Setembro ten as mellores cifras de emprego desde 2008 malia subir o paro e destruírse 6.000 postos de traballo

Persoal dun establecemento hostaleiro CC-BY-SA Xunta

O remate do verán destrúe case 6.000 empregos en Galicia, onde o paro sobe en 2.200 persoas: un incremento do 1,55 fronte ao 0,6% estatal, case o dobre

O remate do verán e a finalización da tempada alta de turismo mantén a constante de cada mes de setembro en Galicia, que destruíu desta vez case 6.000 empregos. Os datos afondan nas características dun mercado laboral marcado pola contratación estacional no sector servizos e a elevada rotación, aínda que cunha diferenza fundamental con respecto a anos pasados: o auxe da contratación indefinida provocado pola aplicación da reforma laboral. 

Así, as inscricións nas oficinas de emprego aumentaron en 2.197 persoas en Galicia durante o mes de setembro (+1,55%, case un punto máis que na media estatal, do +0,60%) e quedan en 144.109, o que supón 8.945 menos que un ano antes (un descenso do 5,84% fronte ao 9,70% no conxunto do Estado). No pasado mes, Galicia foi a cuarta autonomía onde máis subiron as inscricións nas oficinas de emprego. 

O dato supón, malia todo, o setembro con menor número de persoas paradas rexistradas desde que comezara a crise de 2008, a segunda cifra máis baixa de toda a serie histórica (1996) nese mes e tamén o setembro con máis emprego desde a crise que dera inicio hai xa 14 anos. 

O número de afiliacións, desde aquela, só foi mellor naquel setembro de 2008, xusto cando se confirmou a quebra de Lehman Brothers que deu inicio á gran crise. Daquela eran 1,082 millóns, cifra que nunca máis se volveu superar en Galicia. 

Agora, neste último mes de setembro, a afiliación media á Seguridade Social diminuíu en 5.985 persoas ata os 1,049 millóns, isto é, 15.117 persoas máis que no mesmo mes de 2021. 

Malia a suba, é o setembro con menos persoas paradas rexistradas desde 2008

Os números, no entanto, empeoran a media estatal. Mentres a destrución de emprego supuxo en setembro en Galicia unha caída do 0,57%, no Estado non só non se perderon postos de traballo senón que as afiliacións incrementáronse nun 0,15%. Con respecto a hai un ano, a mellora é do 3,32% en España fronte ao 1,46% en Galicia. 

Se temos en conta os datos do último día de mes, a afiliación cae en 1.000 persoas en Galicia, ata situarse en 1.038540 afiliados e afiliadas a 30 de setembro. En termos porcentuais é unha caída do 0,1%, mentres que no Estado aumenta case un punto (0,9 %).

O final da temporada estival marca as cifras, xa que, en realidade, o paro rexistrado sobe moi lixeiramente na agricultura, na industria e na construción, pero o aumento no sector servizos elévase ás 2.227 persoas, mentres que no colectivo sen emprego anterior o paro descende en máis de 160. 

O emprego na hostalería e no turismo marca os malos datos como antes determinara os máis positivos, nunha roda que se repite cada ano e que define un mercado laboral moi estacionalizado, máis aínda en Galicia. 

Entre os máis mozos, menores de 25 anos, o desemprego, tivo un mellor comportamento. Baixou en setembro nun 2,69% e tamén diminuíu dun xeito máis acusado no ano, nun 12,82%.

Ademais, aumentan en máis de 9.000 os contratos con respecto ao mes anterior e descenden en 15.610 en relación co mesmo mes do ano pasado. Foron, en total, 81.005. No entanto, mentres a contratación temporal supoñía en setembro de 2021 máis do 90%, a porcentaxe redúcese agora a menos do 65%, abranguendo a indefinida o 35,5% dos contratos asinados, cando hai un ano non alcanzaba o 9%. A porcentaxe, con todo, é aínda inferior á que se dá no Estado onde esta chega ao 46,7%.

Máis do 35% dos contratos asinados en setembro foron indefinidos

É a gran mudanza, derivada da aplicación da reforma laboral. A contratación indefinida asenta e segue en aumento. Así, do total de contratos acumulados no que vai de ano no país, case o 32% foron indefinidos, unha porcentaxe que non hai tanto non chegaba nunca nin ao 10%.  

En setembro foron máis de 81.000 contratacións en total, 28.744 delas indefinidas, o que supón un incremento de máis do 240% con respecto ás do mesmo mes de hai un ano, fronte ao descenso de máis do 40% nas temporais. 

Por sectores, destaca a porcentaxe de contratación indefinida na construción, do
74,8%; do 32,8% no primario; do 36,4% nos servizos; e do 23,4% na industria.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.