O pulo do sector servizos volveu tirar do emprego en Galicia, compensando co seu impulso a perda de postos de traballo no primario, na construción ou na industria. A ocupación aumentou en 13.800 persoas no segundo trimestre deste ano respecto ao trimestre anterior, situándose o total de ocupadas en 1.105.200, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) difundidos este xoves polo INE.
Así, o número de persoas ocupadas aumentou entre abril e xuño, sobre todo, nese sector servizos, onde se incrementou en 13.600, xunto ao incremento de 2.500 traballadores e traballadoras no sector primario. Pola contra, na industria perdéronse 500 empregos, mentres que na construción a caída alcanzou os 1.800.
A ocupación aumentou en Galicia en 28.500 persoas nun ano: creáronse 35.100 empregos no sector servizos e destruíronse 6.600 no resto
A tendencia á terciarización do mercado laboral galego asenta e continúa. Se atendemos aos datos interanuais, a evolución é aínda máis evidente. Así, nos últimos doce meses o número de persoas ocupadas en Galicia aumentou en 28.500, un incremento do 2,6% en termos relativos, mentres que a media estatal ascendeu ao 4,05%. Xa que logo, creáronse case 30.000 empregos pero, en realidade, só foron creados no sector servizos, cuxa auxe compensa a destrución de postos de traballo noutros ámbitos.
Así, no último ano, a ocupación no sector servizos aumentou en 35.100 persoas (+4,6%), pero descendeu en 1.800 na agricultura e pesca (-2,7%), en 400 na industria (-0,2%) e en 4.400 na construción (-5,6%).
6.600 empregos menos nun ano no sector primario, o industrial e o da construción, fronte aos máis de 35.000 creados no sector servizos.
Por outra banda, o paro baixou en 1.600 persoas no segundo trimestre con respecto ao anterior, quedando a cifra total en 139.400, o que supón un descenso interanual do -8,49% (-17,62% na media do Estado)
Son 13.000 menos que hai un ano, o que sitúa a taxa de paro no 11,2%, 1,2 puntos menos. E son 1.000 menos que o dato do segundo trimestre de 2019, anterior á chegada da COVID.
O paro baixou en 1.600 persoas no último trimestre e en 13.000 con respecto a hai un ano
Ademais, por sexo, con respecto ao trimestre anterior, aumenta o paro masculino e diminúe o feminino: o número total de homes parados sitúase en 67.700 persoas (3.000 máis que hai tres meses) e o de mulleres é de 71.700 persoas (4.700 mulleres menos en paro). A taxa de paro masculina aumenta 0,4 puntos porcentuais e a feminina diminué 1 punto, situándose a primeira no 10,5% e a segunda no 11,9%.
No que ten que ver coa variación interanual, destaca tamén que o número de parados entre os homes baixa en 4.000 persoas (un 5,6% menos) mentres que entre as mulleres diminúe en 8.900 persoas (un 11% menos que hai un ano).
Con todo, como destacan os sindicatos, Galicia segue presentando "peculiaridades dun
mercado laboral pouco dinámico", cunha taxa de actividade de tan só o 53,2%, fronte ó
58,7% do resto do Estado. Na outra banda, o importante descenso na temporalidade, cunha taxa do 20,1% e un aumento do 3,8% da poboación asalariado con contrato indefinido respecto ao trimestre anterior e un descenso na temporal dun 9,7%.
En canto á poboación xuvenil, de 16 a 29 anos, a ocupación aumentou en 4.600 persoas respecto ao trimestre anterior e en 14.400 nun ano. Ademais, o 75,2% da mocidade ocupada traballa a xornada completa. Con respecto ao primeiro trimestre de 2022, esta cifra aumenta un 6,2%; a cifra de mozos e mozas ocupadas a xornada parcial diminúe neste trimestre, en 500 persoas. Con respecto a hai doce meses, aumenta tanto a ocupación xuvenil que traballa a xornada completa (en 11.900 persoas), como a ocupación a xornada parcial (en 2.500 persoas).
Por último, e segundo os datos do INE, o número de fogares de Galicia nos que todos os seus membros activos están en paro aumenta en 1.800 unidades e sitúase xa en 52.500, malia que respecto a hai un ano esta tipoloxía de fogares reduciuse un 9,6%.
Ademais, o número de vivendas nas que todos os seus membros activos son ocupados aumenta en 6.000 unidades, ata as 636.600. Hai 23.900 fogares máis nesta situación que hai un ano.