Seis de cada cen persoas traballadoras atópanse aínda en ERTE en Galicia. Son máis de 45.000 a primeiro do mes de marzo segundo os últimos datos feitos públicos polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, que debulla en detalle a situación destes expedientes de regulación temporal de emprego impulsados para paliar os efectos laborais da pandemia e prorrogados catro veces, a última ata o vindeiro 31 de maio.
Máis de 45.000 persoas atópanse aínda en ERTE en Galicia e arredor de 10.000 levan nesa situación desde o principio da pandemia
Entre estas, máis de 10.000 seguen en ERTE desde os primeiros meses da pandemia. En total, en Galicia están aínda nesta situación 45.387 persoas,. Supoñen un 6,06% do total de afiliadas á Seguridade Social, porcentaxe case idéntica á media estatal (6,12%) e na liña do resto de comunidades agás Canarias (14,4%) e Illes Balears (12,4%), onde o importante peso do turismo e a hostalería -os sectores máis afectados e máis acollidos a esta figura- abocaron moitas máis persoas a estes expedientes.
O 6% das persoas afiliadas á Seguridade Social están afectadas por un ERTE
Galicia conta agora cun volume de persoas acollidas a un ERTE tres veces inferior ao que sumaba en maio pero case tres veces máis das de outubro. A chegada da segunda e da terceira onda e as importantes restricións, especialmente na hostalería, provocaron a repunta ata afrontar o inicio da primavera coas actuais cifras, máis semellantes ás que se daban no pasado mes de xullo, cando a chegada do bo tempo e o descenso do impacto da COVID facilitaron a reapertura de moitos negocios.
Son, con todo, máis de 45.000 traballadores e traballadoras que manteñen a súa cualificación como ocupadas nas estatísticas laborais, á espera de volver á a actividade e dunhas perspectivas aínda incertas pola evolución da pandemia pero moito máis optimistas que as de hai só uns meses.
Con todo, en Galicia aínda hai máis de 10.000 persoas que levan en ERTE desde antes do outono, segundo se tira dos datos do Ministerio, que sinala que o 1,35% do total de afiliados á Seguridade Social están afectados polos expedientes anteriores ao Real Decreto Lei 30/2020 do 29 de setembro, que prorrogara esta figura e as axudas aos autónomos ata o 31 de xaneiro.
Son algo máis de 10.000 persoas (10.083) co seu emprego suspendido xa nos primeiros meses da pandemia e que continúan aínda á espera da súa reincorporación. A maioría delas, no sector servizos, de atender aos datos que a nivel estatal achega o Ministerio.
O 24,5% das persoas acollidas a un ERTE en España pertencen ao sector da hostalería e o 22,8%, ao comercio
O 24,5% das persoas acollidas a un ERTE en España pertencen ao sector da hostalería e o 22,8%, ao comercio, mentres que o 15,3% traballan na industria manufactureira. Ademais, o 78% dos traballadores e traballadoras que foron por estes expedientes tiñan ou teñen contrato indefinido, polo 22% con vinculación temporal. Ademais, a maioría son homes (52,75%) e o 56% das persoas en ERTE sitúanse entre os 30 e os 49 anos.
Á espera dunha nova prórroga dos ERTE -ante o final anunciado do conxunto de "medidas sociais en defensa do emprego" para o 31 de maio- a figura destes expedientes supón distintos niveis de exoneración nas cotizacións sociais desde o 75% para as empresas especialmente afectadas pola pandemia. Ademais, establece dúas categorías de expediente para aquelas afectadas por decisións das autoridades: por impedimento (con exoneración do 90% ao 100% das cotizacións sociais) e por limitación (con exoneracións decrecentes).
Precisamente, o Banco de España, nun informe no que analiza o uso e evolución desta figura, asegura que "a análise das transicións laborais dos traballadores afectados por un ERTE mostra unha reincorporación ao emprego no terceiro trimestre do ano moi superior á observada entre os que perderon o seu emprego e non estiveron afectados por estes esquemas de protección".
O Banco de España destaca a "elevada efectividade" dos ERTE á hora de volver ao emprego tras o confinamento
Segundo o Banco de España, isto reflicte unha "elevada efectividade dos ERTE á hora de facilitar a volta ao emprego tras as medidas de confinamento", aínda que recoñecen que perden efecto co paso do tempo. "A probabilidade de reincorporación difumínase cando se analizan os ERTE iniciados no terceiro trimestre ou aqueles cunha duración máis elevada", di a entidade.
O Banco de España pide "focalizar o mantemento das axudas nas empresas que operan nos sectores máis afectados ata que se supere a crise sanitaria" e propón que os traballadores en ERTE fagan actividades formativas para recibir prestacións.