Un recurso da CRTVG ante o TSXG tivo como resultado non só a ratificación da primeira sentenza, senón unha condena superior por ter vulnerado os dereitos fundamentais da traballadora
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar á CRTVG por obstruír os dereitos de conciliación dunha traballadora da televisión pública, á que negou a posibilidade de fixar un horario laboral que lle permitise coidar das súas fillas de maneira axeitada. O dereito á conciliación da traballadora xa fora recoñecido hai uns meses por un xulgado de primeira instancia.
Porén, un recurso da CRTVG ante o Tribunal Superior tivo como resultado non só a ratificación da primeira sentenza, senón unha condena superior por ter vulnerado os dereitos fundamentais da traballadora, en concreto o seu dereito a non ser discriminada por razón de sexo.
A traballadora pediu unha adaptación do seu horario laboral (de 9:45 a 17:15) para poder levar e recoller as súas dúas fillas da escola infantil
A xornalista traballa na CRTVG dende o ano 2000 e ten dúas filas que neste momento contan con 2 e 5 anos respectivamente. A traballadora, que foi durante sete anos representante sindical liberada, solicitou a súa reincorporación ao servizo activo en marzo do pasado ano, propoñéndolle a compañía un horario laboral de 8 a 15:30 horas.
A traballadora pediu unha adaptación do seu horario laboral (de 9:45 a 17:15) para poder levar e recoller as súas dúas fillas da escola infantil. Porén, a CRTVG rexeitou a súa petición, instándoa a axustar a algún dos horarios establecidos, na quenda da mañá (con entrada entre as 6 e as 9) ou de tarde (entre as 15:30 e as 16).
A nova sentenza destaca que "debe primar a necesidade de conciliación familiar" e sinala que non existe "unha causa organizativa xustificada de suficiente intensidade para rexeitala
A xornalista retrucou que as súas necesidades de conciliación só se podían ver satisfeitas co horario solicitado por ela, dada a condición de lactante dunha das súas fillas e o horario escolar da outra. Porén, acolleuse cautelarmente ao horario de mañá (de 9 a 16:30 horas), indicando que ía reclamar unha modificación por vía xudicial. A compañía baseaba a súa negativa a conceder a concreción horaria solicitada nas "necesidades produtivas determinadas pola programación" da TVG e tamén nas medidas de prevención ante a COVID, entre as que figuraba a organización do persoal en "horarios estanco" para evitar a coincidencia temporal de distintos grupos de traballadores.
Un xulgado de Santiago recoñeceu entón o dereito da traballadora a fixar o seu horario para poder levar a cabo a conciliación coa crianza das súas fillas, condenando á CRTVG a aceptar o horario proposto de 9:45 a 17:15 horas. A compañía recorreu a sentenza ante o TSXG, que agora non só lle volve dar a razón á traballadora, senón que eleva a carga da infracción cometida pola CRTVG.
Ademais, a diferenza do xulgado de primeira instancia, considera que a CRTVG vulnerou “o seu dereito a non ser discriminada por razón de sexo"
A nova sentenza destaca que "debe primar a necesidade de conciliación familiar" e sinala que non existe "unha causa organizativa xustificada de suficiente intensidade para rexeitala". Pero, ademais, a diferenza do xulgado de primeira instancia, considera que a CRTVG vulnerou “o seu dereito a non ser discriminada por razón de sexo do art. 14 da CE en relación co art. 39 da CE por obstrución dos seus dereitos de conciliación”. Así mesmo, a CRTVG deberá aboarlle á traballadora unha indemnización de 6251 euros en concepto de danos e prexuízos por ter vulnerado o seu dereito constitucional.
A CUT celebra que "esta importante sentenza chegue precisamente ás portas dun novo Día da Muller Traballadora"
A sección sindical da CUT na CRTVG, sindicato ao que pertence a traballadora, que é ademais membro do comité de empresa, celebra que "esta importante sentenza chegue precisamente ás portas dun novo 8 de marzo, Día da Muller Traballadora" e afirma que "son as malas prácticas empresariais as que obstrúen o cumprimento dunha lei que recoñece claramente a existencia de dereitos asociados á maternidade que teñen un carácter e unha protección fundamentais, e non se trata dunha norma confusa como se intenta vender desde as patronais".
Esta sentenza únese ás moitas coñecidas nos últimos meses nas que os tribunais deixaron claro o dereito dos traballadores e traballadoras á conciliación de vida laboral e familiar, atendendo ao coidado de fillos e fillas menores de 12 anos. Neses casos, só a existencia de necesidades produtivas e organizativas debidamente xustificadas exime ás empresas que axustar os horarios do persoal. Así sucedeu en Inditex, Mercadona e na propia Xunta.