Na pasada semana, o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, valorou os positivos datos do paro feitos públicos polo Ministerio de Traballo acusando ao Goberno central de "maquillar" as cifras para dar a impresión dunha evolución favorable do mercado laboral que non era tan boa.
Feijóo acusou o Goberno central de "maquillar" o paro ao non contar os fixos discontinuos como parados, algo que se fai así desde hai décadas
Fíxoo aludindo á situación dos fixos discontinuos, acusando o Executivo de Pedro Sánchez se "maquillar os datos" porque "aquilo que era temporal é agora fixo discontinuo", polo que "unha persoa que non está traballando porque ten un contrato temporal que se chama fixo discontinuo non aparece no paro". Aos poucos días, o seu sucesor na presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, secundouno nas críticas, asumiu o seu argumentario e advertiu do "traballo de contabilidade" que tería feito o Goberno central coas cifras.
As críticas non tardaron. O ministro de Seguridade Social, José Luis Escrivá; a de Traballo, Yolanda Díaz; ou o delegado do Goberno, José Miñones, cargaron contra Feijóo por pór en dúbida unha estatística que non mudou en décadas: os fixos discontinuos que están inactivos non figuran como parados no SEPE -aínda que si poden facelo nalgúns casos na EPA do INE- ao igual que ocorría cando gobernaba o PP.
Non é a primeira vez que Feijóo desdeña os datos do paro ou a forma de apañalos. En 2014, sendo presidente galego, renegou da Enquisa de Poboación Activa (EPA) ante a forte suba do desemprego en Galicia e mesmo cuestionara que parte das persoas sen traballo quixesen atopalo. Antes, para criticar os incrementos no número de parados co bipartito ou para presumir da baixada en Galicia, si avalara a EPA.
Ante esta situación, desde fontes sindicais e de técnicos de emprego advirten agora dunhas acusacións de "maquillaxe" nun aspecto regrado e determinado desde os anos 80 xusto por parte de Feijóo, cuxo goberno na Xunta foi sinalado en máis dunha ocasión precisamente por "maquillar" as cifras do paro para inchar a baixada do desemprego. A última hai un ano.
Galicia foi, con Euskadi, a única autonomía que puxo fin á renovación automática da 'tarxeta do paro' pola COVID, o que lle permitiu inchar a baixada do desemprego
A principios de 2021, Galicia converteuse nunha das comunidades con mellor datos de paro, co maior descenso nalgún mes e sendo dos poucos territorios onde non se incrementaba o desemprego, malia que os datos de afiliacións á Seguridade Social non eran tan destacados. Pero algo non era habitual. En abril, por exemplo, máis da metade das baixas nas demandas de emprego foran por non renovación: case 30.000, unha cifra sen precedentes.
Por que ocorría isto? En marzo de 2020, coa chegada da COVID e das restricións, suspendeuse a obriga de renovar cada tres meses a tarxeta do paro, algo que pasou a facerse de maneira automática en todo o Estado. Pero a partir do 1 de xaneiro de 2021 Galicia, xunto con Euskadi, foi a única comunidade que deixou de renovar de maneira automática este trámite.
Esta circunstancia, como denunciou o PSdeG, permitiulle presumir durante meses duns datos sensiblemente mellores aos do resto dos territorios onde as persoas apuntadas nas oficinas de emprego ven renovada sen trámite ningún a súa condición de demandante e, polo tanto, de persoas paradas a efectos estatísticos.
"É un truco, unha trampa que posibilita que Galicia poida gabarse duns datos que, sendo mellorables en todas as autonomías, acaban sendo mellores nunha comparativa que non é de todo real", explicaba Carmen Rodríguez Dacosta, deputada do PSdeG, que aludía aos datos. Como os que sinalaban que entre xaneiro e abril de 2021, 71.329 persoas abandonaran as listas do paro por non tramitar a renovación da tarxeta de demandante. Eran 33.500 máis que no primeiro cuadrimestre de 2019, 35.500 máis que no de 2018 e 30.600 máis que no de 2017. E case 52.000 máis que nos primeiros catro meses de 2020.
En resumo, durante os primeiros meses daquel ano, máis da metade das baixas no paro en Galicia non foran por atopar emprego, pero as estatísticas -influenciadas ou non- si marcaban que o desemprego rexistrado descendía a maior nivel que noutros territorios.
