A fin do verán e da época turística de maior afluencia fixo subir o paro rexistrado en Galicia en 2.062 persoas no mes de agosto, ata os 141.912, recuperando a tendencia que xa marcaba este mesmo mes antes da pandemia.
A suba é dun 1,47% respecto ao mes de xullo -case idéntica á do Estado, 1,4%-, segundo os datos publicados este venres polo Ministerio de Traballo. Con todo, son 9.532 persoas desempregadas menos apuntadas nas antigas oficinas do INEM que hai doce meses, un descenso interanual do 6,18%, a metade da baixada que se deu no conxunto do Estado, que chegou ao 12,3%.
Do mesmo xeito, o remate da temporada estival destruíu emprego en Galicia, onde a Seguridade Social perdeu 2.862 persoas afiliadas, ata situarse nas 1.055.331, que son aínda 15.861 máis que en agosto de 2021, un 1,53% máis, incremento inferior á media estatal, onde foi do 3,48%.
A pandemia, a reforma laboral e as consecuencias da invasión rusa na Ucraína e das sancións comunitarias a Rusia ligadas ao conflito bélico son os tres principais impactos que sofre o mercado de traballo no conxunto do Estado e tamén en Galicia, factores que cómpre atender para ler os datos.
O paro sobe en agosto, en liña co que acontecía antes da pandemia, aínda que a contratación indefinida pasa de ser menos do 80% a roldar o 30%
O mercado laboral galego volve frear en agosto, pero desta vez seguindo a tendencia que xa marcaban os anos prepandemia, con -maioritariamente- lixeiras subas do paro rexistrado neste mes. E outra vez, a maior parte do incremento dáse no sector servizos, onde se engadiron 1.681 persoas á listaxe de parados, fronte ás lixeiras baixadas na agricultura e as pequenas subas na industria ou na construción.
Con todo, hai cambios. Neste último agosto asináronse en Galicia 71.783 contratos, case 15.000 menos que o mes anterior e uns 8.500 menos que no mesmo mes do ano pasado. Pero mentres hai doce meses a contratación indefinida supoñía tan só un 7,65%, agora elévase ao 29%, con 20.873 contratacións deste tipo e logo do récord rexistrado en xullo.
Destacan as taxas de contratación indefinida na construción, do 72,45%. No sector primario, pola súa banda, situouse en practicamente o 60%, mentres que foi do 23,66% na industria e do 26,88% no sector servizos.