Entre xaneiro e abril de 2021, case o 37% das baixas de demandas de emprego debéronse á non renovación, que foi automática entre abril e decebro de 2020
Nos primeiros meses deste 2021, os datos do paro rexistrado converteron Galicia nunha das comunidades autónomas con mellores cifras de desemprego. Nos pasados xaneiro e febreiro, foi unha das escasas autonomías onde non se incrementou o paro, mentres que o descenso mensual en abril foi o maior do Estado en termos porcentuais.
No primeiro cuadrimestre, segundo os datos que o Instituto Galego de Estatística (IGE) debulla a partir dos que facilita o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), case 194.000 persoas causaron baixa entre as listas do paro, pero máis de 71.000 (o 36,8%) caéronse da listaxe de parados por non ter renovado a tarxeta de demandante.
Nesta avalancha histórica de baixas inflúe o feito de que a Xunta deixase de renovar automaticamente desde o pasado 1 de xaneiro o trámite trimestral para a renovación, logo de que en marzo, coa chegada das restricións polo coronavirus, suspendese a obriga de renovar cada tres meses o trámite.
Galicia é, con Euskadi, a única comunidade que deixou de renovar automaticamente a tarxeta do paro en 2021
Galicia é, xunto con Euskadi, a única comunidade que deixou de renovar de maneira automática a tarxeta do paro en 2021, unha circunstancia que, segundo denuncia o PSdeG, permítelle á Xunta presumir desde hai meses duns datos sensiblemente mellores aos do resto dos territorios onde as persoas apuntadas nas oficinas de emprego ven renovada sen trámite ningún a súa condición de demandante e, polo tanto, de persoas paradas a efectos estatísticos.
"É un truco, unha trampa que posibilita que Galicia poida gabarse duns datos que, sendo mellorables en todas as autonomías, acaban sendo mellores nunha comparativa que non é de todo real", explica Carmen Rodríguez Dacosta, deputada do PSdeG que interpelou a pasada semana á conselleira de Traballo, María Jesús Lorenzana, sobre esta cuestión no Parlamento, sen recibir unha aclaración.
Máis da metade das baixas nas demandas de emprego en Galicia en abril foron por non renovación: 29.201, unha cifra sen precedentes
Esta circunstancia, claramente reflectida no inicio de ano, agudizouse no mes de abril pasado. Segundo a análise do IGE, do total de case 57.500 baixas de demandas de emprego en Galicia, máis da metade (50,86%) debéronse á non renovación da tarxeta. Un total de 29.201, cifra que non ten precedentes na serie histórica que comeza en 2005, fronte ás case 24.000 baixas "por colocación" e ás 4.411 "por outras causas".
No primeiro cuadrimestre, máis de 71.000 persoas abandonaron as listas do paro por non renovar a tarxeta, 33.500 máis que no mesmo período de 2019
De comparar cos mesmos períodos de anos anteriores, as diferenzas son moi evidentes. Entre xaneiro e abril de 2021, 71.329 persoas abandonaron as listas do paro por non tramitar a renovación da tarxeta de demandante. Son 33.500 máis que no primero cuadrimestre de 2019, 35.500 máis que no de 2018 e 30.600 máis que no de 2017. E case 52.000 máis que nos primeiros catro meses de 2020, cando en abril a renovación pasou xa a ser automática tras o inicio da pandemia por COVID.
Ao comparar coa maioría de comunidades, onde se segue a renovar automaticamente a tarxeta do paro, Galicia sae claramente beneficiada nas estatísticas, tal e como denuncia o grupo socialista.
Segundo detallou este martes a deputada Rodríguez Dacosta, "a media de baixas por non renovación nos catro primeiros meses de 2021 é de 17.832", o que supón "máis do dobre das que houbo de media entre 2017 e 2019". "Á Consellería só lle preocupa dicir que o paro baixa máis que no resto do Estado, pero non é máis que outra mentira", asegurou.
O PSdeG acusa a Xunta de "idear outra maquinaria tramposa" e "mentir nos datos" tras obrigar a renovar a tarxeta do paro "cos peores datos de COVID en Galicia"
"Ninguén pode dicir que non son baixas polo medo ao COVID-19", dixo, tras acusar a Xunta de "idear outra maquinaria tramposa" ou "un engano" e "mentir nos datos" ao rachar "cun acordo en todas as comunidades para renovar automaticamente a tarxeta do paro e non poñer en risco as persoas que tivesen que acudir ás oficinas de emprego". "É especialmente grave porque se fixo cando Galicia estaba nos peores datos en canto a casos de coronavirus", engadiu tras presentar unha moción para mellorar o funcionamento do Servizo Público de Emprego que foi rexeitada polo PP.
O deputado popular José Manuel Balseiro limitouse a reclamar ao PSdeG que "non pida aplicar en Galicia as políticas de emprego que están a fracasr en España". "Os peores datos do paro sempre teñen lugar cun goberno socialista", insistiu o parlamentario do PP. De acudirmos ás estatísticas, tanto ao paro rexistrado como á Enquisa de Poboación Activa, o indicador laboral homologado internacional, reflicten que o maior número de persoas desempregadas en Galicia chegou a principios de 2013 e 2014, cando tanto a Xunta como no Goberno de España xa mudaran de cor política e tiñan ao PP á súa fronte.
Nada dixo da denuncia da deputada do PSdeG sobre as elevadas cifras de baixas por non renovación das demandas de emprego tras a fin da renovación automática da tarxeta. A condición de demandante de emprego é necesaria para percibir subsidios cando se ten dereito a eles, potenciais ofertas de traballo e acceso a cursos de formación. No entanto, os ofrecementos de emprego a través desta vía son sempre moi escasos. De feito, segundo os últimos datos do IGE, de todas as baixas nas listas do paro por colocación en abril, só 212 foron con oferta previa do Servizo Público de Emprego, unha circunstancia que criticou tamén con dureza o PSdeG. "Non cumpre co obxectivo de colocación", rematou Rodríguez Dacosta.