosas", dixo quen amosou a súa "vergoña e indignación" e adiantou que o seu grupo pedirá "explicacións" no Parlamento.
Mercedes Queixas, deputada do BNG, advertiu que "defender a galega non é gardar silencia ante a deriva desinformativa, manipuladora, ofensiva e impropia da necesaria obxectividade que se require do medio de comunicación público da sociedade galega". O tamén parlamentario do Bloque, Daniel Castro, asegurou que pezas como a da polémica son "o día a día da CRTVG". "Desinformando, perseguindo traballadores, facendo de altofalante do PP. E fano coa nosa canle pública, coa de todos e todas", denunciou.
O BNG critica a "deriva desinformativa, manipuladora, ofensiva e impropia da necesaria obxectividade que se require do medio de comunicación público"
Tampouco faltaron as críticas e as denuncias de xornalistas e traballadores da propia CRTVG. Alfonso Hermida, periodista que dimitira do seu labor xunto a Tati Moyano en protesta polo control informativo na TVG, amosou tamén a súa postura: "Enriba da mesa da xefatura de informativos debería haber xa un feixe de cartas de dimisión. Non vale todo. Aínda non se me pasaron a indignación e a tristeza".
A emisión da peza, criticada por numerosos profesionais da comunicación, foi gabada por Javier Negre, presidente da canle dixital de ultradereita.
Esta nova polémica chega poucos meses despois de que o TSXG ratificase a primeira sentenza contra a CRTVG por represalias a un traballador crítico e logo de que se confirmase que o PP volveu sentar perfís de partido no consello da Corporación mentres sostén con mandato indefinido o director xeral.