Galicia súmase pola mínima á inusual baixada do paro rexistrado en outubro e o emprego cae mentres sobe na media estatal

Gráfico coa variación do paro no mes de outubro de cada ano dende 2008, sobre unha imaxe de operarios traballando nunha nave industrial de Mos en 2021 CC-BY-SA Foto: Ana Varela / Xunta | Montaxe: Praza.gal

Outubro adoita ser un mes de incremento do paro rexistrado, isto é, das inscricións de demandantes nas oficinas de emprego. Pero este pasado outubro de 2022 non o foi. Pola mínima en Galicia e por unha marxe máis ampla no total estatal, pero non o foi.

O paro rexistrado diminuíu en Galicia un 0,27% e no Estado un 0,92% en outubro, mes no que habitualmente se incrementa

O mes de outono deixou no país 143.720 persoas inscritas como demandantes nas oficinas de emprego galegas, un -0,27% menos, isto é, 389 menos que un mes antes, segundo os datos divulgados este 3 de novembro polo Ministerio de Traballo. Na media estatal o descenso mensual foi do -0,92% e o interanual, do -10,51%, mentres que en Galicia a cifra de persoas apuntadas ao paro está un -6,70% por baixo do de doce meses antes (-10.325).

Nun contexto marcado pola crise de prezos e a incerteza económica global, mais tamén polos efectos da recente reforma laboral -que limita a contratación temporal e, polo tanto, diminúe as posibilidades de que persoas ata agora contratadas por esta vía de xeito recorrente volvan rexistrarse no paro-, a comparación cos catorce meses de outubro que xa pasaron dende o estourido da crise financeira internacional de 2008 é elocuente. 

É o mellor mes de outubro en termos interanuais dende aquela e, en termos mensuais, a diferenza é obvia: dun incremento superior ás 22.000 persoas no paro á devandita diminución de máis de 10.000. En 2021 o descenso interanual fora aínda máis intenso, pero por contraste co dato de 2020, fortemente afectado pola pandemia.

Leve descenso da afiliación fronte á suba no total estatal

A afiliación á Seguridade Social mantense practicamente plana (-0,06%) mentres na media estatal avanza un 0,51%

A leve diminución nas inscricións no paro non se corresponde cun incremento da afiliación media á Seguridade Social en Galicia, que se mantivo en outubro practicamente plana ata rematar nun levísimo descenso do 0,06% (646 persoas afiliadas menos), quedando en 1,048 millóns. Este dato rexístrase malia á diminución do persoal suxeito a ERTE, que pasa de 1.791 en setembro a 1.098 en outubro nos datos medios de cada mes, segundo o Ministerio de Seguridade Social.

As cifras medias estatais tamén son, no que atinxe á afiliación, mellores que as galegas. En termos mensuais, a afiliación media á Seguridade Social avanza un 0,51% (dato influído, entre outros aspectos, polo comezo do curso e a incorporación de profesorado nalgunhas comunidades autónomas) cunha suba interanual do 3,01% que, no caso galego, queda nun incremento do 1,55% a respecto de outubro de 2021.

Os contratos indefinidos asinados en outubro medran por riba do 200% a respecto de hai un ano

Os efectos da reforma laboral percíbense nos devanditos datos de paro rexistrado pero son aínda máis evidentes nos indicadores de contratación. Os algo máis de 28.000 contratos indefinidos asinados en Galicia durante o pasado mes de outubro supoñen un incremento superior ao 200% con relación ao mesmo mes do ano pasado e mentres, os 52.000 temporais implican unha diminución interanual por riba do 40%, segundo os datos do Ministerio de Traballo, e superior ao 50% atendendo ao todas as modalidades de contratos non indefinidos que recompila o Instituto Galego de Estatística.

Estas cifras de emprego indefinido concordan, en números redondos, coas que amosaba recentemente a Enquisa de Poboación Activa do terceiro trimestre do ano. Ese mesmo estudo amosaba que a poboación asalariada galega que traballa a tempo parcial rolda o 13%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.