O paro rexistrado en Galicia descendeu no pasado mes de febreiro en 756 inscricións nas oficinas de emprego ata quedar nas 185.228 persoas. Son, malia todo, practicamente 19.000 máis que un ano antes (18.999).
O paro rexistrado descendeu en 756 persoas en febreiro, pero aumentou en 19.000 no último ano
O lixeiro descenso do número de persoas sen emprego rexistradas nas antigas oficinas do INEM (-0,41%) no pasado mes volve situar Galicia, como ocorrera en xaneiro, entre as escasas comunidades autónomas nas que descende o paro, por detrás de Euskadi e Extremadura, mentres sobe no resto de autonomías.
No mes de xaneiro, Galicia foi tamén un dos poucos territorios onde non descendeu o paro rexistrado, cun descenso de máis de 3.600 persoas. E produciuse, ademais, cunha importante baixada no colectivo sen emprego anterior, que desta vez é tamén importante ao caer en 540 persoas.
O descenso importante do paro nos últimos meses está relacionado con que a Xunta deixase de renovar automaticamente a 'tarxeta do paro' desde o 1 de xaneiro
Faltaba por saber os motivos reais de tan importante descenso e o influxo que nel puidese ter o feito de que a Xunta deixase de renovar automaticamente desde o pasado 1 de xaneiro o trámite trimestral para seguir cobrando a prestación de desemprego, recibir posibles ofertas de emprego, formación ou acceder a certas axudas, logo de que en marzo, coa chegada das restricións polo coronavirus, suspendese a obriga de renovar cada tres meses o trámite.
Durante meses, a renovación deste trámite fíxose automaticamente, sen exixirse pedir cita ou tramitalo a través de internet, como ocorre de novo desde o inicio deste ano. O feito de que o descenso no número de persoas rexistradas nas oficinas de emprego coincidese no tempo en xaneiro cunha destrución importante de postos de traballo reforzaba a idea de que boa parte dese descenso tivese que ver máis coa falta de expectativas e a ausencia dunha renovación automática da tarxeta do paro.
En xaneiro, máis de 18.000 persoas abandonaron as listas do paro por non ter renovado a tarxeta de demandante de emprego
Os datos que publicou o IGE hai pouco deitan luz sobre ese efecto. Na estatística que analiza a causa das baixas de demandantes de emprego e, xa que logo, das persoas que abandonan as listas do paro, destaca que no mes de xaneiro foron máis de 18.000 as que deixaron a listaxe ao non renovar a súa tarxeta, fronte ás máis de 23.000 que o fixeron por atopar un traballo e as máis de 9.000 por "outras causas".
Nos meses anteriores --entre abril e decembro-- e ante a renovación automática da tarxeta de demandante de emprego por parte da Xunta, non houbo ningunha baixa por non ter feito este trámite. Antes da pandemia, foron unhas 7.000 persoas en febreiro e 10.000 en xaneiro as que abandonaron as estatísticas do paro polo mesmo motivo, bastantes menos que as dun ano despois.
A condición de demandante de emprego é necesaria par percibir subsidios cando se ten dereito a eles, potenciais ofertas de traballo e acceso a cursos de formación. No entanto, os ofrecementos de emprego a través desta vía son sempre moi escasas. De feito, segundo os últimos datos do IGE, de todas as baixas nas listas do paro por colocación en xaneiro (23.022), só 241 foron con oferta previa deste servizo.
A afiliación media á Seguridade Social aumentou en 1.692 persoas en febreiro pero hai 18.324 menos que hai un ano
Xa que logo, o feito de que a Xunta deixase de renovar automaticamente un trámite que para moitas persoas non é efectivo provoca tamén un importante descenso do paro rexistrado ao abandonar as listas todas aquelas persoas que non acoden á oficina para a renovación ou non o fan a través de Internet.
Por outra banda, no mesmo mes de febreiro, a afiliación media á Seguridade Social aumentou en 1.692 persoas en Galicia e queda en 994.029, 18.324 menos que no mesmo mes de 2020, o último antes da pandemia.
Ademais, Galicia pechou o mes de febreiro cun total de 46.665 traballadores en ERTE, arredor duns 15.000 máis dos que había en xaneiro e superando as cifras que se marcaron no pasado mes de xullo.
Galicia pechou febreiro con 46.665 persoas en ERTE, unhas 15.000 máis que en xaneiro debido ás duras restricións do pasado mes
As novas e duras restricións impostas durante febreiro explican o importante aumento de persoas acollidas a esta figura, máis de 46.000 traballadores e traballadoras que manteñen a súa cualificación como ocupadas nas estatísticas laborais, á espera de volver á a actividade, aínda que cunhas perspectivas aínda incertas pola evolución da pandemia.