A fenda entre homes e mulleres que cobran o paro non se reduce malia ampliarse a cobertura por desemprego

Traballadoras nunha asemblea na empresa Maderas Iglesias, no Porriño CC-BY-NC-SA CIG

Nin a fenda de xénero salarial nin a que se dá entre as persoas paradas. A mellora nos últimos anos da cobertura que ofrecen as prestacións por desemprego non impide que se manteñan as diferenzas entre homes e mulleres en Galicia. De media, no pasado ano 2022, só o 58,1% das desempregadas percibiu prestacións por estar en paro, fronte ao 68,8% dos parados, unha diferenza de máis de dez puntos que se mantén practicamente idéntica no que vai de ano. 

Xa que logo, o 41,9% das mulleres en paro non cobra prestación en Galicia fronte ao 32,2% no caso dos homes desempregados. 

En 2022, o 58,1% das mulleres en paro cobrou unha prestación, fronte ao 68,8% dos homes; no que vai de ano, a fenda mesmo aumentou: o 62,4% fronte ao 73,3%

Segundo datos do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), e tendo en conta a media dos tres primeiros meses do que vai deste ano 2023, a taxa de cobertura por desemprego abrangue o 62,4% das mulleres paradas fronte ao 73,3% dos homes en paro. Unha evidente mellora na protección social para as persoas sen traballo pero unha desigualdade de xénero que se mantén practicamente idéntica nos últimos anos.

Así, mentres hai tan só algo máis de cinco anos, en 2017, máis da metade das mulleres en paro non recibían prestación ningunha (52,7%) e ata o 42% dos parados estaban na mesma situación, neste 2023 son o 37,6% das desempregadas e o 26,7% dos desempregados os que non cobran prestación ningunha, cunha mellora evidente da taxa de cobertura que non logra, no entanto, pechar a fenda de xénero. 

Hai algo máis de cinco anos, máis da metade das mulleres en paro non cobraba prestación; agora son o 37,6%

A orixe desta desigualade á hora de acceder á prestación por desemprego é a mesma que explica a fenda salarial: unha moita maior incidencia das interrupcións da carreira profesional entre as mulleres para coidar fillos ou outros familiares e a súa maior presenza nos traballos peor remunerados e a tempo parcial. 

A cuestión foi abordada hai pouco por CCOO no seu informe Mercado de trabajo y protección por desemprego en 2022, onde debulla e analiza os datos a nivel estatal. "O número de mulleres beneficiarias en todos os tramos de idade é maior có de homes, o que non implica unha maior cobertura para as mulleres nin unha mellor calidade nas prestacións que perciben", explica o documento, que aclara que "o maior número de desempregadas contribúe ao maior número de beneficiarias e a maior presenza das mulleres nos traballos a tempo parcial inflúe de xeito determinante na calidade e contía das prestacións", engade. 

Traballadora do fogar CC-BY-SA CCOO Galicia

A nivel do conxunto de Estado, como destaca o informe, 2022 rematou cunha taxa de cobertura do 76,7% para os homes, a maior de toda a serie, e do 63,1% para as mulleres, tamén a máis elevada e a segunda vez que superaba o 60%. Son datos, nese último mes do pasado ano, non moi distantes aos de Galicia, cun 75,5% de cobertura entre os parados e do 62,4% entre as paradas. 

Sexa como for, e tal e como destaca o informe, hai unha parte importante de traballadores e traballadoras inscritas como desempregadas nas oficinas de emprego que non conta con protección por desemprego, ben porque a esgotaron ou por non cumpriren cos requisitos necesarios para acceder a ela. En Galicia, e segundo os últimos datos do paro rexistrado en abril, das 139.343 persoas paradas, 85.501 -máis do 61%- cobraron algún tipo de prestación por desemprego: 38.536 mediante prestacións contributivas e 46.965 a través de subsidios.

"As mulleres gozan de menor cobertura e maior desprotección cós homes", destaca CCOO no informe, que insiste en que a fenda de xénero neste ámbito amosa "a peor situación das mulleres en situación de paro". "A mellor e máis eficaz ferramenta para poder acabar coa fenda de xénero está en asegurar a igualdade efectiva no traballo; xunto co salario, o tempo de cotización efectiva é o factor que máis inflúe no nivel de protección que se pode alcanzar no sistema de pensións e na protección en paro", insiste. 

Unha nai co seu fillo no estanque do campus universitario de Santiago CC-BY-NC-SA Xunta de Galicia

Ademais, o informe destaca as medidas que "se tomaron e se están tomando" para combater os efectos que nas mulleres ten a interrupción da carreira profesional de cara ás pensións de xubilación, como o recoñecemento de períodos cotizados asociados a estas interrupcións cando coinciden co coidado de fillos ou familiares, a flexibilización dos requisitos de cotizacións para acceder ás prestacións contributivas ou o recoñecemento de complementos nas pensións máis baixas. "Lamentablemente, o ámbito da protección por desemprego foi un dos máis desatendidos polos poderes públicos con carácter xeral e, en particular, en relación á loita cotra a fenda de xénero", di. 

"Estes baleiros de cobertura fan necesario abordar a revisión do sistema, non só nas prestacións asistenciais"

"O actual e o futuro modelo de protección debe responder ás necesidades de protección da clase traballadora", di CCOO, que cre que debe haber unha "atención singularizada para as mulleres, protagonistas da temporalidade e parcialidade no emprego". Os menores salarios, a maior precariedade e o traballo parcial non desexado son algúns dos factores que explican a gran diferenza entre as prestacións de homes e mulleres. 

"Estes baleiros de cobertura fan necesario abordar a revisión do sistema, non só nas prestacións asistenciais, e ter en conta que, ademais de protexer as persoas en situación de exclusión social, é necesario dar resposta tamén ás persoas traballadoras que nun momento determinado perderon o seu emprego e que, aínda querendo traballar, non o conseguen", remata. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.