As inscricións nas oficinas de emprego galegas descenderon en 9.941 persoas durante o pasado mes de abril e quedan nun total de 170.778. Son 20.851 menos que hai un ano, cando xa estaba en vigor a renovación automática da tarxeta do paro, un factor que acabou por distorsionar as cifras, xa que máis da metade das baixas no paro rexistrado a principios de ano non foron por atopar emprego.
O paro rexistrado descendeu en 9.941 persoas en abril, mes onde se crearon 3.260 empregos en Galicia
Os datos de abril, á espera de saber canto segue a influír este efecto, son, con todo, máis positivos, xa que o descenso mensual do paro --o maior do Estado en termos porcentuais-- coincide desta vez co aumento na creación de emprego, aínda que este en menor medida. Así, as afiliacións medias á Seguridade Social aumentaron en 3.260 e quedan en 1.001.94, 27.223 máis que en abril de 2020, cun incremento porcentual algo menos da metade que a media estatal.
Unha vez máis, o paro baixa en todos os sectores, pero faino sobre todo no sector servizos, favorecido polo inicio da terceira desescalada e a rebaixa progresiva das restricións aplicada a finais de febreiro en Galicia. Son case 7.000 persoas paradas menos no comercio, hostelería, turismo e demais ámbitos impactados especialmente polas medidas contra a COVID.
Abril rematou con 27.000 persoas acollidas a un ERTE e outros 27.000 traballadores autónomos cobrando prestación pola COVID
Con todo, segundo os datos do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, o mes de abril rematou en Galicia con 26.998 persoas acollidas a un ERTE, xa sexa de suspensión ou de redución de xornada. Son case 8.000 menos que a finais do mes de marzo, unha redución marcada polo alivio das restricións, especialmente na hostalería, e pola mellora dos datos da COVID.
Son aínda perto de 27.000 traballadores e traballadoras que manteñen a súa cualificación como ocupadas nas estatísticas laborais, á espera de volver á a actividade ou recuperala na súa totalidade e dunhas perspectivas aínda incertas pola evolución da pandemia, pero moito máis optimistas que as de hai só uns meses.
Ademais, e segundo os datos facilitados polo Goberno central, a Seguridade Social abonou o pasado 3 de maio axudas a 26.792 traballadores autónomos en Galicia aos que lles foi recoñecida algunha das prestacións postas en marcha para paliar a situación deste colectivo como consecuencia da COVID.
Estas prestacións inclúen aquelas destinadas a autónomos obrigados a suspender a actividade temporalmente por algunha decisión administrativa para controlar a pandemia, así como aquelas compatibles coa actividade polo descenso na facturación ou a extraordinaria por baixos ingresos para aqueles que non cumpren cos requisitos marcados. Son aínda máis que os últimos datos de finais de marzo e teiman na complicada recuperación que aínda afronta o mercado laboral galego.
Ademais, e pese o incremento en máis de 3.500 no número de de contratos, dos poucos máis de 65.622 rexistrados no pasado mes, máis de 58.000 foron temporais. Todas esas contratacións para crear pouco máis de 3.000 empregos.