Galicia encabeza a suba interanual do paro malia caer no verán mentres sobe na media estatal

Gráfico da evolución interanual do paro segundo a EPA do terceiro trimestre de 2022, sobre unha imaxe de operarios da factoría de Showa Denko na Coruña CC-BY-SA Foto: David Cabezón / Xunta | Montaxe: Praza.gal

Resultados agridoces para Galicia na Enquisa de Poboación Activa do terceiro trimestre de 2022, o período que recolle a fin do verán e xa reflicte, con máis intensidade, as consecuencias da incerteza económica global derivadas da inflación e da vaga expansiva da guerra na Ucraína, das sancións a Rusia pola invasión e da crise enerxética. A EPA divulgada este 27 de outubro reflicte que nese terceiro trimestre a poboación en desemprego diminuíu nunhas 4.600 persoas ata quedar arredor das 134.800, unha redución do 3,30% mentres que na media estatal aumenta un 2,08% por subas superiores ao 10% en territorios como Murcia, Asturias ou Madrid. Pero o balance anual é máis desfavorable.

A poboación desempregada é menos que antes da pandemia e cae en 4.600 persoas no terceiro trimestre, pero sobe interanualmente un 6,4% mentres na media estatal cae un 12,8% 

Se ollamos cara a hai doce meses, a cifra galega de poboación parada que reflicte a EPA é un 6,42% superior á de hai un ano mentres que na media estatal diminúe por riba do 12%. Abrindo o foco ao resto de autonomías, o que din as cifras é que o comportamento do paro en Galicia é o peor do Estado e está á cabeza dos tres únicos territorios onde hai máis persoas en desemprego que doce meses antes (tamén acontece en Aragón e Asturias).

Sempre segundo os datos divulgados polo IGE e o INE, a explicación a esa suba interanual do paro hai que buscala en tres sectores. Aumenta en case un 30% no que máis persoal aglutina, o sector servizos, ata superar as 50.000 persoas. Pero dispárase sobre todo na construción, cunhas 5.500 persoas en situación de desemprego que supoñen máis dun 60% por riba das rexistradas hai un ano. Increméntase, ademais, na industria.

Mentres, en termos trimestrais, o mal comportamento do sector servizos pola fin da temporada de verán (+11,3%) compénsano o resto de sectores. A construción achega unha diminución trimestral do desemprego dun 22,5% e no sector primario, agricultura e pesca, cae por riba do 12%. No caso do colectivo que busca un primeiro emprego ou que leva máis dun ano no paro, a diminución do desemprego rexístrase en termos tanto trimestrais como anuais.

Nunha ollada temporal máis ampla, as algo menos de 135.000 persoas en situación de desemprego que reflicte a EPA son, en termos absolutos, notablemente menos que no mesmo trimestre antes da pandemia (143.500) e é unha cifra notablemente afastada das que o país chegou a rexistrar durante a crise financeira da década pasada. Non descende, así e todo, ata os niveis previos á caída de Lehman Brothers no verán de 2008, cando o paro se situara en apenas 110.000 persoas.

A menor suba interanual da ocupación

A ocupación aumenta por riba da media estatal en termos trimestrais, pero o crecemento interanual do 0,11% é o menor do Estado. A poboación ocupada con contrato indefinido bate récords e chega ao 80% mentres a parcialidade cae lixeiramente ata o 13,3%

Na outra banda da estatística, a da poboación ocupada, os resultados da EPA para Galicia tamén traen consigo luces e sombras. Durante ese trimestre estival aumentou nunhas 8.500 persoas ata chegar ás 1,12 millóns. Trátase dun incremento intertrimestral do 0,77%, por riba da media estatal do 0,38%.

O balance interanual da poboación ocupada, como acontece coa parada, non é tan favorable. O crecemento das persoas con emprego en Galicia é dun 0,11% interanual, isto é, o menor entre todas as autonomías onde medra o emprego a respecto de hai doce meses (faino en todas agás Cantabria, Aragón, Murcia e Asturias). Trátase dun crecemento feble do emprego moi afastado da media estatal, que marca un 2,57%.

Por sectores, en termos interanuais, o que máis emprego xera avanza de maneira feble, cun 0,2% máis de persoas a traballar no sector servizos que hai un ano e un avance moi similar en termos trimestrais, quedando o total nunhas 800.200 persoas. Mentres, o emprego no sector primario avanza en case un 7% trimestral malia caer case un 3% interanual, ata as 68.900 persoas. Mentres, hai un 6% de persoas ocupadas máis no sector da construción que no mesmo trimestre de 2021 (malia ao forte incremento do paro no sector) e un 1,3% na industria.

Ocupación e paro soben á vez, aínda que en proporcións diferentes, porque aumenta o total de poboación activa

En termos absolutos, o total de poboación ocupada en Galicia é o maior en máis dunha década. Para atopar unha cifra máis avultada hai que remontarse ao verán de 2010. Ao contrario do que acontece no total estatal, a diminución da poboación impide que os niveis totais de emprego superen os previos á crise de 2008.

O que podería semellar unha contradición, cun incremento da poboación ocupada e ao mesmo tempo, unha suba da poboación parada, en realidade, non é tal. A explicación é que se incrementa o total de poboación activa, isto é, a suma das persoas que están traballando ou en condicións de facelo. Hai un ano, a poboación activa galega estaba composta por 1,24 millóns de persoas e agora, por 1,25 millóns, o que supón un aumento do 0,79% interanual e do 0,31% trimestral.

Récord de persoal asalariado con contrato indefinido

No que atinxe á estabilidade do emprego, os datos da EPA seguen a reflectir os efectos da recente reforma laboral. Galicia cruza por primeira vez o limiar do 80% de persoal asalariado traballando con relación laboral indefinida, o que supón unhas 745.000 persoas, mentres que segue diminuíndo moi significativamente a poboación ocupada con contrato temporal, que cae ata as 166.000.

No que atinxe ás taxas de parcialidade (as persoas que traballan a tempo parcial, con independencia de que o seu contrato sexa ou non indefinido), o indicador tamén diminúe pero, por segundo trimestre consecutivo, Galicia supera a media estatal. A EPA do terceiro trimestre reflicte un 13,3% da poboación ocupada traballando a tempo parcial en Galicia e un 12,8% na media estatal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.