Unha década antes, con Feijóo na presidencia da Xunta, a oposición acusara tamén o Goberno galego de maquillar os datos do paro no seu beneficio. Mesmo houbera testemuños de persoas paradas que denunciaban que foran suspendidos na súa condición de demandantes de emprego por estar facendo un curso de orientación cando nin o estaban a facer nin tiñan a formación para poder facelo.
En 2011, a oposición acusou a Xunta de 'borrar' do paro persoas demandantes de emprego mudando unha clave identificativa ao trasladar os datos ao SEPE
O Ministerio de Traballo, como agora, recibe mensualmente os informes dos gobernos autonómicos a través do SEPE e determina quen computa ou non nas listas. As persoas paradas anotadas en cursos de formación teñen asignado un código común estatal polo que son retirados temporalmente dos rexistros oficiais do paro, nos que non contan. A clave S698 de suspensión por orientación coa que se identificaba estas persoas en Galicia transformábase na clave S621 de suspensión por formación ao trasladarlle os datos ao Goberno central, o que implicaba que en moitos casos estas persoas non fosen rexistradas como paradas. "Dixéronme que me suspenderan o paro e que figura como que estaba facendo un curso de formación. Eu non me enterara", denunciaba unha afectada en El País.
En 2004, CCOO desvelou como a Xunta ordenara quitar persoas da lista do paro por rexeitar cinco ofertas das que moitos afectados non tiñan constancia
O daquela líder da oposición, o socialista Pachi Vázquez, chegou a exhibir unha circular da Consellería de Traballo na que se ordenaba marcar cunha clave de suspensión a aquelas persoas paradas "que non recibiron ningún servizo nos últimos anos".
Pero a polémica coas claves viña de lonxe. Na primavera de 2003, o daquela secretario de Política Económica do PSOE, Jordi Sevilla, acusou o PP de "manipular" as cifras do paro rexistrado a través dos servizos de emprego de varias comunidades autónomas. Meses despois, sendo Feijóo conselleiro de Política Territorial no goberno de Manuel Fraga e a pouco de ocupar a vicepresidencia da Xunta, a denuncia chegou tamén a Galicia.
A polémica viña por outra clave, a 43, establecida polo INEM para incluír naqueles "demandantes para servizos externos ao INEM ou sen dispoñibilidade inmediata para ser enviados a ofertas de emprego ou recibir servizos do INEM". Con esta clave asociada, a persoa afectada non computa para os datos do paro rexistrado.
CCOO enviara unha carta á Xunta advertindo de irregularidades na contaxe do paro logo de que a Consellería de Asuntos Sociais remitise unha circular ás oficinas do Servizo Galego de Colocación para que os desempregados que rexeitaran ata cinco ofertas telefónicas de traballo fosen incluídos nesta clave. O sindicato advertía de que era unha situación irregular porque non había constancia clara das ofertas reais e que foran moitas as denuncias de persoas paradas que vían modificada a súa condición sen decatarse. Ademais, afectados alertaban de que en realidade non recibían ofertas, senón que eran preguntados sobre a súa dispoñibilidade para postos, na súa maioría, moi precarios.
Unha das persoas que denunciou o caso fora Enrique Negueruela, técnico de emprego, ex-asesor da Consellería de Traballo e antigo traballador nunha oficina de colocación. "O que daquela director xeral de Formación e Colocación admitira, despois da denuncia de CCOO, poñer a clave 43 a determinados demandantes desde Servizos Centrais", lembra.
Para Negueruela, que leva tempo analizando a contaxe do paro rexistrado, desde a Xunta hai tempo que se levan a cabo "técnicas que permiten modificar para o seu beneficio os datos do paro en Galicia". A última, como lembra, presicindir antes ca ninguén dunha excepción aplicada pola COVID -e aínda en pandemia- para inchar a baixada do desemprego.
Ademais, Negueruela advirte de novos datos que volven deitar sospeitas sobre o cómputo que do número de parados se fai en Galicia. "Mentres que os mozos e mozas galegas que acaban cursos de formación supoñen o 6% do total do Estado, a porcentaxe dos que son suspendidos no paro por participar en cursos de formación elévase ao 12%", explica. "Terán que explicar algo que ten difícil explicación", remata.