O Consello Económico e Social lamenta a “falta de concreción nalgúns aspectos da lei” e critica que prevea bancos de tempo para axudar en labores domésticos e de coidado, ao que a Xunta contesta que serán só “unha ferramenta máis”
A Xunta vén de enviar ao Parlamento unha nova de igualdade de Galicia coa que quere actualizar e mellorar a actual, de 2007, facendo fincapé na “sustentabilidade social empresarial para acadar o benestar laboral”. Á espera do debate parlamentario, a nova norma foi consultada co Consello Económico e Social (CES), órgano no que están presentes patronal, sindicatos, universidades e organizacións agrarias, pesqueiras ou de consumidores. O seu ditame, aprobado por unanimidade, considera positivos os obxectivos da nova lei, pero lamenta a “falta de concreción nalgúns aspectos”.
O CES formulou máis dun cento de alegacións ao texto, máis da metade rexeitadas polo Goberno galego, entre elas unha que criticou que a norma inclúa, como medidas para facilitar a conciliación laboral e familiar, que os concellos poidan crear bancos de tempo nos que persoas voluntarias axuden en labores domésticos e de coidado. Para o CES “a inserción laboral das mulleres” e a conciliación “non pode pasar por ter que empregar a solidariedade da veciñanza”. Porén, a Xunta rexeitou esa crítica argumentando que os bancos de tempo son só “unha ferramenta máis”.
Segundo a Xunta, coa nova Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, que substituirá á Lei do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, de 2007, Galicia será “a primeira comunidade que vai regular o concepto de sustentabilidade social empresarial” co que aspira a “modernizar e revolucionar a cultura empresarial con base nos valores ambientais, sociais e de gobernanza que están a rexer os mercados a nivel mundial”. A norma quere impulsar “o benestar laboral como piar para guiar as políticas de emprego” con medidas “para a conciliación, a flexibilidade horaria ou o teletraballo”.
“Trátase de regular e promover que as empresas tomen medidas para mellorar a calidade de vida e as condicións laborais dos seus traballadores”, indicou o presidente Rueda o pasado 19 de maio tras o Consello da Xunta que aprobou o proxecto de lei. Unha norma que inclúe medidas específicas para os eidos do rural e do mar, que atende tamén á discriminación múltiple da muller (discapacidade, etnia, idade, pobreza, etc.) e que desenvolve conceptos como os espazos urbanos libres de violencia e acoso sexual (“sendas seguras, paradas a demanda no transporte público, maior iluminación, etc.”)
O texto conta con arredor de 200 artigos e varias disposicións adicionais e recibiu diversas alegacións xa durante a súa tramitación previa antes da remisión ao Parlamento. O CES, principal órgano de representación social ante a Xunta, formulou a finais de abril máis dun cento de alegacións, máis da metade rexeitadas pola Xunta ou admitidas só en parte.
A Xunta respondeu a algunhas alegacións do CES que a lei xa se irá concretando en regulamentos que a desenvolvan, para os que non fixa prazos, e a outras contestou que corresponde ao Estado lexislar sobre esas cuestións
Nas súas consideracións xerais sobre a nova norma o CES lamentou a “falta de concreción nalgúns aspectos da lei”, en particular “nos ámbitos das medidas relativas á igualdade de xénero e dixitalización, no da promoción da igualdade de mulleres e homes no eido local, no que respecta ao Estatuto das mulleres do rural e do mar, ou na protección das mulleres vítimas de trata para explotación sexual, ámbitos nos que é necesario especificar as actuación, medios e indicadores”.
Isto é, segundo o CES a norma establece obxectivos pero non concreta medidas para cumprilos. Unha crítica ante a que a Xunta respondeu que a lei debe ser xeral e que xa se irá desenvolvendo regulamentariamente, para o que tampouco fixa prazos. Noutros aspectos a Xunta indica que a súa norma non é máis concreta porque, por exemplo nos eidos da explotación sexual, no reparto de anticonceptivos ou produtos de hixiene feminina ou na obriga de plans de igualdade nas empresas, a lexislación corresponde ao Estado.
Un dos artigos da nova lei nos que a crítica do CES é máis crúa é o 145, que regula os bancos municipais de tempo. Ese artigo sinala que “os concellos poderán constituír, de forma voluntaria, bancos municipais de tempo co obxecto de lles facilitar ás persoas [...] a conciliación da súa vida persoal, familiar e laboral mediante a realización de labores domésticos concretos, en especial aquelas que exixan desprazamentos, como a realización da compra diaria ou de xestións de índole administrativa, e de labores de coidado ou mera compañía de menores de idade ou de persoas dependentes”. A propia Xunta enmarca esa iniciativa, voluntaria para os concellos, tamén no eido do voluntariado xeral por parte da cidadanía.
“A inserción laboral das mulleres galegas e a conciliación da vida familiar e laboral non pode pasar por ter que empregar a solidariedade da veciñanza", critica o CES, ao que a Xunta responde que é "unha ferramenta máis
Pero o que opina o CES no seu ditame unánime é que “a inserción laboral das mulleres galegas e a conciliación da vida familiar e laboral non pode pasar por ter que empregar a solidariedade da veciñanza, sendo esta a maior eiva que teñen os bancos municipais de tempo”.
A Xunta “non acepta” esa alegación do CES e argumenta que “os bancos de tempo configúranse como unha ferramenta máis que complementa os demais recursos que poden existir para favorecer a conciliación” e que “en ningún caso se pretende substituír os coidados profesionais nin ás administracións”.