Son xa varias as sentenzas que veñen censurando o silencio do Goberno galego a sequera estudar, como esixe a lei, posibles cambios na xornada laboral de traballadores para atender das súas familias
A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acolleu unha demanda de conciliación da vida familiar e laboral presentada por un traballador fixo da Consellería do Medio Rural, empregado no Servizo de Protección e Defensa contra Incendios Forestais, que ten a garda e custodia da súa filla menor. Desta forma, decretou, do mesmo xeito que xa fixera nunha instancia anterior o Xulgado do Social número 7 de Vigo, que ten dereito a que o cambien de quenda e de posto, ademais de a percibir unha indemnización de 6.000 euros por danos e prexuízos.
Os maxistrados indican na sentenza, divulgada polo propio TSXG, que a Xunta nin sequera respondeu a petición do traballador, na que solicitaba “adaptar a súa xornada e un cambio nas súas condicións laborais para conciliar a súa vida laboral (dereito fundamental)”, á vez que lembran a existencia do dereito fundamental á igualdade, “que se manifesta no dereito para conciliar”.
“Hai unha absoluta falta de contestación por parte da empregadora á petición formulada, de maneira que o traballador descoñece por que se lle denega a adaptación”, censura o tribunal
“Hai unha absoluta falta de contestación por parte da empregadora á petición formulada, de maneira que o traballador descoñece por que se lle denega a adaptación”, recalca o TSXG na resolución, na que destaca que a Xunta “non demostrou a existencia dun motivo organizativo que veña a opoñer excepción ao dereito do actor para conciliar”, á vez que salienta que “a vulneración do dereito fundamental conleva o resarcimento do dano que indiscutiblemente se produciu”. Contra a sentenza do TSXG cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.
Esta sentenza é unha máis das sucesivas condenas que vén recibindo o Goberno galego por negarse a sequera negociar con persoal que lle pide adaptar xornadas laborais por conciliación, como esixe a lei. A norma non outorga o dereito absoluto a que o traballador obteña a xornada laboral que desexa, pero si esixe dos empregadores cando menos unha negociación real.