O número de traballadores e traballadoras con contrato indefinido en Galicia, que a finais do ano 2021 era de 669.100, é na actualidade de 745.100, uns 75 mil máis
A pasada semana coñecéronse os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) correspondente ao terceiro trimestre. O estudo revelou un bo comportamento do emprego en Galicia nese trimestre, cunha redución do 3.3% na cifra de persoas sen traballo, que contrasta coa evolución dos últimos doce meses, nos que a poboación parada aumentou un 6,42% en Galicia, fronte a unha caída do 12% no conxunto do Estado.
Máis aló das cifras xerais, a EPA do terceiro trimestre volveu amosar un importante aumento no número de traballadores e traballadoras con contrato indefinido e, polo tanto, unha redución da temporalidade, unha tendencia iniciada a comezos deste ano 2022 a raíz da aplicación da nova reforma laboral, que dende o mes de febreiro introduciu máis restricións á temporalidade.
A mellora nas condicións contractuais está a beneficiar a traballadores e traballadoras de todas as idades, pero especialmente aos máis novos e novas, que é precisamente quen máis sofren a temporalidade no emprego
O número de traballadores e traballadoras con contrato indefinido en Galicia, que a finais do ano 2021 era de 669.100, é na actualidade de 745.100, uns 75 mil máis. Á inversa, o número de traballadores e traballadoras con contrato temporal pasou de 215.200 a 166.600 en nove meses. A porcentaxe de asalariados e asalariadas cun contrato indefinido supera o 80% por primeira vez dende o 2009, situándose no 81,74%, oito puntos máis que hai un ano.
Esta mellora nas condicións contractuais está a beneficiar a traballadores e traballadoras de todas as idades, pero especialmente aos máis novos e novas, que é precisamente quen máis sofren a temporalidade no emprego. Entre os maiores de 55 anos, a porcentaxe de traballadores con contrato indefinido é do 90,91%, tres puntos máis que hai doce meses. De igual xeito, os asalariados e asalariadas entre 25 e 54 anos rexistran cifras moi semellantes á media xeral (81,87%, oito puntos máis que hai un ano)
Hai un ano, a porcentaxe de mozos e mozas con traballo que contaban cun contrato indefinido era apenas do 35%. A última EPA eleva esa porcentaxe ata o 51%, máis de 15 puntos por riba
Porén, entre os traballadores de menos de 30 anos, a realidade é moi distinta, e entre eles estase a producir un cambio de verdadeira importancia. Hai un ano, a porcentaxe de mozos e mozas con traballo que contaban cun contrato indefinido era apenas do 35,25%. A última EPA eleva esa porcentaxe ata o 50,68%, máis de 15 puntos por riba.
O cambio é máis notable canto máis novo é o grupo de traballadores e traballadoras. Entre os 25 e os 29 anos a porcentaxe medrou do 43,19% ao 57,97%. E entre os 16 e os 24 anos a proporción pasou de 20,66% ao 37,56%.
Así mesmo, os algo máis de 28.000 contratos indefinidos asinados en Galicia durante o pasado mes de outubro supoñen un incremento superior ao 200% con relación ao mesmo mes do ano pasado e mentres, os 52.000 temporais implican unha diminución interanual por riba do 40%, segundo os datos do Ministerio de Traballo, e superior ao 50% atendendo ao todas as modalidades de contratos non indefinidos que recompila o Instituto Galego de Estatística.
Por sexo, non hai grandes diferenzas e atopamos unha mellora moi semellante na evolución no último ano tanto nos traballadores (do 76% ao 84% con contrato indefinido) coma nas traballadoras (do 72% ao 79%). Porén, se debullamos os datos e observamos unicamente aqueles referidos aos máis novos e novas, si que se advirte unha mellora máis importante no caso das mozas, que en doce meses pasaron do 14% ao 37% con contrato indefinido.