As restricións á temporalidade que estableceu a reforma laboral aprobada o pasado mes de febreiro están a asentar un forte pulo do emprego indefinido. Por primeira vez na serie histórica que marca o INE, desde 2002, Galicia superou as 700.000 persoas con contrato indefinido, logo de que no segundo trimestre deste ano se incrementasen en 26.600 os traballadores e traballadoras suxeitas a unha contratación fixa e se reducisen en 19.400 os que manteñen unha vinculación temporal.
En total, segundo os datos da EPA, son 718.500 as persoas asalariadas cun contrato de duración indefinida, 61.100 máis que un ano antes, o que supón un incremento do 9,3%. A un tempo, son 28.600 menos que hai doce meses os traballadores con contratos temporais, o que equivale a unha redución do 13,6%.
Por primeira vez na serie histórica, Galicia supera as 700.000 persoas asalariadas con contrato indefinido e sitúa a taxa de temporalidade no nivel máis baixo (20,1%)
A mudanza reflíctese claramente en forma de taxa de temporalidade, o número de traballadores temporais do total de asalariados, que se sitúa no 20,1%, a cifra máis baixa da serie histórica e das dúas últimas décadas en Galicia, tras descender en 2,4 puntos con respecto á do trimestre anterior.
Hai tres anos, no segundo trimestre de 2019 e antes da chegada da pandemia, esta taxa de temporalidade situábase 26,7%, 6,6 puntos máis alta que a da actualidade, que no conxunto do Estado sitúase no 22,3%, algo superior á de Galicia. Xa que logo, a contratación indefinida rolda xa o 80%.
Os datos da EPA do segundo trimestre son os primeiros que recollen o efecto completo da nova reforma laboral
Os datos son relevantes, máis tendo en conta que son os primeiros que se fornecen coa plena aplicación da reforma laboral, que entrou en vigor a principios deste ano pero que ofrecía unha moratoria de adaptación de tres meses para algunhas novas regulacións. Así, os efectos completos e reais da nova lexislación laboral non se deron ata este segundo trimestre que agora marca cifras históricas de contratación indefinida.
No entanto, a parcialidade continúa a ser importante entre o conxunto de persoas ocupadas en Galicia. Situouse no segundo trimestre do ano nunha taxa do 14%, sendo o 49,1% da mesma de carácter involuntario. Son tres puntos menos que no anterior e tres décimas superior á de hai un ano, roldando unhas porcentaxes semellantes ás da última década, logo de que se disparasen desde o inicio da crise de 2008.
A parcialidade entre a contratación indefinida chega ao 13% logo de aumentar un punto con respecto ao trimestre pasado
O dato do 14% de poboación ocupada a tempo parcial é unha cifra semellante á media estatal (13,8%), aínda que si aumentou un chisco máis entre o persoal con contrato indefinido, motivo de crítica dalgúns sindicatos sobre os efectos negativos da última reforma laboral.
Con todo, o incremento non é aínda demasiado elevado. Na actualidade, e segundo os datos da EPA, case o 13% (12,99) da poboación asalariada con contrato indefinido ten unha xornada parcial. É un punto máis que no trimestre anterior (11,96%), 1,6 máis que hai un ano (11,59%) e 0,87 máis que hai dous. Dos 718.500 traballadores e traballadoras fixos, 625.200 traballan a tempo completo e 93.300 de maneira parcial.
O mercado laboral galego consolida a súa 'terciarización': o 72,3% da poboación ocupada traballa no sector servizos
Por outra banda, o que si amosan os novos datos da EPA é como se consolida a terciarización do mercado laboral galego. Así, no último ano, a ocupación no sector servizos aumentou en 35.100 persoas (+4,6%), pero descendeu en 1.800 na agricultura e pesca (-2,7%), en 400 na industria (-0,2%) e en 4.400 na construción (-5,6%).
Son 6.600 empregos menos nun ano no sector primario, o industrial e o da construción, fronte aos máis de 35.000 creados no sector servizos.
Xa que logo, na actualidade o 72,3% da poboación ocupada en Galicia traballo no sector servizos. É a porcentaxe máis alta da última década logo de que hai xusto dez anos se situase no 68,6%. Así, o 6,9% traballa na construción, o 15,5% na industria e o 5,7% no sector primario.