"Efectos positivos no mercado de traballo pero á espera de saber se realmente producen os cambios estruturais desexados". Este é o resumo que CCOO-Galicia fai da aplicación da reforma laboral no seu primeiro ano. Nun informe, o sindicato fai balance do impacto da nova normativa comparando o ano 2019 -o último sen os "efectos sen precedentes da pandemia"- co pasado 2022, debullando os datos do SEPE (Servizo Público de Emprego Estatal), IGE (Instituto Galego de Estatística), da Seguridade Social e da Enquisa de Poboación Activa (EPA).
A contratación indefinida medrou case un 200% en 2022 con respecto a 2019 mentres a temporal se reduciu nun 42,3%
Un repaso ás cifras indica que o volume de contratación temporal en 2019 era "once veces superior á indefinida", cuns 90.500 contratos indefinidos e uns 995.800 temporais fronte á proporción de 270.500 fixos e 574.700 de duración temporal en 2022. En termos relativos, mentres a contratación indefinida medrou case un 200% (199,1%), a temporal reduciuse nun 42,3%. "Mentres unha case se triplicou, a outra case se reduce á metade", destaca CCOO no informe Un ano de reforma laboral. Balance e propostas.
Así, a contratación indefinida pasou de representar o 8,3% en 2019 a alcanzar o 32% en 2022, mentres que a temporal reduciuse do 91,7% ao 68%.
Malia os efectos positivos, desde o PP e a propia Xunta de Galicia insistiron varias veces en acusar o Goberno central de "maquillar" os datos ao non contar os fixos descontinuos como parados, malia que as estatísticas do Ministerio de Traballo e da Seguridade Social non mudaron. Os fixos descontinuos que están inactivos non figuran como parados no SEPE -aínda que si poden facelo nalgúns casos na EPA do INE- ao igual que ocorría cando gobernaba o PP e en base a unha lexislación que o establece así desde 1985. Non hai moito, os populares cualificaban a Pedro Sánchez de "trileiro" por -dicían- ocultar os datos dos fixos descontinuos.
Cos datos debullados no informe de CCOO conclúese que a media de persoas afiliadas á Seguridade Social aumentou un 3,8% en 2022 con respecto a 2019 e que, alcanzando practicamente as 784.000. Dese total, o aumento da modalidade fixo descontinua foi importante pero, destaca CCOO, "segue a ser unha modalidade contractual residual". Así, supoñen un total de 27.146 persoas afiliadas, o 3,5% do total, mentres que en 2019 equivalían ao 1,7% (algo máis de 13.000).
A modalidade de fixos descontinuos supón un 3,5% do total de afiliacións e menos do 5% da contratación indefinida malia ao seu incremento desde 2019
Ademais, en 2022 a contratación indefinida seguiu sendo maioritariamente a tempo completo (77% do total), seguida dos contratos a tempo parcial (18,1%), mentres que "os fixos descontinuos supoñen só o 4,9% do total" fronte ao 2,8% de 2019.
Por outra banda, o informe de CCOO-Galicia destaca que afiliación temporal ao réxime xeral da Seguridade Social rexistrou unha redución do 30,1%, ao perder 68.154 persoas afiliadas entre 2019 e 2022. Neste caso, a afiliación temporal a tempo completo reduciuse un 25,6 %, mentres que a afiliación temporal a tempo parcial fíxoo nun 39,3 %.
"O peso da afiliación a tempo completo era do 67,4 % en 2019, mentres no ano 2022 pasa a significar o 71,7 % do total. Dentro da afiliación temporal gaña peso a modalidade a tempo completo en detrimento da parcial", destaca.
Ademais, e en canto á poboación asalariada, a que traballa a xornada completa medrou un 3,4%, o que supón unhas 25.000 persoas asalariadas máis. En cambio, a poboación asalariada a xornada parcial decreceu un 2,1%, con 2.875 persoas menos. "Tendo en conta que a poboación asalariada global creceu un 2,5 %, a conversión de tempo parcial a completo é evidente", di.
A taxa de parcialidade baixou do 16,7% ao 15,1% entre as persoas asalariadas, mentres que a de temporalidade quedou no 16,6%, sete puntos menos que en 2019
Alén diso, a taxa de parcialidade entre a poboación asalariada pasou en tres anos dun 16,7% a un 15,1% no último trimestre de 2022. Nun só ano, durante este último exercicio, a taxa de temporalidade pasou dun 22,5% a un 16,6%, que son sete puntos porcentuais menos desde 2019.
"O relevante é que a redución da contratación temporal (25,5 % e 51.100 persoas menos) produciuse simultaneamente ao aumento da contratación indefinida (8,3 % de incremento e 57.100 persoas). Daquela, este resultado é positivo pois amosa unha mellora na estabilidade laboral", advirte CCOO.
No entanto, tamén alerta de que as mulleres seguen "soportando con maior intensidade a secuela da inestabilidade laboral". A taxa de temporalidade feminina pasa do 27,8 % ao 22,1 %, mentres que a masculina baixa do 25,1 % ao 16,7 %, máis de 8 puntos porcentuais de redución por case 6 a feminina. Polo tanto, "as mulleres mantéñense nunha alta temporalidade, a pesar da redución".
"As mulleres seguen soportando con maior intensidade a secuela da inestabilidade laboral e mantéñense nunha alta temporalidade (22,1%) malia a redución"
"A reforma laboral tivo efectos positivos no mercado de traballo no ano 2022, pero deberemos esperar a que transcorra máis tempo para saber se realmente produce cambios estruturais reais como desexamos", conclúe CCOO, que cre que esta nova normativa "está a demostrar ser un bo instrumento para afrontar o cambio da cultura da temporalidade que imperaba no noso mercado de traballo e que deberemos seguir traballando para que esta mellora se consolide e falar dun cambio real".
Entre as recomendacións na negociación colectiva, CCOO asegura que, aínda que é común a todos os aspectos, "especialmente no caso da contratación temporal hai que acometela desde unha perspectiva de xénero".