Galicia gaña estabilidade laboral: 6.300 contratos menos para case 7.000 empregos máis en abril

Traballador dunha industria galega CC-BY-SA Xunta

O mercado laboral segue a asentar o bo comportamento en Galicia, que gaña estabilidade e reduce temporalidade malia experimentar unha mellora no emprego e nas cifras de paro menores ás da media estatal

Os datos publicados este xoves polo Ministerio de Traballo e Economía Social sitúan o número total de persoas paradas rexistradas nas oficinas de emprego en 139.343, 2.504 menos que no mes pasado, o que supón un descenso do 1,77% fronte ao 2,58% do conxunto do Estado. Con respecto a hai un ano, son 11.259 menos, unha baixada do 7,5% case idéntica ao que se deu a nivel estatal. 

É a mellor cifra de paro rexistrado de toda a serie histórica, desde 1996 tal e como destaca a Xunta, unha tendencia positiva que tamén se albisca nos datos de emprego. Así, a Seguridade Social gañou 6.784 novas persoas cotizantes en abril en Galicia, o que supón un 0,65% máis respecto a marzo e sitúa a cifra total de afiliación media en 1.050.315. 

A cifra do paro rexistrado é a mellor desde antes da crise de 2008 e a de emprego supón o mellor mes de abril en máis de dúas décadas

É o mellor mes de abril en canto a novas afiliacións en, como mínimo, os últimos 22 anos, e unha cifra total de cotizantes que se achegan ás rexistradas no verán pasado e que non se repetían desde antes da crise de 2008. Desde a chegada da pandemia, só os meses de xullo e agosto rexistraran maior emprego, cun total que subiu en 16.318 persoas respecto a abril de 2022. É un ascenso do 1,58%, máis de un punto inferior ao que se dá no Estado, que rolda o 3%. 

En Galicia asináronse uns 6.300 contratos menos que no mes pasado e o emprego aumentou en case 7.000 persoas

Ademais, en Galicia asináronse no pasado mes 51.657 contratos, dos que case o 38% (19.521) foron indefinidos, manténdose a tendencia que marca a contratación desde a aplicación da reforma laboral, que segue a reducir a temporalidade. No que vai de ano, o 37,5% dos contratos asinados no país foron fixos, unha porcentaxe aínda inferior á do Estado, onde se eleva a máis do 45%. 

Os case 52.000 contratos asinados en abril foron 6.248 menos dos asinados un mes antes (-10,8%) e 12.639 menos con respecto ao mesmo mes do pasado ano pero supuxeron un incremento do emprego en case 7.000 persoas en relación a marzo e de 16.398 en comparación con hai doce meses. Xa que logo, os datos indican que hai unha maior estabilidade e unha progresiva redución da temporalidade, con menos contratacións pero un mantemento ou mellora no número de persoas traballadoras. 

En canto aos datos do paro rexistrado, e malia á maior redución do desemprego feminino, seis de cada dez persoas paradas son mulleres. Por idades, hai 5.470 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (569 menos ca en xaneiro) e 133.873 maiores desa idade (1.935 menos).

O paro diminúe en todos os sectores de actividade: no primario hai 91 persoas desempregadas menos; na industria 230, na construción 122; e 1.836 nos servizos. O colectivo sen emprego anterior cae en 225 persoas.

"Temos un emprego baseado en moito menor número de contratos; en abril houbo 600.000 contratos menos para manter o emprego, o que indica que hai menor rotación laboral e maior estabilidade", destacou Joaquín Pérez Rey, secretario de Estado de emprego e economía social ao debullar os datos a nivel estatal. 

Ademais, a contratación indefinida caeu en abril en Galicia nun 11,55 % mentres que a temporal o fixo nun 10,32 %. 

Desde a Xunta, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou que Galicia acadou no mes de abril a cifra de paro máis baixa de toda a serie histórica, desde o ano 1996, sendo a terceira vez, tamén desde 1996, que o número de desempregados cae por debaixo das 140.000 persoas: en xullo de 2007 situouse nas 139.998 persoas e en xullo de 2022 nas 139.850. 

Ademais, sinalou a “coherencia” das boas cifras, xa que o paro caeu e as afiliacións creceron tanto na evolución anual como mensual e gabouse de que Galicia continúa “na senda da recuperación” e apuntou á importancia de “continuar a traballar para crear máis emprego de calidade para que os empregos novos sexan non só en cantidade, senón en calidade”.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.