O mercado laboral galego frea en xullo pero aínda medra e a contratación indefinida bate outro récord

Unha traballadora do mar en Vilaxoán (Vilagarcía), nunha imaxe de arquivo de 2019 CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

A pandemia, a reforma laboral e agora, as consecuencias da invasión rusa na Ucraína e das sancións comunitarias a Rusia ligadas ao conflito bélico. Son os tres principais impactos experimentados polo mercado de traballo no conxunto do Estado e tamén en Galicia en apenas tres anos e tres factores aos que cómpre atender tamén, xunto con outros máis conxunturais, para ler os datos de paro rexistrado e de afiliación publicados este 2 de agosto, os referidos ao mes de xullo.

O paro rexistrado sobe levemente na media estatal (+0,11%) e mantense nunha lixeira baixa en Galicia (-0,77%)

No conxunto do Estado o paro rexistrado -as inscricións nas oficinas de emprego de persoas consideradas demandantes dun posto de traballo- aumentou levemente (+0,11%) nun momento do ano no que é habitual que baixe e tras varios meses de comportamento especialmente positivo. Mentres, en Galicia o descenso deste indicador frea, pero non tanto como para pasar ao terreo da suba.

As inscricións nas oficinas de emprego descenderon en -1.082 en Galicia durante o mes de xullo e iso supón unha caída do -0,77% ata quedar en 139.850. É unha cifra que destaca na serie histórica por baixa, mesmo inferior ás do verán previo á crise de 2008, aínda que no caso galego cómpre ter en conta a influencia da perda de poboación. O total queda un 7,95% por baixo de xullo de 2021, mentres que o descenso estatal interanual é do -15,59%.

A afiliación media á Seguridade Social é en Galicia a maior en termos absolutos dende finais de 2008

Tamén a afiliación media á Seguridade Social resiste en Galicia no terreo da suba mensual (+0,92%) fronte a un lixeiro retroceso do total estatal (-0,04%), moi condicionado polos malos datos de territorios como Canarias (-0,67%) ou Madrid (-0,63%), esta última cunha caída na afiliación media en xullo superior ás 21.000 persoas moi ligada ao sector educativo. No caso galego, a afiliación media quedou o pasado mes en 1,058 millóns, o que supón 9.670 afiliacións máis que no mes previo, avance en todo caso menor ao de xullo de 2021, de case 15.000 persoas.

En termos absolutos, o actual volume de afiliación é o maior en Galicia dende finais de 2008 e, ao contrario que na media estatal, non supera os niveis previos á gran recesión por mor do devalo poboacional. Interanualmente, a afiliación á Seguridade Social está un 2,12% por riba da dun ano antes e no total do Estado, o crecemento interanual é do 3,82%.

Novo récord na contratación indefinida

Mentres a incerteza económica internacional e outras conxunturas marcan os datos de emprego e paro a nivel estatal e -aínda que en menor medida, polo momento- tamén en Galicia, o impacto da reforma laboral segue percibíndose nos indicadores de contratación. Os algo máis de 30.000 contratos indefinidos rexistrados en Galicia durante o pasado mes de xullo supoñen un novo récord dende que hai datos comparables. Mentres, os temporais foron algo máis de 56.000.

Os algo máis de 30.000 contratos indefinidos rexistrados en xullo son un novo máximo dende que hai datos comparables

O cambio de tendencia obsérvase con claridade ao comparar os contratos rexistrados no resto da serie. Os asinados este xullo en Galicia (inclúense as conversións de temporais en indefinidos) superan en case un 330% os rubricados doce meses antes. Mentres, os contratos temporais formalizados no mesmo mes son case un 40% menos que en xullo de 2021.

Por áreas de actividade, como vén sendo habitual, a contratación volve ter como protagonista o sector servizos (67.328 asinados en Galicia durante o mes de xullo). Ségueno a industria (13.409), a construción (3.361) e o sector agrogandeiro (2.625).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.