A Xunta volve ser condenada por negarse a negociar a conciliación familiar dunha traballadora, agora de mala fe

Cando un traballador ou traballadora solicita unha adaptación de xornada por conciliación familiar o empresario ten que cando menos negociar a proposta CC-BY-SA Xunta de Galicia

O CSIF reclama “que este tipo de sentenzas contribúan a que a Xunta aplique de forma real os principios de igualdade e o dereito á conciliación entre os seus traballadores”

Cando un traballador ou traballadora solicita unha adaptación de xornada por conciliación familiar o empresario ten que cando menos negociar a proposta. Porén, a Consellería de Política Social non só non o fixo no caso dunha traballadora que lle solicitou adaptar os seus horarios senón que incluso reverteu un acordo previo ao que a muller chegara cos seus xefes directos no seu centro de traballo. Agora un xulgado de Lugo dá a razón á traballadora e critica que a consellería tivo un “comportamento que transgrede a boa fe”.

O sindicato CSIF, que defendeu á traballadora e divulgou este venres o caso, reclama “que este tipo de sentenzas contribúan a que a Xunta aplique de forma real os principios de igualdade e o dereito á conciliación entre os seus traballadores”. Uns obstáculos que non son novos, como vén contando Praza.gal, que hai uns meses xa revelou outro caso similar dun bombeiro forestal co que a Xunta tamén se negou a negociar a súa petición de conciliación, o que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) considerou unha “vulneración de dereitos fundamentais”.

O presidente Feijóo e a conselleira de Política Social, Fabiola García, nunha visita a unha escola infantil CC-BY-SA Xunta de Galicia

No caso agora divulgado polo CSIF, inicialmente o director do centro no que a muller traballa como auxiliar de enfermaría e a responsable da área asistencia permitiran adaptar o horario da muller. Entre as dúas partes estudaron dúas posibles opcións e decantáronse por unha delas. Porén, posteriormente por riba deles a Secretaría Xeral da Consellería de Política Social denegou formalmente esa adaptación de xornada sen argumentar razóns concretas máis alá dun xenérico prexuízo para o servizo. 

A sentenza considera que o comportamento da Consellería de Política Social revogando un acordo previo da traballadora cos seus xefes directos sen negociar con ela "transgrede a boa fe"

A sentenza critica esa actuación da consellería e salienta que, malia que houbera un primeiro acordo no propio centro de traballo, “posteriormente se desvirtuaron os termos alí debatidos, sen razón suficiente”. E da actuación da consellería di que “non consta ofrecemento para negociar e non se fixo proposta alternativa ata que se chegou ao xulgado”. Por iso, a xuíza repite en varios momentos da súa resolución que a consellería actuou en contra da “boa fe”.

A sentenza obriga finalmente á Xunta a adaptar os horarios da súa traballadora e a concederlle unha indemnización polo “dano moral” que sufriu. 

Sentenza que obriga á Xunta a facilitar a conciliación dunha traballadora CC-BY-SA CSIF

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.